Nota de prensa
O SALÓN DE PLENOS DO CONCELLO ACOLLERÁ MAÑÁ A CUARTA EDICIÓN DAS CHARLAS SOBRE MULLERES TRABALLADORAS DA VILA, UN ACTO ORGANIZADO PARA CONMEMORAR O DÍA INTERNACIONAL DAS MULLERES.
Burela, 16 de marzo de 2011. O salón de plenos do Concello acollerá mañá a partires das sete da tarde a cuarta edición das charlas sobre mulleres traballadoras da vila, un acto co que rematarán os organizados desde Burela para conmemorar o día internacional das mulleres. Na charla deste 2011 participarán catro mulleres que foron pioneiras no ámbito empresarial e no mundo do mar.
A concelleira de Benestar Social, Neves Cando, lembrou que “estas charlas puxémolas en marcha no 2008, ese ano fixemos unha homenaxe ás nosas mulleres traballadoras das primeiras fábricas de conservas y de gres e á primeira mestra coa que contaron as escolas de Burela. Foi unha xornada moi emotiva de lembranza destas cinco mulleres que compartiron con nós as súas vivenzas laborais destes primeiros oficios emerxentes en Burela”. A edil nacionalista seguiu a relatar que “no 2009 quixemos ofrecer unha visión máis actual desas nosas mulleres traballadoras e así contamos cunha xornalista, coa directora da escola infantil de Burela e iniciadora no seu momento desa gardería en Burela, cunha empresaria e cunha fisioterapeuta e tamén xogadora de fútbol sala. Elas contrapuxeron a visión realizada polas mulleres que participaron no acto do ano anterior e ofreceron a súa opinión sobre o mundo laboral na actualidade. No 2010 fixemos unha dobre actividade, unha proxección de curtas cunha visión do mundo desde a óptica feminina e a presentación duns vídeos feitos por cinco mulleres de Burela que participaron nos obradoiros de informática da rede de dinamización. Memoria de muller foi o título desta coleccións de vídeos, feitos por estas mulleres que se enfrontaron por primeira vez ao mundo das novas tecnoloxías”.
Cando anunciou que “mañá queremos render homenaxe a catro mulleres que no seu momento foron pioneiras nas súas actividades laborais. Contaremos con Salomé Gómez, que rexentou durante moitísimos anos o mesón O Poeta de Burela; estará tamén Angelina Regueira que tamén rexentou durante anos a librería Curros, que ven de pechar as súas portas; e teremos unha visión do mundo do mar a través de María Díaz, que andivo moito tempo ao mar e Regina Santos, como redeira que está a piques de xubilarse deste oficio. Con esta cuarta experiencia queremos seguir rendendo homenaxe ás nosas mulleres traballadoras e cada un destes anos nunha faceta distinta, neste caso tócalles a esas primeiras mulleres que abriron camiño no mundo empresarial e no mundo do mar tan presente na nosa vila”.