NOTA DE PRENSA:
‘Contos coas mans abertas’ sensibilizará sobre a solidariedade internacional mañá en Xove
– O Concello organiza a representación en calidade de membro do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, que promove esta xira por vinte municipios
– O espectáculo da compañía A Tropa de Trapo, dirixido a público adolescente e adulto, inclúe música en directo con instrumentos de diferentes países
Xove, 23 de agosto de 2010. A xira ‘Contos coas mans abertas’ promovida polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade dentro das súas actividades de sensibilización chega mañá martes 24 de agosto á vila de Xove, na Mariña lucense. A representación, organizada polo Concello en calidade de membro da entidade municipalista, terá lugar ás 20 horas na aula multideportiva da Casa Consistorial, con entrada de balde. A proposta enmárcase na programación das festas locais na honra de San Bartolo.
O espectáculo músico-teatral creado expresamente para esta campaña pola compañía compostelá A Tropa de Trapo percorrerá ata finais de ano un total de vinte Concellos asociados ao Fondo Galego de Cooperación. Canda Xove, son Ramirás, Arteixo, Porto do Son, Ferrol, Sada, Cambre, Salceda de Caselas, A Estrada, Culleredo, Ames, Nigrán, Mos, Verín, Cangas, Carballo, Burela, Abegondo, O Valadouro e Poio os lugares seleccionados para acoller as representacións.
A proposta, dirixida a público adolescente e adulto, baséase en contos narrados a dúas voces onde a música en directo cobra especial relevancia. Instrumentos como a guitarra, a kalimba, o goni ou o laúde árabe mergullan aos espectadores en historias reais, recollidas case todas en primeira persoa, contos sinceros e achegados que falan do fondo humano que nos une a todos. Sen caer en tópicos sobre a solidariedade e a cooperación, ‘Contos coas mans abertas’ é un espectáculo cheo de esperanza, de humor, de amor, de pequenas loitas e grandes soños. Son contos para mellorar o mundo e entendelo mellor.
Mulleres da aldea, cooperantes, guerrilleiros sandinistas, vacas, inmigrantes do Magreb ou unha tribo de bosquimanos son algúns dos protagonistas das historias contadas por Marta Ortiz e Brais Gutiérrez, dous ensinantes de vocación que en 2006 xuntaron as súa inquedanza pola narración oral no proxecto A Tropa de Trapo. Dende entón levan percorrido toda Galicia, e mesmo outras Comunidades Autónomas, facendo reflexionar a nenos, mozos e maiores cos seus diferentes espectáculos.
O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é unha rede que actualmente engloba a 96 Concellos e ás catro Deputacións de Galicia. Foi fundado en 1997 como un foro a través do que consensuar e concentrar os esforzos dos poderes locais galegos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Trátase deste modo de garantir unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos ambiciosos que teñan un verdadeiro impacto nos países do Sur e facilitar unha meirande sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional.
Desde a súa fundación, a asociación ten desenvolvido 125 proxectos en máis de 20 países, e organizado e editado multitude de actividades e materiais en relación aos desequilibrios existentes entre os países do Norte e do Sur. Ten garantido a presenza da solidariedade do pobo galego nas catástrofes que afectan a aqueles países do mundo con menor capacidade para as enfrontar, con proxectos de reconstrución (como os casos de Sri Lanka, despois do maremoto de 2004, Cuba, despois dos furacáns de 2008 ou Gaza, despois dos bombardeamentos israelitas de finais de 2008 e primeiros de 2009). Na actualidade mantén aberta unha conta de emerxencia para a reconstrución do Haití.



















Ata a Cedofestiña, que tivo lugar onte no Pazo de Cedofeita, se achegaron o alcalde, Dani Vega, e a concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo. O Concello colaborou unha edición máis coas Vacas Fracas.
Con motivo desta data tan especial, o alcalde Demetrio Salgueiro, xunto ás concelleiras Tamara Soto e Mª Dolores Meitín, visitouna para felicitala persoalmente e compartir con ela unha celebración tan emotiva. O Concello destacou a alegría e o orgullo que supón chegar ao século de vida e trasladoulle os seus parabéns, desexándolle saúde, felicidade e moitos máis anos rodeada dos seus seres queridos.
A clientela aproveita esta cita para facerse con artigos de tempada a prezos moi interesantes. É a segunda vez neste mes de agosto que se celebra o Comercio na Rúa en Ribadeo. Para a organización desta campaña Acisa conta coa colaboración do Concello de Ribadeo, Comercio Galego e Xunta de Galicia.
No acto intervirán o autor e Xoan Ramón Fernández Pacios, cronista oficial de Foz. A actividade está organizada pola Federación de Librarías de Galicia en colaboración co Concello de Foz.
Villares visitou a exposición fotográfica dedicada a Calvo-Sotelo, instalada na praza de Pancho Maseda, que forma parte do programa conmemorativo do centenario. A mostra reúne unha selección de imaxes seleccionadas pola propia familia do expresidente para achegar á cidadanía diferentes momentos da súa traxectoria persoal e política. A conmemoración, que se estende ao longo de todo 2026, busca poñer en valor a figura de Calvo-Sotelo e a súa relación con Ribadeo, onde deixou unha importante pegada vinculada, entre outras cuestións, ao impulso de infraestruturas.
Durante case dúas horas desenvolveuse unha conversa aberta arredor do mundo do espírito e do contido da obra, nun encontro ao que asistiu un grupo numeroso de persoas dispostas non só a escoitar, senón tamén a dialogar e compartir reflexións. Tras a intervención inicial de Pepe Peinó como responsable do proxecto, tomou a palabra o escritor Lionel Rexes, quen achegou novas perspectivas antes de abrir o debate ao público. As opinións, argumentos e matices sobre relixión, espiritualidade, Deus e os valores que sustentan a convivencia foron enchendo o espazo nun ambiente participativo e respectuoso, no que as diferenzas quedaron en segundo plano fronte á forza do diálogo, a solidariedade e o afecto.
O alcalde, Dani Vega, fixo un balance moi positivo: “foi un concerto moi especial nun marco espectacular, como é a igrexa parroquial de Ribadeo, e no que o gaiteiro Carlos Núñez encandilou aos asistentes co seu repertorio. Todos os asistentes disfrutámolo moito”. Xunto a Carlos Núñez estiveron o rexedor e as concelleiras de Cultura, Turismo e Seguridade, Begoña Sanjurjo, Marta Saiz e Montse Seijo.



