Ribadeo (FNC) .- Teatro, animación á lectura para os máis pequenos, exposicións e música compoñen a oferta cultural de Ribadeo para o segundo trimestre do ano. A programación arranca hoxe coa inauguración dunha exposición e o domingo cunha representación teatral.
A concelleira de Cultura conta que “en Ribadeo contaremos con tres obras teatrais de moi distinto carácter neste trimestre. Comezamos este domingo 25 de abril con O forno, da compañía Elefante Elegante. É unha formación galego-portuguesa que crea espectáculos que teñen moi en conta o teatro físico e a plástica. A obra que nos presentan ten entre os seus atractivos o de pertencer a un xénero clásico que poucas veces se ten oportunidade de ver, o da commedia dell’arte. Ademais é unha crítica ao consumismo que caracteriza a sociedade contemporánea. A pesares de ser unha función programada en horario de adultos, ás 20:30 horas no auditorio Hernán Naval, é recomendable para todos os públicos e xa está sendo habitual que pais e nais acudan cos seus nenos a vela”.
Mariluz Álvarez Lastra segue a relatar que “o 9 de maio Sarabela Teatro presentará A Esmorga, obra cume da nosa novela moderna levada ás táboas por unha compañía de enorme prestixio. A montaxe foi a grande gañadora dos últimos premios María Casares cos galardóns ao mellor espectáculo teatral, ao mellor actor secundario, á mellor iluminación, á mellor escenografía e á mellor adaptación-tradución. E por último, o 23 de maio visita Ribadeo Bengala Producións, unha compañía especializada en achegar a ópera ao grande público e que xa ofrecera un espectáculo no Hernán Naval en 2007. Desta vez, estamos diante dunha obra de teatro, Master Class, que xira arredor do personaxe de María Callas. A actriz María Torres e Lino Braxe acompañan a Mabel Rivera, a actriz que da vida á cantante. Os dous papeis líricos están reservados á soprano Julia Cea e ao tenor Henrique Martínez”.
A concelleira de Cultura explica que “continuamos coas actividades para os máis pequenos e sobre todo coa animación á lectura. Os sábados pola tarde a nosa biblioteca municipal transfórmase nun espazo de contacontos e actividades arredor dos libros. Este trimestre teremos unha cita o 5 de xuño ás cinco e media da tarde cun espectáculo denominado Xogando cos contos e cos debuxos, trátase de que os nenos vexan como se poden ilustrar os contos”.
Exposicións
Nesta tempada haberá dúas exposicións en Ribadeo. Unha que se inaugura hoxe na OMIC e patrocinada por Cajastur, Os últimos neanderthais. O alumnado de primaria terá oportunidade de visitala. Mañá venres a partires das 10 da mañá acudirán oas alumnos do colexio Gregorio Sanz. A actividade inclúe un obradoiro con barro. Logo do remate da cuarta edición de Mariñarte que recibiu arredor de 1.000 visitas, o I Certame de Pintura Rápida, organizado polo Concello e o CCA, foi unha das actividades que máis expectación despertou no inicio desta primavera. A partires do 5 de maio poderánse ver na OMIC as 19 obras participantes.
Letras Galegas
Álvarez Lastra engade que “Pan e Letras leva por terceiro ano consecutivo a figura homenaxeada o día das Letras Galegas, nesta ocasión Uxío Novoneyra, a quioscos, librarías e puntos de venda de pan. Como sabedes, o 17 de maio repartimos nestes estabelecementos un cartón cun texto alusivo acompañado dun deseño. A obra escollida para figurar no cartón é a gañadora dun concurso realizado coa colaboración dos centros de ensino. Na celebración das Letras Galegas tamén estará presente a Banda de Música que ofrecerá un concerto o 16 de maio”. Ademáis o 29 de abril a Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo celebra o Festival de Danza, e durante o mes de maio haberá audicións de toda a Escola que se irán publicitando a medida que se aproxime a data de celebración. O 25 de xuño será o Festival fin de curso da EMMD no auditorio municipal.
A edil de Cultura suliñou que “Ribadeo acollerá este ano o Cerrelingua da Mariña o vindeiro 5 de maio. En total participarán uns 1.200 rapaces. Trátase dunha carreira que implica a profesorado e alumnado de todo o país. É unha maneira de chamar a atención sobre a situación de inferioridade que segue a sufrir a nosa lingua e un xeito tamén de reivindicar a súa plena normalidade sobre todo entre os máis novos”.
Completan a programación cultural deste trimestre o II Certame Hernán Naval de Intérpretes Mozos, que será segundo Mariluz Álvarez, “moi concurrido porque xa se agotaron todas as prazas”; e tamén o XXI Curso de Verán da Fundación Luis Trelles.





















Villares subliñou o éxito de convocatoria do evento, que reúne cada ano a numerosos participantes e afeccionados en Ribadeo, “aproveitando o atractivo da ría e do seu porto deportivo para atraer visitantes e complementar co deporte a súa ampla oferta de natureza, patrimonio e gastronomía”. A presente edición estivo dedicada á figura de Leopoldo Calvo-Sotelo, con motivo do centenario do nacemento do que fora presidente do Goberno e alcalde honorario do municipio. Ademais das regatas de vela en distintas categorías, celebráronse bautizos de buceo, charlas ou un concurso de pesca, entre outras actividades.
Na xuntanza preténdese analizar a execución das obras, o comportamento da empresa responsable, a problemática dos accesos durante as Festas de Xunqueira e solicitar ao Concello de Viveiro que faga público o proxecto definitivo.
A marcha partirá ás 12:30 horas diante do Concello, percorrerá as rúas peonís do centro e rematará novamente na casa consistorial, onde se lerá un manifesto. A plataforma chama a mobilizarse cunha mensaxe clara: cada bomba destrúe vidas e cada silencio convértenos en cómplices. Defenden que é o momento de saír á rúa para esixir o fin da violencia, o respecto aos dereitos humanos e a liberdade do pobo palestino, lembrando que a presenza das persoas manifestantes é a voz de quen hoxe non pode falar. A convocatoria péchase cun triplo chamamento: non á guerra, non ao silencio e non á indiferenza.
Estiveron acompañados polas dúas técnicas de Xuventude, para gozar dunha mañá nas distintas actividades que ofrece este parque de trampolíns. Pola tarde, o grupo parou a xantar no Lago das Pontes, onde puido coñecer a historia da súa creación e desfrutar dun baño. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa “Verán a Tope en Xove 2026”.
Evaristo Calvo, Rebeca Montero e Vítor Mosqueira interpretaron o pasaxe que recrea os últimos momentos do Mariscal Pardo de Cela e da súa muller, Isabel de Castro, antes da traizón da Frouseira. A acción cultural, coordinada por Carme Varela e promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, rende homenaxe ao gran dramaturgo do Valadouro no seu primeiro cabodano.
A Orquesta Mondragón con Javier Gurruchaga á cabeza e Fórmula V con Paco Pastor encheron de lembranzas e de ritmo a noite ribadense. Desde o Concello fan un balance moi positivo do concerto "xa que contribuíu á dinamización económica da nosa vila".
O Campo de Fútbol de As Valgas acolleu as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que pechou unha noite inesquecible.



