Nota de prensa
RECORTES DA XUNTA DE GALIZA NO PLAN CONCERTADO: 47.000 € MENOS PARA O CONCELLO DE BURELA
A finais de outubro chegaron aos concellos, e ao de Burela tamén, as resolucións do chamado Plan Concertado cun recorte drástico e inxustificado nas achegas da Xunta de Galiza relativas aos gastos englobados neste Plan de Prestacións Sociais Básicas. Xusto cando, por efecto da crise económica, maior é a necesidade de recursos e prestacións sociais para atender ás persoas que con máis dureza están a sufrir as súas consecuencias, o PP na Xunta de Galiza vén de suprimir e recortar as achegas que desenvolven servizos sociais básicos.
No pleno que se celebrou no Parlamento galego o 14 de xuño deste ano debateuse unha iniciativa do BNG na que se instaba á Xunta de Galiza a incrementar o financiamento do Plan Concertado de Prestacións Básicas de Servizos Sociais de competencia municipal para así asegurar a plena cobertura destes servizos sociais. E a posición do PP foi votar en contra desta proposición. E, non só se negaron a incrementar o financiamento do Plan Concertado senón que reduciron drasticamente os fondos aos concellos, por debaixo do xa recortado nas previsións orzamentarias do ano 2011; e o máis grave é que os concellos contaban con estes fondos tal e como fora anunciado e xa teñen comprometidos ou realizados estes gastos.
Pois ben, polo que se refire ao Concello de Burela, estes recortes supoñen un 83% menos para o Servizo de Axuda no Fogar (38.330 € concedidos no ano 2010 e só 6.583 € para o ano 2011) e un 38% menos no servizo de Atención Temperá (58.000 € no ano 2010 e só 36.123 para o ano 2011). Con respecto a este servizo de Atención Temperá, hai que lembrar que, dende que foi asumido polo Concello de Burela hai máis de cinco anos este servizo que atende a toda a Comarca, sempre a Xunta de Galiza concedeu subvención para mantelo e agora o PP recorta en case un 40% a súa aportación.
En total, por este Plan Concertado que inclúe o persoal dos servizos sociais municipais (as traballadoras sociais e a educadora familiar), o programa de Atención Temperá que atende a toda a comarca e o Servizo de Axuda no Fogar na súa prestación básica, o Concello de Burela vai recibir este ano case 47.000 € menos có ano pasado, unha cantidade que terá que ser asumida, agora xa case a final de ano e cos servizos xa prestados, polas arcas municipais porque o PP na Xunta nos recorta esa cantidade.
Por todo isto, imos presentar unha moción para debater no próximo Pleno na que se inste á Xunta de Galiza á restitución inmediata dos créditos eliminados para o financiamento do Plan Concertado do ano 2011, para poder continuar cos programas englobados no citado plan de servizos sociais e de prestacións básicas e atención ás familias e colectivos con problemas. Tamén, instar á Xunta de Galiza a que nos Orzamentos do ano 2012 garanta como mínimo as cantidades consignadas no 2010 para o Plan Concertado e que demande do Goberno do Estado o mantemento das cantidades que a Administración do Estado tiña destinadas o pasado ano 2010 ao cofinanciamento dos plans e programas sociais, minorados polo acordo do Consello de Ministros no mes de febreiro pasado.
E, o máis importante para os veciños e veciñas de Burela, con esta denuncia pública e a presentación da moción poderemos saber cal é a postura do PP de Burela, que en todo este asunto nada dixo. O PP de Burela non se pronunciou ante estes recortes da Xunta nin dixo o que ía pasar co servizo de axuda no fogar no noso pobo (cun recorte de máis do 80% na aportación da Xunta) nin se o Concello de Burela ía continuar co servizo de Atención Temperá que atende a toda A Mariña e que agora terá que pagar nunha parte importante só o Concello de Burela.




















A mostra reúne unha ampla selección de obras inspiradas na vida, a paisaxe e a identidade mariñá. O acto inaugural celebrarase o domingo 29 de marzo ás 18:00 horas e contará cunha actuación especial da chelista Amanda López López.
O actor e humorista continuará a súa xira pola comarca e presentará esta mesma proposta en Burela o venres 27 de marzo, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura. O monólogo combina imaxes e historias, con contidos novos e outros xa coñecidos, sempre cun humor moi persoal. A función está recomendada para maiores de 14 anos e as entradas, a 5 euros, poderán adquirirse no despacho de billetes desde unha hora antes. O evento conta coa colaboración do Concello de Burela, a Xunta de Galicia, a Agadic e a Rede Galega de Teatros e Auditorios.
A Guía Repsol destaca 24 locais galegos como Soletes de primavera para gozar nesta Semana Santa. Galicia suma xa 357 establecementos recoñecidos con este distintivo, que non se renova nin se revalida, senón que se concede como categoría única. Na provincia de Lugo figuran seis Soletes: ‘Caserío Meiroi’ (Navia de Suarna), ‘Ebos’ (Vilalba), ‘Faragullas’ (Mondoñedo), ‘La Salina’ (Sarria), ‘Ramón’ (Lugo) e ‘Trespés’ (Monforte de Lemos).
O acto institucional, celebrado este venres, contou coa participación da directora xeral de Igualdade do Principado e coa música de Clandestías.
Habilitarase o Rego das Flores. Desde o Concello recoméndase á cidadanía ter en conta esta incidencia nos seus desprazamentos mentres se manteña a restrición.
A cita celebrarase en Burela entre os días 4 e 6 de setembro, e xa están confirmadas preto dunha ducia de actuacións, entre elas as de Arume, Depedro, Éxtasis, Gara Durán, Juventude o La Milagrosa. O Goberno galego vén cooperando cos organizadores do festival, “que alcanza a súa duodécima edición consolidado como un motor de dinamización económica y cultural para a localidade”, afirmou Arias.
Será un concerto acústico e intimista, pensado para gozar da súa música nun formato próximo. Entrada libre ata completar aforo.



