NOTA DE PRENSA
A Deputación estrea o seu blog recadando fondos para Xapón a través de Cruz Vermella Internacional
– Abriu unha conta bancaria en Novacaixagalicia para enviar axuda ó país nipón, que, tralo devastador terremoto e o posterior tsunami, corre un risco cada vez maior de catástrofe nuclear. A Deputación achegará 6.000 euros
– No blog informarase das principais noticias da provincia e das novidades da Deputación, pero sobre todo servirá para escoitar a opinión dos cidadáns e manter contacto directo con eles
– O organismo provincial tamén estará presente nas principais redes sociais, como Facebook e Twitter, consolidando así a súa aposta por Internet e as novas tecnoloxías e achegándose ás inquietudes e intereses dos lucenses
A Deputación de Lugo estreou este xoves o seu blog en Internet poñendo en marcha unha iniciativa solidaria co fin de enviar axuda a Xapón a través da ONG Cruz Vermella Internacional. Para elo, abriu, unha conta bancaria en Novacaixagalicia co seguinte número: 2091-0163-47-3110060625. Baixo o concepto de: “Axuda a damnificados do terremoto e tsunami de Xapón”, os cidadáns poden ingresar fondos en calquera oficina da caixa galega e axudar así a un pobo que, tralo devastador terremoto e posterior tsunami do pasado venres, que se levou por diante poboacións enteiras e causou cerca de 15.000 mortos e desaparecidos, vive agora un risco cada vez maior de catástrofe nuclear debido ós graves problemas nos reactores da central de Fukushima. O organismo provincial, que achegará 6.000 euros, responde a un sentir da cidadanía que desexa axudar a Xapón, pero que se encontra con que as administracións públicas a penas teñen a día de hoxe artellados mecanismo para facelo.
A dirección do blog do Deputación e http://blog.deputacionlugo.org aínda que tamén se pode acceder dende a propia páxina web da Deputación: www.deputacionlugo.org Nel, figura toda a información sobre esta iniciativa e como facer para colaborar. Coa apertura do blog, a Deputación estrea de xeito paralelo a súa presenza nas principais redes sociais, unhas accións que consolidan a aposta da institución por Internet e as novas tecnoloxías e coas que pretende crear unha comunidade interactiva que facilite a comunicación entre os veciños da provincia.
O blog configurouse como un espazo innovador e vangardista para informar das principais noticias que acontecen na provincia de Lugo, das novidades referentes á Deputación, pero, sobre todo, servirá para escoitar a opinión dos cidadáns e conversar con eles de forma natural e instantánea. Os diferentes artigos publicados, clasifícanse temática e cronoloxicamente. O deseño da páxina adáptase e respecta a liña xa iniciada noutros proxectos punteiros de Administración Electrónica, caracterizándose pola accesibilidade e interacción cos usuarios.
Redes sociais
A estratexia dixital da Deputación compleméntase cunha activa presenza nas principais redes sociais, como Facebook, a máis popular en España e na que teñen conta máis de 120.000 lucenses. A dirección da páxina que a institución mantén nesta plataforma é: http://facebook.com/deputacionlugo. Tamén en Twitter, o popular sistema de “microblogging” que permite compartir información de forma instantánea e conversar cos usuarios da rede por medio de mensaxes de tan só 140 caracteres. Así o fai xa o usuario @dipulugo, que no seu primeiro día de existencia xa contou con 22 seguidores.
As accións na Rede complétanse cunha galería de imaxes en Flickr, a coñecida rede social de fotografía na que se publican numerosos arquivos que mostran os atractivos turísticos da provincia, así como as principais actividades impulsadas pola Deputación; un canal en YouTube, para os arquivos de vídeo; e unha páxina en Tuenti, que se estreará en breve e busca conectar tamén coa xuventude. A todos estes sitios web pódese acceder dende o blog.
Con estas actuacións, a Deputación accede a novas posibilidades de comunicación e coñecemento, estendendo os valores da provincia ó conxunto da sociedade española e contribuíndo, ó mesmo tempo, a aumentala participación cultural dos lucenses e ó coñecemento do seu patrimonio.