Nota de prensa
ADEGA lanza a campaña “PONTE NO MEDIO, MÓVETE POLO TERRITORIO” por un ordenamento sustentábel
Compostela, 16 de abril de 2011. ADEGA ven de apresentar no Auditorio de Galiza a campaña “PONTE NO MEDIO, MÓVETE POLO TERRITORIO”. Pretende poñer freo aos proxectos especuladores co territorio galego e procurar unha alternativa sustentable de ordenación territorial a través dun movemento social de denuncia común. O [pdf] MANIFESTO (243 Kb) que propón un decálogo de medidas concretas para a ordenación do territorio, foi asinado inicialmente por máis de 130 personalidades destacadas do mundo das artes, das letras e das ciencias de Galiza.
Pretendemos, por unha banda, reunir nun movemento social común a todos aqueles colectivos e entidades que están a denunciar illadamente a destrución e ameazas que está a sufrir o territorio galego en todos os seus ámbitos (espazos naturais, medio rural, litoral e rías, paisaxe, bacías fluviais, desenvolvemento urbanístico, infraestruturas viarias e patrimonio histórico-cultural); e, por outro, instar ás administracións públicas a tomar medidas concretas cara a unha ordenación do territorio sustentable.
ADEGA anima á sociedade galega a reaccionar ante os innumerables casos de deterioro e degradación ambientais que se están a producir actualmente coa conivencia das administracións públicas de todos os ámbitos, nomeadamente pola actual Xunta de Galicia, co único propósito de favorecer intereses privados. As reformas lexislativas e os decretos con incidencia territorial impulsados polo goberno galego na última lexislatura (a modificación da Lei do Solo, a nova Lei Eólica, o Plano do Litoral, as Directrices de Ordenación do Territorio, a recuperación de Touriñán para o Plano Acuícola, o Plano Move, o chamado “Convenio de Barreiros” ou o Plano de Residuos) están acelerando o proceso de destrución irreversible de espazos imprescindibles para a nosa identidade e benestar. O uso incorrecto de recursos básicos para a nosa subsistencia, o dispendio e extorsión do medio natural como recurso indispensable para o porvir das xeracións vindeiras e a degradación do único instrumento que temos para superar con éxito a grave crise ambiental e económica que vivimos —o territorio—, fan precisa a reflexión e cambio de rumbo da actual política territorial.
A campaña “Ponte no medio. Móvete polo territorio” avoga por un modelo de ordenación e xestión territorial racional, sustentable e con futuro baseado na recuperación do protagonismo colectivo da sociedade galega e a participación pública nos procesos de planificación e toma de decisión sobre a ordenación do territorio; na creación de emprego a través da rehabilitación dos valores e recursos do noso territorio e no impulso de medidas concretas contra a especulación. O manifesto co que se lanza a campaña reivindica a protección efectiva dos espazos “protexidos” a través de plans de xestión e conservación, a protección dos 500 metros da liña litoral, a recuperación dos espazos afectados pola minaría, a primacía do solo agropecuario e a súa xestión comunal fronte a intervención privada dos montes, a suspensión indefinida de novos proxectos hidroeléctricos, a potenciación dun transporte público colectivo máis ecolóxico e eficiente, a exclusión dos espazos protexidos dos proxectos acuícolas e de produción enerxética, un desenvolvemento urbanístico racional que prime os procesos de recuperación e rehabilitación e unha xestión descentralizada dos residuos. Promove, en definitiva, un maior esforzo no fomento de actitudes e comportamentos amigables co territorio e coa cultura de Galicia.
Son en total dez demandas de acción recollidas no manifesto en defensa do territorio e ao que deron lectura 22 persoas recoñecidas no mundo das artes, das letras e das ciencias de Galicia, entre os que estaban Xurxo Souto, Manuel Gallego Jorreto, Rosario Álvarez, Isabel Risco, Margarita Ledo Andión, Adolfo Cordero, Celso Dourado, Alba Nogueira, Jorge Coira ou Teresa Moure. O documento reivindicativo, asinado inicialmente por máis de 120 personalidades significadas da vida pública galega e colectivos, será difundido por ADEGA ao maior número de grupos, colectividades, asociacións e organizacións sociais para que se adhiran a el e conseguir así a atención dos responsables públicos, dende os concellos á Xunta e ao goberno estatal.
No acto de lanzamento da campaña, que estivo amenizado pola música do grupo MaM, o gaiteiro Isaac Garabatos e a cantante galega de hip-hop Wöyza, ADEGA dedicou un especial recoñecemento a todas aquelas organizacións e colectivos que están a defender de xeito altruísta o patrimonio natural e cultural de Galicia ás que chamou a xuntar esforzos e a participar nesta iniciativa. Unha das próximas actividades enmarcadas na campaña “Ponte no medio. Móvete polo Territorio” será a “Xornada Cultura e Territorio” que terá lugar o vindeiro 30 de abril na cidade de Lugo.

























Neste curso a actividade estará dispoñible para as nosas pequenas Xoias e para alumnado externo, cunha sesión semanal, a cargo de Yasmin Toledo e Patrícia Sousa, do equipo de Segunda División. O alumnado poderá escoller o seu horario de adestramento entre os luns (16:00 h.-17:00 h., Vista Alegre) e os venres (19:30 h.-20:30 h., Monte Castelo). A actividade terá un custo de 6€/mes para o alumnado da escola laranxa e 24€/mes para o alumnado externo.
Un particular informou minutos despois das 11 horas deste xives dun camión que transportaba formigón envorcado no quilómetro 68 da N-640, á altura da parroquia de Ramil (Castro de Rei). Segundo explicou o mesmo alertador, o condutor permanecía no interior da cabina e outros dous turismos estaban implicados no accidente. De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitouse a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil de Tráfico, dos Bombeiros de Vilalba e dos servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros confirmaron que non tiveron que excarcerar, pois a persoa estaba xa fóra do vehículo cando chegaron ao punto. Así, colaboraron na limpeza da vía cos servizos de mantemento da estrada.
Neste espazo radiofónico Félix Jorquera falará coa alcaldesa de Lourenzá, Rocío López; co concelleiro de Cultura, Manuel Arango; con José Cuadrado, presidente da Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá e pregoeiro desta edición da festa; co chef Pedro Barreira; e con Antonio Irimia, presidente do club VespaFaba & Clásicos, de Lourenzá.
Ademais da intervención arqueolóxica de 2026, o Concello achega 7.500 euros para restaurar a cabaña C-2, lembrando que “Seguimos apostando por el patrimonio arqueológico y el desarrollo arqueológico del concejo”. Tamén se mellorou o acceso ao xacemento, e o castro consolídase como un recurso turístico en crecemento, clave para avanzar na desestacionalización.
Entre as 10:00 e as 14:00 horas haberá arredor dunha decena de postos con produtos agroecolóxicos e de proximidade, ademais dun punto informativo para persoas interesadas en emprender no sector e actividades infantís. A alcaldesa Marta Rouco destaca que a feira busca dar vida ao centro da vila e visibilizar o rural como espazo de emprendemento, mentres que a concelleira Paula Vigo salienta a colaboración con A Estruga para ampliar a oferta habitual do mercado. O Concello anima á veciñanza a achegarse e coñecer os proxectos participantes.
Nesta ocasión, o grupo desprazouse ata A Pontenova para realizar un percorrido de 17 quilómetros que combinou a Ruta dos Fornos, a Ruta do Ferrocarril e a Ruta do Muiñeiro Namorado. A actividade, de dificultade baixa, iniciou o seu percorrido na Praza dos Fornos da Pontenova e rematou en San Tirso de Abres.
O paseo comezará ás 20:00 h na rúa San Francisco, ao pé da igrexa, para continuar pola Praza de Abaixo e a rúa Antonio Otero, até chegar á Praza do Patín, xunto á Biblioteca Municipal El Viejo Pancho. Alí, ás 20:30 h, dará comezo a presentación da obra. A organización lembra con afecto as anteriores visitas de Souto a Ribadeo e confía en que, unha vez máis, se vivirá unha tarde especial guiada polo enxeño creativo do coruñés de Monte Alto, galego universal que levou as nosas letras polo Mar de Irlanda e polas corredoiras máis recónditas do país. A actividade está organizada pola A.C. Francisco Lanza.



