Nota de prensa
NOTA DE PRENSA DO PARTIDO POPULAR
González Barcia reuniuse con Llano para coñecer a situación actual de varios asuntos.
Barcia non descarta volver a reunirse co alcalde en funcións.
O PP celebrará o luns unha asamblea de afiliados para analizar os resultados e a nova situación política do concello.
Burela, 26 de maio de 2011.- Hai dous días, José María González Barcia dixo que lle solicitaria ó alcalde en funcións unha reunión para falar dos asuntos máis importantes do concello. Pois ben, o candidato popular reuniuse no día de onte con Alfredo Llano, para coñecer de primeira man a situación actual dos asuntos máis importantes da vida municipal. Barcia, que destacou a cordialidade da entrevista, indicou que falaron do PXOM, dos servicios municipais, como a auga ou a recollida de lixo, das obras de Torrentes e de outras cuestións importantes.
González Barcia manifestoulle a Llano a súa intención de escoitar ós que serán grupos da oposición nos próximos catro anos nos asuntos de trascendencia, para o que reunirá ós portavoces aproximadamente cada dous meses.
O cabeza de lista dos populares manifestou que non descarta reunirse de novo co alcalde en funcións antes da constitución da nova corporacións, para analizar algún asunto concreto de xeito máis pormenorizado.
Por outra banda, o comité local do PP reuniuse onte, mércores, e acordou convocar unha asamblea de afiliados e simpatizantes do partido que terá lugar o vindeiro luns, día 30 de maio, ás oito da tarde, na antiga biblioteca burelesa. Os obxectivos da asamblea son varios: analizar os resultados, explicar o programa de traballo do grupo municipal, e planificar a estratexia do partido, dada a nova situación política que vai vivir o concello burelés nos próximos catro anos.