Nota de Prensa
A única tripulación da aeronave Pesca 2, con base en Celeiro, superou as horas máximas de vóo permitidas e non se dispoñía de persoal alternativo abondo para atender a solicitude urxente formulada polo Hospital da Costa o pasado día 5
A FALTA DE TRIPULACIÓN DE REFORZO IMPIDE O TRASLADO EN HELICÓPTERO DUN ENFERMO GRAVE DESDE O HOSPITAL DE BURELA ATA SANTIAGO DE COMPOSTELA
* Esta situación demostra a “grave irresponsabilidade” do Goberno galego, do PSOE e do BNG, que veñen sostendo reiteradamente que non é necesaria unha nova tripulación de reforzo que substitúa á actual cando ten o tempo de vóo esgotado
* O PPdeG pregúntase cantas vidas poden perderse de ser necesario acometer o rescate dunha embarcación como o Rosamar, fronte a costa norte, mentres o Pesca 2 está no heliporto sen tripulación
* Os populares volven reclamar o cese da conselleira de Pesca por ser incapaz de garantir a operatividade dos medios de emerxencia
Santiago, 8 de xaneiro de 2008.- A falta de tripulación de reforzo imposibilitou o traslado por helicóptero dun enfermo grave desde o Hospital da Costa de Burela (Lugo) ata o Complexo Hospitalario de Santiago Compostela o pasado 5 de xaneiro. O Pesca 2, dependente da Xunta de Galicia, non puido prestar este servizo de transporte aéreo entre ambos centros hospitalarios, tal e como está obrigado a facer segundo o seu contrato de servizo, xa que a única tripulación de voo da que dispoñía este helicóptero superara as horas máximas legalmente permitidas.
Estes datos demostran, en opinión do PPdeG, que o acontecido demostra a grave irresponsabilidade do Goberno galego, do PSOE e do BNG, que veñen sostendo, de xeito reiterado, que non é necesario dotar dunha nova tripulación de reforzo ao helicóptero da Xunta con base en Celeiro, o Pesca 2. Sen embargo, ese reforzamento facilitaría que, unha vez esgotado o tempo máximo de vóo permitido para cada un dos seus tripulantes, estes puideran ser substituídos por novo persoal, garantindo así a total operatividade da aeronave ante calquera requirimento para participar nun servizo de emerxencia.
ESGOTADO O TEMPO MÁXIMO DE VÓO DOS TRIPULANTES
O pasado 5 de xaneiro, contra as 19,00 horas, o helicóptero Pesca 2 efectuou un traslado sanitario desde Burela ata Santiago de Compostela. Tras cumprir este cometido, o persoal que forma parte da tripulación desta aeronave esgotou o tempo máximo permitido para poder voar. A mala fortuna fixo que volvese ser necesario requirir o servizo do helicóptero Pesca 2 para efectuar un novo traslado, neste caso, dunha persoa de Foz, aqueixada por un proceso grave, que aconsellaba ou seu traslado urxente desde o Hospital da Costa ata o CHUS, en Santiago. Tal servizo non puido levarse a cabo, xa que o helicóptero non dispoñía de tripulación de substitución, unha vez esgotado o tempo de vóo regulamentario dos tripulantes habituais. Foi necesario entón realizar o traslado por estrada cunha ambulancia. O percorrido prolongouse durante máis de tres horas, cando podería terse efectuado, de dispoñer do helicóptero operativo, en menos de 60 minutos.
IRRESPONSABILIDADE QUE RAIA A NEGLIXENCIA
O portavoz parlamentario do PPdeG, Manuel Ruiz Rivas, considera que un suceso desta gravidade require dunha explicación inmediata por parte da Administración autonómica, ao tempo que reclama que se adopten as medidas necesarias para evitar que volvan producirse situacións semellantes á denunciada.
O portavoz popular insiste en que a Xunta de Galicia non pode permitir que unha xestión deficiente e neglixente dos recursos poda acabar deixando sen atención as situacións de emerxencia que se producen na Mariña lucense e, de xeito especial, as relacionadas coa protección da saúde e da integridade física das persoas.
CESE DA CONSELLEIRA
Neste contexto, Ruiz Rivas volve reclamar o cese inmediato da conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos quen, xunto cos responsables dos PSOE e do BNG, enganaron a aos integrantes do sector pesqueiro que opera na costa norte das provincias de Lugo e da Coruña e a todos os veciños das comarcas da Mariña lucense e de Ortegal. Nas diversas ocasións nas que o PPdeG reclamou unha nova tripulación para a aeronave con base en Celeiro, o Bipartito e os seus socios parlamentarios insistiron en que o cadro de persoal que hoxe traballa co helicóptero Pesca 2 era suficiente para garantir a operatividade da aeronave, “afirmación que xa non só é rotundamente falsa, senón que ademais constitúe unha tomadora de pelo que raia a neglixencia”.
Por iso, o portavoz parlamentario do PPdeG reclama da Xunta unha rectificación inmediata e que asuma o compromiso de dotar dunha nova tripulación de reforzo a esta aeronave, de tal xeito que sexa capaz de garantir a operatividade do servizo ás 24 horas do días os 365 días ao ano e, de ser posible, que o faga a través de gardas con persoal presente na base, que diminúen o tempo de resposta ante calquera incidencia.
¿E SE SE PRESENTA UNHA SITUACIÓN DE PERIGO CO HELICÓPTERO INOPERATIVO?
De feito, o deputado popular alerta que pode producirse unha coincidencia dobremente negativa, como o período de descanso obrigatorio da tripulación do Pesca 2 cunha alerta no mar, como a que tivo lugar hai un mes co naufraxio do Romamar.
Nese caso, a falta de operatividade da aeronave con base en Celeiro frustraría a operación de rescate e retrasaría todo o operativo, co conseguinte risco para as vidas humanas. “Estamos a falar da responsabilidade directa da conselleira de Pesca, Carmen Gallego, que dispón dos medios suficientes pero carece da vontade necesaria para garantir a operatividade dos nosos servizos de emerxencia durante o tempo debido”, agrega o portavoz parlamentario do PPdeG.

















Villares subliñou o éxito de convocatoria do evento, que reúne cada ano a numerosos participantes e afeccionados en Ribadeo, “aproveitando o atractivo da ría e do seu porto deportivo para atraer visitantes e complementar co deporte a súa ampla oferta de natureza, patrimonio e gastronomía”. A presente edición estivo dedicada á figura de Leopoldo Calvo-Sotelo, con motivo do centenario do nacemento do que fora presidente do Goberno e alcalde honorario do municipio. Ademais das regatas de vela en distintas categorías, celebráronse bautizos de buceo, charlas ou un concurso de pesca, entre outras actividades.
Na xuntanza preténdese analizar a execución das obras, o comportamento da empresa responsable, a problemática dos accesos durante as Festas de Xunqueira e solicitar ao Concello de Viveiro que faga público o proxecto definitivo.
A marcha partirá ás 12:30 horas diante do Concello, percorrerá as rúas peonís do centro e rematará novamente na casa consistorial, onde se lerá un manifesto. A plataforma chama a mobilizarse cunha mensaxe clara: cada bomba destrúe vidas e cada silencio convértenos en cómplices. Defenden que é o momento de saír á rúa para esixir o fin da violencia, o respecto aos dereitos humanos e a liberdade do pobo palestino, lembrando que a presenza das persoas manifestantes é a voz de quen hoxe non pode falar. A convocatoria péchase cun triplo chamamento: non á guerra, non ao silencio e non á indiferenza.
Estiveron acompañados polas dúas técnicas de Xuventude, para gozar dunha mañá nas distintas actividades que ofrece este parque de trampolíns. Pola tarde, o grupo parou a xantar no Lago das Pontes, onde puido coñecer a historia da súa creación e desfrutar dun baño. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa “Verán a Tope en Xove 2026”.
Evaristo Calvo, Rebeca Montero e Vítor Mosqueira interpretaron o pasaxe que recrea os últimos momentos do Mariscal Pardo de Cela e da súa muller, Isabel de Castro, antes da traizón da Frouseira. A acción cultural, coordinada por Carme Varela e promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, rende homenaxe ao gran dramaturgo do Valadouro no seu primeiro cabodano.
A Orquesta Mondragón con Javier Gurruchaga á cabeza e Fórmula V con Paco Pastor encheron de lembranzas e de ritmo a noite ribadense. Desde o Concello fan un balance moi positivo do concerto "xa que contribuíu á dinamización económica da nosa vila".
O Campo de Fútbol de As Valgas acolleu as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que pechou unha noite inesquecible.



