XERMADEO .- A Xunta quere elaborar una normativa para ampliar o concepto de parque experimental e traballa na posibilidade de instalar “unha área marítima experimental na costa galega” co obxecto de desenvolver “proxectos de enerxía maremotriz”, segundo afirmou o titular do goberno galego na inauguración da vivenda bioclimática demostrativa de Sotavento.
Nota de Prensa
Avanza que a Xunta tamén porá en marcha un Plan de aforro e eficiencia nos edificios da Administración pública galega co obxectivo de acadar un aforro de ata o 40%
FEIJÓO ADIANTA QUE O PLAN ENERXÉTICO DE GALICIA 2010-2015 PERMITIRÁ UN AFORRO DE 1.000 MILLÓNS DE EUROS
* Adianta que o Goberno galego traballa na posibilidade de instalar “unha área marítima experimental na costa galega” co obxecto de desenvolver proxectos de enerxía maremotriz
* Salienta que a finais deste ano a Xunta adxudicará 3.300 novos megavatios: aos máis de 2.300 do concurso eólico, hai que sumar outros 300 de plans eólicos empresariais, outros 500 que xa foron adxudicados e 100 de parques experimentais
* Sostén que incrementará a taxa de autoabastecemento do 27 ao 30% nos próximos cinco anos
* Subliña que a Xunta pretende elaborar una nova normativa para ampliar o concepto de parque experimental, para aplicalo a outras localizacións e a outros aproveitamentos enerxéticos
* “Galicia quere ser líder no desenvolvemento das enerxías renovables e proba disto é que estimamos que no ano 2015 o 95% da enerxía que se produza en Galicia proveña das enerxías renovables”, engade
Xermade (Lugo), 21 de xuño de 2010.- “Temos ultimado o Plan enerxético estratéxico de Galicia 2010-2015”, un plan que se presentará “en poucas semanas” e que “pretende conseguir un aforro nos próximos cinco anos de 1.000 millóns de euros no que a enerxía se refire”. Así o adiantou esta mañá o presidente da Xunta na inauguración da vivenda bioclimática demostrativa de Sotavento, acto no que incidiu en que para aforrar é tamén necesario investir. Por iso, agregou, “investiremos neste plan 1.200 millóns de euros para conseguir un aforro de 1.000 millóns nestes anos e continuar aforrando despois de ter realizado este investimento”.
“Imos fomentar o aforro e a eficiencia, imos cumprir os máximos respectos medioambientais, imos fomentar e a concienciar á cidadanía e imos fomentar a investigación no ámbito da enerxía”, asegurou Núñez Feijóo explicando que isto tamén vai permitir incrementar a taxa de autoabastecemento enerxético de Galicia desde o 27% ata o 30% nos próximos anos. Trátase dun aforro “constante no tempo e que mellorará o noso posicionamento económico, a competitividade da nosa economía e o abaratamento dos cutes de produción de todo aquilo que se faga en Galicia”, incidiu o xefe do Executivo autonómico
Plan de aforro e eficiencia nas administracións públicas
Paralelamente, o titular da Xunta avanzou que o Goberno galego tamén porá en marcha un novo Plan de aforro e eficiencia nas administracións públicas. “A enerxía renovable ten outro compromiso que é o aforro daquelo que non é imprescindible gastar”, argumentou Feijóo afirmando que “sustentabilidade é tamén austeridade”. Por iso, enfatizou, “comprometémonos a acadar un aforro de ata o 40% nos edificios públicos da Xunta, xa sexan instalacións hospitalarias, sanitarias, educativas ou edificios administrativos que nos permitan ir pouco a pouco achegámonos a esta casa intelixente que hoxe damos pé á súa divulgación”.
3.300 megavatios eólicos
Alberto Núñez Feijóo destacou, ademais, o compromiso da Xunta de facer das enerxías limpas e da rendibilidade enerxética “un eido estratéxico da economía de Galicia”. Neste eido avanzou que a finais deste ano, “3.300 novos megavatios eólicos estarán adxudicados en Galicia”. “Non só os máis de 2.300 megavatios do concurso eólico en trámite, senón que sumaremos outros 300 de plans eólicos empresariais que se teñen que sumar aos outros 500 megavatios que nos primeiros 14 meses de goberno xa foron adxudicados, así como outros 100 de parques experimentais”, explicou.
“En definitiva, 3.300 megavatios funcionando ou adxudicados ao final deste ano”, unha proba, esgrimiu Feijóo, do compromiso estratéxico da Xunta ao igual, dixo, que o feito de que Galicia sexa a primeira comunidade autónoma en apostar polo coche eléctrico; que fose a primeira comunidade autónoma en regular, mediante decreto, as estación de recarga dos coches eléctricos en España; ou que é a primeira comunidade en aprobar o Clúster da Xeotermia. “Estamos comprometidos con esa enerxía e cos proxectos empresariais e cos investimentos das empresas que aposten por esta forma de facer economía”, indicou ao respecto.
Área marítima experimental
Na súa intervención, o titular do Goberno galego destacou tamén que a Xunta pretende elaborar unha nova normativa para ampliar o concepto de parque experimental, para aplicalo a outras localizacións, e para aplicalo a outros aproveitamentos enerxéticos e que xa está a traballar na posibilidade de instalar “unha área marítima experimental na costa galega” co obxecto de desenvolver “proxectos de enerxía maremotriz”.
Respecto ao parque experimental de Sotavento, Feijóo salientou que se ten consolidado como “un centro de formación e un centro de divulgación en materia de enerxía renovable, de aforro enerxético e de protección do medio ambiente”. “Sotavento hoxe é o que se pretendía: un parque experimental aberto a todo tipo de ensaios de enerxías renovables e aberto ao aforro enerxético. É un compromiso onde estamos todos”, incidiu.
Respecto á casa bioclimática, o presidente da Xunta sinalou que este proxecto sitúa Galicia como un referente non só desde o punto de vista das enerxías renovables, senón tamén como un referente na investigación e na innovación e cualificou esta vivenda como “a vangarda de bioconstrución”. Feijóo explicou que a casa se basea “no sistema de utilización de enerxías renovables, na implantación de medidas de aforro e en medidas de eficiencia enerxética”. “Trátase dunha casa intelixente porque aproveita intelixentemente os recursos autóctonos e porque aforra intelixentemente a enerxía que producimos”, enfatizou.
“Galicia quere ser líder no desenvolvemento das enerxías renovables e proba disto é que estimamos que no ano 2015 o 95% da enerxía que se produza en Galicia proveña das enerxías renovables”, engadiu o mandatario galego, destacando que a vivenda bioclimática de Sotavento combina o aforro enerxético co confort.


















Esta cita, xa consolidada dentro da programación estable do centro, permitirá ao público gozar dunha mostra do traballo artístico e formativo desenvolvido ao longo do curso polo alumnado da especialidade. A actividade constitúe unha oportunidade para achegar a danza á cidadanía e poñer en valor o esforzo, a dedicación e a evolución das alumnas e alumnos participantes.
O Concello destaca que este novo éxito é froito do compromiso, do esforzo e da dedicación constante do deportista, cualidades que lle permiten seguir acadando resultados destacados a nivel estatal. Desde a entidade municipal transmítense os parabéns a González Villares por este subcampionato de España.
A proba, organizada polo CP Altrúan, reuniu máis de 130 palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García entregou os premios da proba, na que Club Fluvial de Lugo, Cidade de Lugo e Altruán coparon o podio por equipos. A Copa Deputación de Piraguismo, que conta de 6 regatas, organízase no marco da colaboración que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén coa Federación Galega de Piragüismo para a promoción deste deporte, ofrecendo aos clubs a posibilidade de participar en competicións federadas nas súas comarcas e contribuíndo así á consolidación de equipos de base.
Malia a intensa calor, o pavillón encheuse de público para gozar das actuacións das numerosas alumnas, que ofreceron exercicios individuais, por parellas e en grupo, destacando pola súa beleza e dificultade técnica ao ritmo da música escollida. Ao remate, a concelleira Ana Rubal entregou medallas ás participantes, que tamén agradeceron o traballo e os valores transmitidos pola súa monitora, Lorena Fernández. Lémbrase que a festa de clausura das Escolas Deportivas terá lugar o luns 29 ás 19:00 horas, nun acto conxunto co Concello de Alfoz, no que haberá diversas actividades de celebración e a entrega de diplomas.
A cantante e instrumentista asturiana Mónica Acevedo actuará en formato solista, mentres que o equipo do local ofrecerá un menú especial con pratos como o tartar de xarda, gañador do “Ribadeo Sabe”, gazpachuelo de tempada, lomo de sardiña con berenxena afumada, cóctel de lagostinos, bonito de Burela con melocotón asado e sopa de cebola, e solombo de porco celta con xudías tenras. A cita comeza ás 21:15, con prazas limitadas e reserva imprescindible.
A xornada incluíu tamén o IV Torneo de Pádel, que continuará durante a fin de semana. O evento, organizado polo Concello xunto con ASAPA e Miño Vivo e coa colaboración da Xunta, recupera unha iniciativa nacida hai catro anos a petición da mocidade, coa intención de consolidala no tempo. O tenente de alcalde, Marcos García Lombardero, destacou a alta participación —catro veces maior ca na primeira edición— e agradeceu a implicación de entidades, colaboradores e asistentes, así como a presenza de representantes da Xunta, do Parlamento e da Deputación.
Adultos, nenos, familias, grupos de amizades fixeron o percorrido nun día espectacular de sol e cunha temperatura de 26º á hora da saída. Acudiron á cita o presidente provincial da AECC, José Manuel Rozas, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, as concelleiras e concelleiro ribadenses, Marta Saiz, Begoña Sanjurjo, Elena Sierra e Francisco José Silvent, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, así como representantes da AECC de Ribadeo coa súa presidenta, Tea Martínez, á cabeza. A II Andaina Ribadeo en marcha contra o cancro contou co patrocinio de Solán e Acisa Ribadeo e coa colaboración do Concello de Ribadeo, Eroski e 2M.



