Nota de prensa:
López Vidal e Ismael Rego rexistraron unha iniciativa no Parlamento
OS SOCIALISTAS DEMANDAN INCREMENTAR A SEGURIDADE VIARIA NO ALTO DA GAÑIDOIRA
– Lembran ademais que é unha vía de comunicación que foi mellorada no seu trazado e na súa capacidade “e na que se investiron 38 millóns de euros na súa materialización”
-Os deputados advirten que “neste treito no alto da Gañidoira hai dificultades da condución, motivadas polas condicións meteorolóxicas e pola presenza de animais na estrada, se incrementan de xeito considerable”
Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2012. O portavoz de Obras Públicas do Grupo Socialista, Pablo López Vidal, xunto co deputado Ismael Rego, veñen de rexistrar unha proposición no Parlamento na que demandan instalar peches de protección para incrementar a seguridade viaria fronte as irrupcións de animais que invaden a calzada na LU-540 (Cabreiros-Viveiro), ao seu paso polo alto da Gañidoira.
Os deputados sinalan que a estrada Viveiro – Cabreiros (LU-540) cunha lonxitude de 39,52 quilómetros, vertebra e comunica os concellos de Xermade, Muras, Ourol e Viveiro “conforma unha das principais vías de comunicación da Mariña de Lugo”.
Lembran ademais que é unha vía de comunicación que foi mellorada no seu trazado e na súa capacidade “e na que se investiron 38 millóns de euros na súa materialización”, ten unha intensidade media diaria de vehículos que pasan polo alto da Gañidoira de máis de 3.500.
Advirten que “neste treito no alto da Gañidoira hai dificultades da condución, motivadas polas condicións meteorolóxicas e pola presenza de animais na estrada, se incrementan de xeito considerable”.
Sinalan que hai múltiples percances e accidentes de tráfico “por mor da presenza de animais na estrada, pola choiva, pola neve e pola brétema, sobre de todo nos meses do outono – inverno”. Din tamén “que a pintura termocrómica que no seu día se utilizou na sinalización horizontal, hoxe está absolutamente deteriorada e non cumpre a finalidade conferida”.
Lembran que a Corporación do Concello de Viveiro, por unanimidade, adoptou unha resolución para instar a Xunta de Galicia a valar as marxes da estrada LU-540 para evitar a permeabilidade dos animais na estrada.