Nota de prensa
“O que nos queda aos veciños da Mariña de Lugo é rezar, para non quedar enfermos” afirmou Veiga
O BNG considera escandalosas as listas de espera do Hospital da Costa.
O Bloque Nacionalista Galego considerou autenticamente escandalosas as cifras referidas das listas de espera tanto en cirurxía como en consultas que fixo públicas a Consellaría de Sanidade e da que se fan eco diferentes medios de comunicación na medida que sitúan ao Hospital da Costa en segundo lugar nas listas de espera en consultas e en segundo lugar en cirurxía, só por detrás de POVISA, se ben este centro non forma parte do sistema público. “O que nos queda aos veciños da Mariña de Lugo é rezar, para non quedar enfermos” afirmou Veiga que denunciou “que non é de recibo que os veciños da Mariña teñan que agardar segundo afirma Sanidade 66 días de media para facer unha consulta e 103 días para someterse a unha operación”.
O Responsábel Comarcal do BNG afirmou que “nin a maquillaxe á que a Xunta de Galiza somete estas cifras, o que nos fai pensar que os datos da espera prolongase máis días, son capaces de agochar a evidencia do deterioro da sanidade no Hospital da Costa, posto que para someterse a unha operación hai que agardar 23 días máis dos seguinte na lista que son os Clínicos Universitarios de Coruña e Vigo.Pero hai máis porque supera en 28 días a media do SERGAS e dáse un aumento na espera en cirurxía en relación cos últimos dados de 15 días máis”. Segundo o Portavoz Nacionalista “estas cifras, que na nosa opinión están sometidas a rebaixa, poñen enriba da mesa que a intención da Xunta de Galiza é deteriorar a calidade asistencial do centro da Mariña, na perspectiva de desmantelalo a fin de que o novo Hospital de Lugo asuma de xeito progresivo as competencias do Hospital da Costa”·
Veiga que convidou a todos os veciños da Mariña a que entren na páxina web da Consellaría de Sanidade para que comproben a situación de marxinación que se crea na Mariña en relación con outros centros galegos, considerou que as explicación que ven de dar sobre esta situación o Xerente do Hospital “á máis de escandalosas son escusas de mal pagador”. “Non é de recibo que o Sr. Insúa pretenda extraer algún dado positivo dos números que ven de presentar, primeiramente porque no caso de ciruxía a pesar do medre das peonadas hai un aumento nos días de espera, en segundo lugar porque os tempos de agarda nas consultas superan en 11 días a media do SERGAS, en terceiro lugar porque os tempos de espera en consultas de uroloxía ou endocrinoloxía superan os 100 días”. “Falar de mellora na sanidade na Mariña con estes números como fai Ínsua e simplemente un insulto a cada un dos cidadáns da comarca que están a sufrir estas esperas record” afirmou Veiga quen lamentou que Insua actúe como un cancerbeiro do goberno galego e non como alguén preocupado por mellorar a sanidade dos mariñaos.
Os nacionalistas esixiron que a Xunta de Galiza ten que poñer solucións riba da mesa para esta situación. “Non será agora a escusa que o problema estaba nunha equipa directiva que foi cesada e que temos outra nova que lle vai dar un impulso ao Centro como afirmou Farjas no momento do nomeamento de Insua” preguntouse Veiga quen demandou compromisos reais pos parte do Goberno Galego con este centro. É máis as modificacións orzamentarias que presentou no Consello Económico Fiscal a Xunta de Galiza para reducir o deficit indican que a situación lonxe de mudar vai aínda empeorar, pola reducción das partidas orzamentarias, e pola posta en marcha do novo Hospital de Lugo” afirmou Veiga.
Xa por último o Portavoz Comarcal do BNG definiu como “de pena” a posición dos populares da Mariña “que volven evidenciar co seu silencio que pouco máis son que uns criados mal mandados ás ordes do que se decide en Compostela e que tamén carecen de calquera tipo de poder dentro da Xunta posto que noutras áreas de Galiza estamos convencidos que os responsábeis populares non permitirían isto”. Asemade estes dados poñen en evidencia a existencia dunha estratexia deliberada por parte do Goberno Galego de precarizar a sanidade pública na Costa, na perspectiva de derivar cada día máis doentes a centros de fora da Comarca e rematar a súa folla de rota que pasa por reconverter Hospital de Burela nun centro de saúde grande e trasladarnos 30 anos atrás cando o hospital de referencia para os mariñaos era o de Lugo”