CERVO .- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, dixo sentirse defraudado tras comprobar que nos orzamentos provinciais do presente ano 2010 a Deputación de Lugo non consigna nin un só euro á compra dos terreos anexos ao Museo do Mar, necesarios para garantir a súa ampliación.
Para o alcalde, a suposta implicación dos actuais responsables provinciais queda en evidencia con estes feitos, e cominounos a materializar un acordo do Pleno de Cervo no que os tres grupos municipais solicitaban por unanimidade que a Deputación asumira os custos do proceso de ampliación do Museo do Mar, algo ao que se comprometeu o devandito organismo provincial.
O rexedor cervense lembrou que os propietarios do terreo anexo ao Museo do Mar solicitaron no Concello a redacción dun estudio de detalle da mazá onde se atopa o museo có obxecto de construír nela un edificio de vivendas, unha vez que en marzo de 2008 rematara a suspensión de licencias nesta área. “Por iso -indicou o alcalde- dende o Concello de Cervo esixímoslles aos responsables provinciais que materialicen canto antes o compromiso asumido polo anterior goberno da Deputación e que foi promovido hai tres anos a instancias dun acordo municipal adoptado por unanimidade da corporación cervense e que consistía en que a Deputación adquirira estes terreos para adicalos á ampliación do museo e garantir así o desenvolvemento harmónico do urbanismo en San Ciprián, pero cada día que pasan sen asumir a súa responsabilidade fai que se complique a posibilidade de lograr destinar estes terreos a ese obxectivo” recoñeceu.
Segundo Villares, a pesares de todos os intentos do Concello para evitar chegar a esta situación, a día de hoxe non existe tal compromiso económico da Deputación “e agora no Concello atopámonos coa solicitude dun particular para retomar a redacción do Estudio de Detalle nesta parcela có obxecto de construír nela un edificio de vivendas sen que podamos facer máis nada que cursala como é preceptivo, ao ser este un acto regrado” lembrou.
Para o primeiro edil de Cervo esta actitude “de palabrería baleira de contido e de feitos” da Deputación demostra “a nula vontade” en solucionar o tema. “Dubido moito que os veciños de Cervo, e de San Ciprián en particular, podan entender cales son as razóns polas cales estes señores non formalizan dunha vez por todas o compromiso de compra dos terreos para adicalos á ampliación e á posta en valor dunha institución creada polo pobo de San Ciprián que forma parte do patrimonio non só de Cervo, se non tamén de tódalas xentes do mar da provincia de Lugo” asegurou o alcalde.
“O único que queremos é que neste tema os membros dos grupos que sustentan o Goberno da Deputación se deixen de cinismos e dobres discursos e se adiquen a traballar en favor dos veciños de Cervo e de San Ciprián para solucionar dunha vez por todas este tema” recalcou o rexedor cervense.