Nota de prensa
A COMISIÓN PROVINCIAL DA SECA PLANTEXOU AS MEDIDAS DE COORDINACIÓN ANTE A SITUACIÓN DAS RESERVAS DE AUGA EN LUGO
A provincia presenta capacidade de abastecemento para varios meses na maioría do territorio, se ben existen complicacións puntuais que afectan a núcleos espallados polas áreas rurais
A delegada territorial, Raquel Arias, presidiu a reunión, na que participaron representantes dos distintos entes públicos e dos organismos de conca relativos á provincia
Lugo, 21 de outubro de 2011.- A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, indicou hoxe que a capacidade media dos grandes sistemas de reserva de auga na provincia de Lugo ofrecen unha capacidade de abastecemento para varios meses. A máxima representante do Executivo galego na provincia significou que a situación actual das reservas hídricas da provincia garanten o abastecemento a maior parte do territorio, se ben existen complicacións puntuais en pequenos núcleos de poboación, localizados nas áreas rurais, que necesitan axuda e que xa lles están a proporcionarlles os propios concellos.
Arias presidiu hoxe a Comisión Provincial de Seguimento da Seca, na que tamén estiveron representados a Subdelegación do Goberno, a Deputación de Lugo, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, a Confederación Hidrográfica do Cantábrico e representantes das Consellerías de Presidencia; Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas; Medio Rural; Economía e Industria; Traballo; e Sanidade, co fin de de facer un seguimento coordinado das reservas de auga na provincia e desenvolver as actuacións que sexan necesarias para a mellor aplicación e distribución de recursos posible.
A delegada territorial fixo fincapé en que non hai ningún sistema de abastecemento regulado que acade ningún dos niveis de alerta que se recollen no Plan especial de actuación contra a seca. Non obstante, explicou que dende a Xunta considérase que “a situación é de preocupación, pero non de alarma”. Nese senso, Arias asegurou que “a comisión busca activar a coordinación de todas as Administracións implicadas no subministro de auga potable e garantir as súas condicións sanitarias”.
A reunión desta mañá celebrouse para dar conta ás administracións, e a cidadanía en xeral, da situación especial que se está a producir nos sistemas de abastecemento con información precisa. Arias aclarou que a citada reunión “non se constitúe como unha comisión de emerxencia”, senón como un encontro de traballo para trasladar toda a información e definir as primeiras medidas, no caso de ser necesarias.
Neste sentido, a delegada recordou que a Xunta, a través do departamento de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas ven mantendo dende o mes de maio unha permanente vixilancia e colaboración estreita cos concellos para asesoralos na toma de solucións, así como o establecemento de medidas de urxencia, no caso de ser necesarias.
A delegada territorial sinalou que a Xunta mantén unha especial atención á situación e aos caudais dos ríos, co fin de activar as mediadas que permitan garantir o abastecemento á poboación que toma a augas directamente deles. Deste xeito, a xuntanza de hoxe serviu para abordar esta situación no caso específico dos concellos da provincia de Lugo, facilitando así unha fotofixa da situación concreta en cada caso.
Unha das prioridades do Goberno galego, segundo expuxo Arias, é “garantir o abastecemento á poboación, polo que se combinarán os diferentes usos, pero garantindo o abastecemento aos cidadáns”. A gravidade da situación graduaríase segundo os días de reserva do recurso en cada sistema de abastecemento, cunha alerta de 1º grado, cando as reservas foran para 40 días; de 2º grao, con reservas para 15 días; e de 3º grao ou vermella, con reservas para 5 días.
Escaseza de precipitacións no 2011
Arias explicou que o tempo rexistrado no que levamos de ano 2011 estivo caracterizado por presentarse seco e moi seco na maioría da Comunidade galega. De feito, un informe presentado por MeteoGalicia revela que o período comprendido entre marzo e outubro deste ano foron os nove meses máis secos, dende que se rexistran os datos climatolóxicos, agás o ano 1990 onde se contabilizaron valores similares aos actuais. Na actualidade, a precipitación acumulada rexistrada elévase a 274 litros/m2 e no 1990 situouse nos 255 L/m2, sendo a media de precipitación do período 1960 e 2011 de 535 L/m2.
Arias significou que o obxectivo principal do Plan é garantir unha subministración axeitada para o consumo, mentres dura a seca. Así, no caso de fallo no subministro, levaríanse a cabo as seguintes actuacións:
– Proporcionar auga mediante cisternas á poboación nos casos de alerta vermella (cando a capacidade de abastecemento é de cinco días ou menos)
– Realizar obras de infraestrutura hidráulica de urxencia, que permitan dispor de auga para o abastecemento
– Priorizar o uso do abastecemento no recurso hídrico
Uso responsable da auga
Por último, Arias recordou medidas de uso responsable da auga que se recomendan dende a Xunta de Galicia. Neste ámbito aludiu a que se cada un dos galegos introduce nas súas rutinas pequenos xestos responsables á hora de consumir auga, pódense aforrar ata 400 litros de auga ao día nunha vivenda. A modo de exemplo, unha billa que gotea perde unha media de 30 litros de auga ao día, polo que asegurando pechar ben a billa e reparar as posibles fugas, evitan a perda deste recurso.
Outra recomendación é lavar os dentes coa billa pechada, co que se pode contribuír a un aforro de ata 12 litros por minuto. En relación coas tarefas domésticas, poñer o lavalouzas e a lavadora cando estean cheos implican un aforro de 80 litros de auga. Tamén é recomendable que cando se fregan os pratos, non deixar a billa aberta: primeiro enxaboar e máis tarde aclarar con auga. Outra das recomendacións é evitar o uso do inodoro como unha papeleira, xa que deste xeito evitamos malgastar 9-10 litros en cada descarga de auga.
No que se refire ás actividades de rego, cómpre regar nas horas de menos calor, é dicir, a primeira hora da mañá ou ao atardecer. Non se aconsella regar os días de forte vento e débense seleccionar os sistemas de rego que máis se adapten aos obxectivos que se marquen: aspersión ou goteo.