A Xunta considera necesario o establecemento de novas tarifas de acceso á alta tensión para contribuír á mellora da competitividade de Alcoa
Economía e Industria traballa no deseño dunha nova política enerxética que garanta a competitividade das empresas, que os fogares paguen un prezo axeitado e que o sistema sexa viable
O Conselleiro recalcou no Parlamento a importancia de asignar a cada tipoloxía de usuario os custos reais que supón para o sistema
Guerra recordou que “para xerar confianza nos axentes investidores é necesario un novo marco retributivo e xurídico baseado en mecanismos obxectivos, planificados e coñecidos por todos os sectores implicados”
Lembrou o conselleiro os apoios da Xunta a Alcoa para mellorar a eficiencia enerxética da compañía e facela máis competitiva
Santiago, 28 de marzo de 2012.- O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, defendeu hoxe no Parlamento a necesidade do establecemento de novas tarifas de acceso a alta tensión para contribuír á mellora competitiva de Alcoa. Salientou o conselleiro que Economía e Industria traballa no deseño dunha política enerxética que garanta a competitividade das empresas, que os fogares paguen un prezo axeitado e que o sistema sexa viable. Para conseguilo, a Consellería de Economía ten proposto a Comisión Nacional da Enerxía medidas necesarias no eido da regulación do sector eléctrico.
O conselleiro salientou, entre as fórmulas expostas, que “é necesaria a creación de novas tarifas de acceso a alta tensión, asignando a cada tipoloxía de usuario os custos reais que supón para o sistema” o que contribuiría á mellora competitiva de Alcoa, xa que na actualidade o sistema de transporte e distribución de enerxía eléctrica español non contempla tarifas específicas para tensións de 220 kV nin de 400 kV.
O titular de Economía e Industria fixo tamén fincapé en que “é necesario un marco retributivo e xurídico claro e estable” e incidiu en que “para xerar confianza nos axentes investidores o novo marco retributivo e xurídico debe basearse en mecanismos obxectivos, planificados e coñecidos por todos os sectores afectados”.
Guerra lembrou tamén que “para garantir a sostibilidade económico-financeira do sistema eléctrico é necesario eliminar a incerteza e a inestabilidade regulatoria polo que é imprescindible derrogar o Real Decreto 134/2010 polo que se establecen restricións por garantía de subministración co fin de promover o carbón nacional”, medida que incrementa o prezo da electricidade influíndo negativamente nas familias e na perda de competitividade do tecido empresarial, como é o caso de Alcoa, e que supuxo en 2011 un custo de 850 millóns de euros e o custo ambiental do aumento de emisión de CO2, que se cuantifica nunhas 409.000 toneladas anuais.
A prol da eficiencia enerxética de Alcoa
O Goberno galego aposta de maneira decidida polo incremento da competitividade que Alcoa está a manter en Galicia. Neste sentido, vén de firmar un convenio de colaboración para pór en marcha un proxecto de gasificación da planta da Coruña, que supón a mobilización duns investimentos de máis de 1,5 millóns de euros. O apoio de Economía e Industria a esta iniciativa supón a substitución do combustible actual, fuel-oil, por gas natural nos procesos produtivos da factoría na Coruña.
Estes cambios implican unha mellora moi importante dos procesos produtivos e un incremento dos aforros enerxéticos e económicos da compañía, xa que a substitución da enerxía procedente do fuel-oil por gas natural representa unha diminución das emisións de CO2 superior ao 26% (3.100 ton/ano).
Este convenio dá continuidade aos apoios da Consellería de Economía e Industria a Alcoa na súa aposta por modernizar e mellorar as plantas produtivas que posúe en Galicia. Neste sentido, cómpre lembrar tamén o apoio á posta en marcha de instalacións para o almacenamento de gas natural e a reconversión de fuel-oil a gas natural na planta de San Cibrao, facilitando unha movilización de investimentos de 2,6 millóns de euros na zona e dando o impulso definitivo ao inicio da tramitación do Gasoduto da Mariña.
Nota remitida