“Os españois teñen perdido a súa confianza nos políticos, o gran problema é a ausencia de ideas”. As verbas, que corresponden a Luis de Guindos, ex Secretario de Estado de Economía, puidéronse ver este fin de semana en varios xornais.
Non estou de acordo. Mellor dito, si o estou na primeira parte, en que temos perdida boa parte da confianza nos políticos, pero non na segunda. Coido que a política a nivel estatal da abondantes exemplos, pero se non o cree así, tiña que vir o sr. Guindos a Ribadeo. De seguro que, como mínimo, especificaría un pouco máis. O gran teatro do mundo non esquece ós politicos ribadenses, a quen non se lles pode tildar de non ter ideas, e estes días tivemos unha representación que o amosa e que non sei ben se cualificar de comedia ou traxedia, en plena crise tanto estatal como autonómica ou local. Crise que polo menos a nivel local ten paralizadas as respectivas finanzas pero non as ideas. Que se axusten istas á gobernanza ou non, esa xa é fariña doutro costal.
A representación declarada polo propio partido en Ribadeo consistiu nunha obra de teatro do PSOE local (foi difundido así, do PSOE, aínda que dubido que participara todo o partido nin aínda unha maioría) segundo dixeron, para desenmascarar o pacto entre PP e BNG. A cousa ten máis entidade que o sinxelo comentario na rúa, e coido que debera ser estudado con algo de profundidade e deixado en papel, porque a parte da actualidade presente do tema, tamén forma parte xa da historia de Ribadeo. Refírome ó transcorrido en e dende a moción de confianza a raíz de non seren aprobados os presupostos: foi negada, o que desembocou na posibilidade dunha moción de censura, para o que había que presentar un candidato á alcaldía apoiado por máis da metade da corporación ou de xeito alternativo, todo seguiría igual e cos presupostos aprobados. Dende aquela, UPRi declarouse disposto a votar calquera alternativa (pero en principio, non terían por que ser necesarios os seus votos, abondando con PP e PSOE). O PSOE primeiro dixo que o estudaría, despois escenificou a separación rebelde dun concelleiro contra o partido e os seus compromisos a nivel galego (co que a moción sairía adiante cos votos de UPRi), e logo rematou dicindo que todo fora unha farsa para poñer branco sobre negro o pacto PP-BNG e rehabilitando como íntegro ó concelleiro que supostamente ía por libre e a votar en conciencia. O PP pode dicirse que non moveu un dedo dende a significativa negativa na moción de confianza, tendo en conta que é o partido, xunto co BNG, que máis concelleiros ten. O BNG, unha vez negada a confianza, seguiu a gobernar deixando que os demáis fixeran o que quixeran, e unha vez autodescuberta a trama do PSOE, o alcalde dixo que naquel momento tiña moito que facer como para comentar a xogada. Total, vinte días.
Non se sabe se o narrado polo PSOE é mentira ou feito. Debemos supoñer que é feito, pois así o din eles, pero cabe dubidalo na procura dunha saída que dane o menos posible non á credibilidade do partido, senón á credibidilidade da política ribadense en conxunto, porque afecta a todos. Se é un feito, mal: ter enganada á poboación xogando nun momento de crise institucional en Ribadeo (inmerso noutra crise a outros niveis) non parece o mellor xeito de facer política, a non ser que se poña de exemplo o de ‘panem et circenses’, e mesmo así, sen o pan e con circo moi lento. Se é unha mentira, trátase de querer disimular moitas cousas, demasiadas. De calquera xeito, en troques de políticos, convírtense en actores, como se se estivera postulando para as eleccións un modelo basado nas votacións en televisión nas que as posibilidades redúcense a votar comediantes en troques de intérpretes musicais. Entre outras cousas, onde foi a falta de respecto ós votantes?
A política no sistema actual escápaseme no máis profundo a tódolos niveis, dende a estatal á galega ou a local, coido que como a outra moita xente que se move entre a incredulidade do que está a pasar e o escepticismo pasota, equivalente a deixar a gobernanza á ditadura dos políticos. Aínda así, por iso de que o concello é veciño de tódolos ribadenses, paréceme que no seu caso debera ser algo máis comprensible. E non me estou a referir ó que se chama tirar réditos políticos da postura dun partido por parte doutro, senón sinxelamente, máis comprensible na aspiración de que a política se achegue á realidade e tente dar posibilidades á vida dos administrados.
Unha cita de Albert Camus indícanos que ‘a verdadeira xenerosidade para o futuro consiste en entregalo todo ó presente’. Coido que neste caso foi mal entendida. Non se trata de entregar as capacidades dos políticos como actores, nin facer que se fai unha entrega e logo dicir que era teatro, senón dunha entrega real, algo ó que os políticos últimamente non nos teñen moi afeitos.
Antonio Gregorio Montes



















O acto terá lugar o vindeiro luns 18 de maio, coincidindo coa celebración do Día Internacional dos Museos, unha data sinalada para poñer en valor o patrimonio cultural e mariñeiro do concello. Tras un período de traballos de mellora e adecuación, o museo —un referente na comarca— reabre para ofrecer ás persoas visitantes unha viaxe inmersiva a través da herdanza mariñeira, da industria conserveira e da estreita relación das súas xentes co Cantábrico.
Unha obra para todos os públicos. Hora: 20.00. Entrada libre ata completar aforo, non é necesario facer reserva de entradas.
O encontro, aberto ao público, terá lugar na Casa Museo Álvaro Cunqueiro e será moderado por membros da propia asociación. A sesión busca reflexionar colectivamente sobre a posibilidade de que Mondoñedo aspire a ser recoñecida como Patrimonio da Humanidade, abordando a cuestión desde perspectivas históricas, patrimoniais, artísticas, naturais e humanísticas. A actividade comezará ás 11:00 h e a organización anima a toda a veciñanza a participar e compartir opinións.
O Comité de Empresa de Alúmina‑Aluminio San Cibrao informa de que a Secretaría de Industria convocou ao comité á 19ª reunión de seguimento do acordo de viabilidade, que se celebrará o venres 15 de maio ás 12:30 horas na Delegación do Goberno en A Coruña. Unha vez rematada a reunión, o comité procederá a informar aos traballadores sobre os resultados e avances do encontro.
A participación estará aberta do 14 ao 18 de maio, e a persoa gañadora poderá escoller entre cinco modelos diferentes. A propietaria, Susana Moreira, fai un balance moi positivo desta década, na que o negocio evolucionou ata centrarse en mercería, venda de la e artigos artesanais elaborados por ela mesma. Ademais, ofrece arranxos de roupa e organiza cursos e talleres de ganchillo, calceta e bordado, como o previsto para o 23 de maio. A maior parte da clientela e das persoas que participan nas actividades son mulleres, aínda que tamén acoden nenos e mozos interesados en técnicas como os amigurumis.
Será este xoves, día 14 de maio, ás 19:00 horas no salón de actos do Concello. O mago Pedro Bugarín presentará o seu espectáculo titulado Galicia con maxia. Para esta actividade o Concello de Lourenzá conta coa colaboración da Deputación de Lugo.
Nesta ocasión participará Susana Vázquez Fernández, coach de saúde emocional e facilitadora en procesos de duelo e perda, que impartirá o faladoiro “Xestión do ánimo”, centrado en técnicas de relaxación, pensamento positivo e coidado da saúde mental para mellorar o benestar emocional. A actividade está aberta á veciñanza e busca crear un espazo para compartir, aprender e coidarse en comunidade. Conta co apoio e colaboración da Asociación de Xubilados Terramar.



