Nota de prensa:
A ÁREA DE DEPORTES FINANCIA CON 100.000 EUROS A SUSTITUCIÓN DO PAVIMENTO DO CAMPO DE FÚTBOL SETE DE RIBADEO
O vicepresidente fixo un repaso dos investimentos que se realizaron nas áreas de Cultura e Deporte nos 4 anos de goberno da Deputación, un total de máis de 59 millóns de euros
LUGO, 19 de maio de 2011. O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antón Bao, deu conta hoxe na rolda de prensa posterior á xunta extraordinaria de goberno da Deputación de varios dos asuntos que se trataron na mesma. Anunciou entre outras cousas que se aprobou o convenio polo cal a Área de Deporte concede ao concello de Ribadeo unha subvención para acometer obras de mellora das instalacións deportivas: neste caso aprobouse o convenio regulador da subvención excepcional por importe de 100.000 euros que se concede ao concello para a substitución do pavimento do campo deportivo de fútbol sete.
Deste xeito, a Área de Deporte continúa na liña marcada ao principio destes 4 anos de goberno da Deputación, de dotar a todos os concellos dunhas infraestruturas axeitadas para a práctica deportiva. A Área de Deporte xa destinara 2.500.000 euros ás obras de mellora do pavillón ribadense. Antón Bao fixo unha valoración dos 4 anos de goberno da Deputación e dos preto de 60 millóns de euros que se repartiron nas Áreas de Cultura e Deporte para a promoción do tecido asociativo lucense e dos clubs e entidades deportivas, así como eventos e competicións de diversas disciplinas. O vicepresidente da Deputación manifestou que “foron 4 anos de goberno moi rendibles en termos xerais, e continuará a selo con este goberno”.