Nota de prensa:
A ÁREA DE CULTURA E TURISMO DA DEPUTACIÓN SUFRAGA O ARRANXO DE DOUS CENTROS VECIÑAIS EN SENDAS PARROQUIAS DE RIOTORTO
Os centros veciñais da Órrea e Aldurfe serán arranxados para completar a Rede de Dinamización Sociocultural potenciando a participación e integración social e cultural da veciñanza
Antonio Veiga, Mario Outeiro e Federico Gutiérrez, alcalde de Riotorto, xuntáronse con veciños destas parroquias para presentárenlles os proxectos
RIOTORTO, 12 de setembro de 2011. O vicepresidente mailo delegado de Cultura e Turismo da Deputación, Mario Outeiro e Antonio Veiga, desprazáronse esta tardiña até o Concello de Riotorto, onde, acompañados do alcalde, o nacionalista Federico Gutiérrez, mantiveron un encontro con veciños e veciñas das parroquias da Órrea e Aldurfe, aos que lles explicaron os proxectos que se van levar a cabo para arranxar os centros veciñais destas dúas parroquias, de xeito que poidan pasar a integrarse na Rede de Dinamización Sociocultural do concello e funcionar como lugares de reunión, potenciando a participación e integración social e cultural da veciñanza, e tamén como aulas do patrimonio dedicadas á tradición oral e á emigración. Estas obras, grazas ás que se van arranxar as dúas plantas do centro social da Órrea e o 2º andar do centro social de Aldurfe, serán sufragadas pola Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo mediante un convenio co Concello de Riotorto.
Os nacionalistas Antonio Veiga e Mario Outeiro coincidiron no sentido das súas declaracións xa que, para o vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga “con esta actuación queremos apoiar o gran traballo que se está a realizar desde o Concello de Riotorto á hora de favorecer as dinámicas sociais da poboación do rural, xa que a adecuación destes espazos permiten acadar ás persoas que viven en núcleos dispersos unha meirande autonomía e unha dinámica de intercambio social moi beneficiosa para manter vivo e poboado o noso eido rural”. Mario Outeiro sinalou que “debemos felicitar ao Concello de Riotorto pola posta en marcha da Rede de Dinamización Sociocultural xa que realmente se está a amosar efectiva naquelas parroquias onde xa está implantada e conta cos lugares de reunión veciñal en funcionamento, incidindo nunha mellora da calidade de vida e benestar da veciñanza, ao mesmo tempo que posibilita a posta en marcha de actividades culturais e incluso converterse en centros visitables con valor turístico de cara a coñecer o concello”.
Pola súa banda, o alcalde de Riotorto, o nacionalista Federico Gutiérrez, agradeceu o apoio da Vicepresidencia Primeira da Deputación e a súa Área de Cultura e Turismo polo investimento feito en Riotorto e anunciou que “a antiga escola da Órrea será rehabilitada xa que na actualidade non existe ningún centro veciñal dispoñible na parroquia a través do cal a Rede de Dinamización Sociocultural poida actuar”. “A súa situación xeográfica, distante da capital do Concello, e a súa concentración de unidades veciñais de convivencia, esixen desta parroquia a necesidade de rehabilitación da antiga escola e, neste sentido, preténdese aproveitar o primeiro andar como aula de dinamización e no segundo andar dispoñer unha aula do patrimonio dedicada á emigración, formando así parte da rede de micro-museos do Concello de Riotorto”-afirmou Federico Gutiérrez. Ademais, o alcalde de Riotorto anunciou que tamén se rehabilitará o segundo andar do centro veciñal de Aldurfe. Na actualidade, explicou Federico Gutiérrez “esta antiga escola estase a aproveitar na súa planta baixa como centro de dinamización sociocultural, polo que imos proceder á do segundo piso en aras de convertelo nunha aula de tradición oral, formando así parte da rede de aulas de patrimonio do concello”.
O alcalde de Riotorto, Federico Gutiérrez, concluíu que “vai resultar determinante para o fortalecemento da Rede de Dinamización a ampliación da prestación de servizos e, por outra banda, o aproveitamento das plantas superiores dos centros veciñais como aulas de patrimonio converterán estes centros en entes con identidade propia, consolidándose así como referentes turísticos e culturais do Concello de Riotorto”.