Nota de prensa
ANTONIO VEIGA PARTICIPOU NA ENTREGA DE TROFEOS DA 49ª TRAVESÍA RÍA DE FOZ
O evento está organizado polo Club Kayak de Foz e é o terceiro máis antigo do estado
FOZ, 16 de xullo de 2011. O vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, participou esta tarde no porto de Foz na entrega de trofeos e medallas aos gañadores das diversas categorías que participaban na 49ª Travesía Ría de Foz. Esta fin e semana celébrase no concello, ademais da 49ª edición desta regata, a III Travesía en K4 e C4. Ao acto tamén asistiron, ademais de Antonio Veiga, o presidente do Club Kayak de Foz, Nacho Romillo, e o alcalde do concello, Javier Jorge Castiñeira.
Con esta edición, xa son 49 as que se levan celebrado desta travesía, o que a converte na segunda máis antiga de Galiza e a terceira máis antiga do estado, tralo descenso do Sella e o descenso do Miño, e polo tanto, é unha das citas máis importantes do calendario mariñao. Contouse coa participación de preto de 400 padexeiros. A Travesía en K4 e C4 celebra mañá a súa terceira edición, e contará coa asistencia á súa vez de ao redor de 200 padexeiros, continuando así coa intención de consolidarse como outra cita ineludible no calendario deportivo. Estas dúas modalidades son as máis espectaculares do piragüismo, tanto pola velocidade que alcanzan as embarcacións como pola sincronización dos padexeiros.
O Club Kayak de Foz aporta coa súa actividade unha alternativa de deporte saudable e en contacto coa natureza para a xuventude da vila. Nos últimos anos, a agrupación tratou de relanzar esta actividade entre a xuventude, posto que é unha maneira máis de disfrutar do mar e a ría, aproveitando así a situación do concello, moi propicia para desenvolver este deporte.