Nota de prensa
O CONCELLO CONSEGUE QUE SE AXILICEN AS OBRAS DE REFORZO E MELLORA DA REDE ELÉCTRICA AO MUNICIPIO
o Os traballos deron comezo a finais do ano pasado e consisten na posta en servizo dunha nova liña de media tensión soterrada desde a subestación de Burela ata San Ciprián
o Esta actuación enmárcanse dentro dun convenio específico firmado entre a Consellería de Economía e a subministradora Begasa
Cervo, 1 de novembro de 2010.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, reuniuse onte coa delegada provincial da Xunta de Galicia, Raquel Arias, e cos responsables da empresa eléctrica Begasa para coñecer como se estaban a desenvolver os traballos de reforzo do subministro eléctrico que está levando a cabo a empresa eléctrica no termo municipal.
Os traballos, cuxa primeira fase deron comezo a finais do pasado ano 2010, consisten na posta en servizo dunha nova liña de media tensión soterrada desde a subestación de Burela e que chegará ata a localidade de San Cibrao.
Ao fío disto o alcalde de Cervo, Alfonso Villares salientou a “necesidade” de reforzar as liñas de subministro enerxético existentes ata o momento no termino municipal. “Deste xeito, conseguiremos garantir o que se da en chamar criterio N-1 no ámbito eléctrico: é dicir, que en caso de que falle unha liña de subministro, existirá outra que poida cubrir esa carencia sen que os usuarios da rede resulten afectados” indicou.
Liñas soterradas
Villares amosou tamén a súa satisfacción porque esta actuación se faga soterrada, “algo polo que este Goberno local loitou sempre diante das administracións e das compañías subministradoras; porque entendemos que é o mellor xeito de evitar cortes de subministro no caso de mal tempo, ao tempo que non se hipoteca o futuro crecemento urbanistico do municipio e evitamos o impacto visual que supón a colocación de postes ao longo de toda a liña” indicou.
Axilizando os traballos
Na xuntanza os responsables da empresa subministradora do servizo informaron a Arias e Villares do grao de execución da obra. “Explicáronnos que xa levan feito varios tramos de canalización, na súa maior parte en estradas de titularidade provincial. Agora, teñen previsto continuar nas estradas locais e para iso o Concello xa deu todas as facilidades para que axilicen as obras ao máximo. Por último, deberán acometer os tramos de canalizacións que discorren por zonas de afección doutras administracións e entes coma Augas de Galicia ou Feve. E para iso, dende o Concello brindámonos a prestarlles a axuda necesaria para tentar que as obras continúen sen paróns e que poidan estar rematadas a finais deste ano” dixo o rexedor.
2 millóns de orzamento
Esta actuación está encadrada dentro do Plan de Calidade da Subministración Eléctrica de Galicia posto en marcha pola consellería de Industria en colaboración coa empresa Begasa co obxecto de garantir a calidade da subministración eléctrica a distintos núcleos de poboación do termino municipal, así como ao polígono industrial de Cuíña. O seu presuposto ronda os 2 millóns de euros.
Pronta solución aos problemas de abastecemento en varios edificios de San Ciprián
O alcalde tamén aproveitou a visita dos responsables de Begasa para solicitarlles a resolución dos problemas de abastecemento que se rexistran nalgúns edificios de San Cibrao, os cales non dispoñen de subministro normal e tan so reciben fluído eléctrico de obra. Neste sentido o rexedor sinalou que os edificios afectados poderán ter subministro de xeito normal nun prazo de dos meses e medio.
Infraestruturas básicas
Por último, Villares indicou que esta actuación posibilitará garantir dunha infraestrutura básica como é o subministro eléctrico a un gran número de veciños do termino municipal e se enmarca dentro da política levada a cabo polo Concello de priorizar a acción de Goberno na mellora e dotación de infraestruturas básicas de calidade. “Xa non só se trata de tentar levar a tódolos puntos do municipio servizos básicos como o abastecemento de auga, o saneamento e agora o subministro eléctrico; se non que tamén estamos traballando para posibilitar que os nosos veciños dispoñan tamén doutros servizos como son o gas cidade ou a fibra óptica” recordou