Nota de prensa
45 nenos e 62 adultos poderán participar nos novos Obradoiros Infantís e cursos de artesanía que convoca o CENTRAD para a primavera
– A Deputada de Deseño e Artesanía presentou hoxe as programacións de Obradoiros Infantís de Semana Santa e máis os cursos de artesanía para adultos que se desenvolverán nos próximos meses
– Os tres obradoiros infantís gratuítos, con 15 prazas cada un, están dirixidos a nenos de entre 5 e 12 anos e terán lugar o 2, 3 e 4 de abril; os sete obradoiros para adultos, de cestaría, xoiaría, téxtil e olaría, comezarán a mediados do vindeiro mes e ofertarán 62 prazas
– O prazo de inscrición para os Obradoiros infantís comeza máña venres e a dos cursos para adultos o luns, 26 de marzo. Máis informacións en www.deputacionlugo.org e www.centrad.org e no 982 210 066
A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín presentou este xoves as actividades que o CENTRAD ten programadas para esta primavera. Trátase da segunda edición dos Obradoiros Infantís, destinados a nenos de entre 5 e 12 anos e que terán lugar en Semana Santa, e máis os cursos de artesanía para adultos, que darán comezo a mediados do mes de abril. Tal e como subliñou a responsable da Área “temos marcado o obxectivo de achegar a tradición artesanal da provincia a todos os lucenses, sen ter en conta idades ou capacidades, porque o noso é un patrimonio a conservar e dar a coñecer, pola riqueza cultural e factor de impulso económico que supón para todos os lucenses”
Os Obradoiros Infantís desenvolveranse os días 2, 3 e 4 de abril, coincidindo co período de vacacións escolares de Semana Santa. Trátase da segunda edición deste tipo de actividades, tras as celebradas o pasado Nadal. Estes tres obradoiros dirixidos a rapaces forman parte dunha programación posta en marcha polo Centro de Artesanía cunha dobre intención: por unha banda, dar a coñecer ós máis novos a riqueza e variedade do mundo artesanal e, por outra, tal e como subliñou Polín, “colaborar na conciliación da vida familiar e laboral”. Á vista do éxito dos primeiros Obradoiros infantís organizados durante o Nadal (as 60 prazas dispoñibles esgotáronse ás poucas horas de abrir o prazo), “o CENTRAD decidiu repertir a experiencia e ampliala a outras épocas vacacionais do ano, pola boa aceptación que acadou entre os nenos e as felicitacións que nos fixeron chegar as familias”, continou a Deputada de Artesanía.
Nesta ocasión, cada un dos tres días nos que se desenvolverán estes Obradoiros estará centrado nunha actividade artesanal diferente: cestaría, elaboración de instrumentos musicais e téxtil. Durante a xornada adicada á cestaría, os rapaces empregarán fibras vexetais e pequenas láminas de madeira para facer tramas sinxelas e, unha vez aprendida a técnica, elaborar obxectos coma cestas, lapiseiros, etc. Ademais, aprenderán algúns datos sobre a historia da cestaría tradicional, sobre os diferentes tipos de fibras vexetais e as ferramentas necesarias para traballalas.
No obradoiro adicado ó instrumento musical, os nenos fabricarán pequenos instrumentos (frautas, mirlitóns ou canellas) con materiais coma cana, noces, legumes ou materiais de refugallo. A intención é que os rapaces aprendan a exercitar a súa destreza manual, ó tempo que traballan a psicomotricidade partindo de elementos propios da tradición oral. Finalmente, no obradoiro téxtil, os nenos recibirán nocións de confección de tapiz en tear manual. Con bastidores, la e algodón, os pequenos serán capaces de elaborar un tapiz ó tempo que aprenderán a importancia das técnicas, da creatividade e da historia dos diferentes tecidos.
Serán en total 45 prazas, 15 por cada un destes obradoiros, totalmente gratuítos. O 15% das prazas dispoñibles están reservadas a nenos con necesidades especiais. En canto ó horario, os obradoiros darán comezo ás 9:00 horas e se prolongarán ata as 14:00 horas. No caso dos rapaces con necesidades especiais, Polín quixo lembrar que, ó igual que nos Obradoiros de Nadal, haberá flexibilidade en canto a idades de adminisión e horarios, para que todos poidan aproveitar ó máximo a experiencia.
As inscricións para estes obradoiros gratuítos pode facerse dende o venres 23 e ata o día 28 no rexistro do INLUDES. As familias interesadas poderán atopar máis información, así como o modelo de solicitude de inscrición nas páxinas web www.deputacionlugo.org, www.centrad.org ou ben directamente no rexistro do INLUDES, onde deberán presentar dita solicitude cuberta xunto cun xustificante de que os cónxuxes están a traballar. As inscricións faránse por rigorosa orde de inscrición, aínda que terán preferencia aqueles rapaces cuxos proxenitores traballen e aqueles que quedaran fóra da convocatoria de Nadal.
Programación de obradoiros para adultos
Por outra banda, Regina Polín tamén presentou a primeira tempada de obradoiros de artesanía para adultos do 2012, consistente en 7 cursos nos que se impartirán técnicas artesanais de diferentes eidos e para os que hai dispoñibles un total de 62 prazas.
Os participantes poderán aprender técnicas da labor cesteira nos cursos “Iniciación á Cestaría” e “Iniciación á cestaría de vimbio”; da xoiaría en “Fabricación de pezas. Torques”; do téxtil en “Encaixe de palillos”, “Tecer con nós. Macramé” e “Confección de alfombras en teares de baixo lizo” e da olaría en “Iniciación á olaría de Mondoñedo”. No caso deste último obradoiro, celebrarase na propia localidade mariñana, decisión motivada pola intención que os responsables provinciais manifestaron no seu momento de descentralizar a formación impartida tanto a través do Centro de Artesanía como a través das propias Aulas de Formación da Deputación.
O prazo de solicitude destes cursos dá comezo o luns 26 de marzo e rematará cinco días antes da data de comezo de cada obradoiro, tendo preferencia todos aqueles solicitantes que non realizaran estes mesmos cursos nos dous últimos anos, en cuxo caso terán que agardar a que queden prazas vacantes. Os modelos de solicitude para formalizar a inscrición pódense atopar nas páxinas web ou nas propias instalacións do CENTRAD ou do INLUDES. Ó contrario que no caso dos obradoiros infantís, nos que é imprescindible formalizar a inscrición acudindo ó rexistro do INLUDES, para estes obradoiros a matrícula só se poderá facer online: hai que acceder á dirección www.centrad.org, encher os datos do formulario. Unha vez cuberta e enviada a solicitude, a aplicación informará ó interesado si está admitido ou si está en lista de espera.
Cada alumno poderá participar unicamente nun curso por tempada, agás no caso de que resten prazas vacantes noutros cursos unha vez pechado o prazo de inscrición. Os alumnos que cumpran a totalidade de horas do curso ou ben só faltaran, xustificadamente, un 10% da carga horaria do mesmo, poderán obter os correspondentes diploma e certificación de asistencia.
Para obter máis información sobre datas, horarios, matrículas e inscricións, os interesados poden consultar a páxina web da Área de deseño e Artesanía, www.centrad.org, chamar ó teléfono 982 210 066, ou ben achegarse ata as instalacións do CENTRAD (Travesía Rúa Chantada, s/n)























O acto terá lugar o vindeiro luns 18 de maio, coincidindo coa celebración do Día Internacional dos Museos, unha data sinalada para poñer en valor o patrimonio cultural e mariñeiro do concello. Tras un período de traballos de mellora e adecuación, o museo —un referente na comarca— reabre para ofrecer ás persoas visitantes unha viaxe inmersiva a través da herdanza mariñeira, da industria conserveira e da estreita relación das súas xentes co Cantábrico.
Unha obra para todos os públicos. Hora: 20.00. Entrada libre ata completar aforo, non é necesario facer reserva de entradas.
O encontro, aberto ao público, terá lugar na Casa Museo Álvaro Cunqueiro e será moderado por membros da propia asociación. A sesión busca reflexionar colectivamente sobre a posibilidade de que Mondoñedo aspire a ser recoñecida como Patrimonio da Humanidade, abordando a cuestión desde perspectivas históricas, patrimoniais, artísticas, naturais e humanísticas. A actividade comezará ás 11:00 h e a organización anima a toda a veciñanza a participar e compartir opinións.
O Comité de Empresa de Alúmina‑Aluminio San Cibrao informa de que a Secretaría de Industria convocou ao comité á 19ª reunión de seguimento do acordo de viabilidade, que se celebrará o venres 15 de maio ás 12:30 horas na Delegación do Goberno en A Coruña. Unha vez rematada a reunión, o comité procederá a informar aos traballadores sobre os resultados e avances do encontro.
A participación estará aberta do 14 ao 18 de maio, e a persoa gañadora poderá escoller entre cinco modelos diferentes. A propietaria, Susana Moreira, fai un balance moi positivo desta década, na que o negocio evolucionou ata centrarse en mercería, venda de la e artigos artesanais elaborados por ela mesma. Ademais, ofrece arranxos de roupa e organiza cursos e talleres de ganchillo, calceta e bordado, como o previsto para o 23 de maio. A maior parte da clientela e das persoas que participan nas actividades son mulleres, aínda que tamén acoden nenos e mozos interesados en técnicas como os amigurumis.
Será este xoves, día 14 de maio, ás 19:00 horas no salón de actos do Concello. O mago Pedro Bugarín presentará o seu espectáculo titulado Galicia con maxia. Para esta actividade o Concello de Lourenzá conta coa colaboración da Deputación de Lugo.
Nesta ocasión participará Susana Vázquez Fernández, coach de saúde emocional e facilitadora en procesos de duelo e perda, que impartirá o faladoiro “Xestión do ánimo”, centrado en técnicas de relaxación, pensamento positivo e coidado da saúde mental para mellorar o benestar emocional. A actividade está aberta á veciñanza e busca crear un espazo para compartir, aprender e coidarse en comunidade. Conta co apoio e colaboración da Asociación de Xubilados Terramar.



