26 de Outubro de 2020

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Susana López Abella toma posesión como Secretaria Xeral da Igualdade

13-10-20

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2020. Susana López Abella tomou posesión hoxe como secretaria xeral da Igualdade da Consellería de Emprego e Igualdade. O acto, que se desenvolveu no edificio administrativo de San Caetano, estivo presidido pola conselleira do departamento autonómico, María Jesús Lorenzana, quen destacou a profesionalidade de Susana López Abella e a súa experiencia ao fronte da Secretaría Xeral da Igualdade. Tamén acudiron á toma de posesión o vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, e a conselleira de Política Social, Fabiola García.

Lorenzana afirmou que a prioridade da Xunta de Galicia é continuar loitando con contundencia contra a violencia de xénero e destacou a importancia de seguir facendo políticas encamiñadas a reorientar a tendencia da fenda salarial acadando, deste xeito, a igualdade de xénero no eido laboral. Pola súa banda, López Abella agradeceu a confianza depositada nela para continuar combatendo a violencia de xénero, unha lacra para a sociedade. Sinalou que a Xunta continuará dando apoio directo ás vítimas e seguirá loitando para erradicar a violencia de xénero, unha tarefa que apuntou que só se conseguirá se hai un compromiso de todos os ámbitos.

López Abella ocupou o cargo de secretaria xeral da Igualdade entre outubro de 2011 ata o pasado mes de xuño. Así, conta con ampla experiencia en materia de igualdade ao ter estado á fronte desta secretaría nos últimos nove anos. Nacida en Chantada (Lugo), López Abella realizou estudios de Ciencias Empresariais na Facultade de Empresariais de Vigo e é colexiada en xornalismo polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. Foi secretaría xeral de Familia e Benestar entre abril de 2009 ata outubro de 2011 e foi, ademais, deputada no Parlamento de Galicia, onde traballou nas áreas de muller, política social, igualdade e traballo, entre outras.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive