A Deputación convoca 24 novas bolsas de emprego para formar guías especializados nas Reservas Terras do Miño e Os Ancares
– Lara Méndez e Sonsoles López anunciaron que os beneficiarios recibirán 145 horas de formación a custe cero e logo traballarán como bolseiros entre xuño e setembro, período durante o que percibirán unha remuneración neta mensual de 700 euros
– Desenvolverán actividades recreativas, culturais, divulgativas e de concienciación, ademais de recompilar información de interese sobre as Reservas, co obxectivo de “fomentar a economía medioambiental e un turismo sostible e de calidade: o ecoturismo”
– Os interesados teñen que enviar entre os días 23 e 29 de abril, xunto ó currículo, un modelo de solicitude que poderán atopar na web provincial ás direccións terrasdomino@deputacionlugo.com ou ancareslucenses@deputacionlugo.org
A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, e a Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, presentaron este xoves en rolda de prensa un novo programa de bolsas de emprego a través do que o organismo provincial formará a 24 persoas como guías medioambientais especializados nas Reservas Terras do Miño e Os Ancares Lucenses. “A súa labor será difundir e recompilar información sobre os recursos paisaxísticos, ambientais e etnográficos destes espazos naturais co obxectivo de fomentar a economía medioambiental e un turismo sostible e de calidade: o ecoturismo”, subliñou Méndez. Esta iniciativa enmárcase na aposta da institución luguesa por “consolidar o medio ambiente como unha oportunidade económica de futuro para a provincia, capaz de xerar emprego e fixar poboación”, asegurou a Vicepresidenta.
O programa de guías medioambientais, que conxuga a dinamización do mercado laboral e a difusión dos valores naturais de Lugo, desenvolverase a través do convenio que a Deputación ten asinado co Ministerio de Medio Ambiente para impulsar as Reservas Terras do Miño e Os Ancares. Deste xeito, o Ministerio financia o 66% do plan de bolsas de emprego, que está dotado con 141.600 euros.
Haberá 12 bolseiros por cada Reserva e o proxecto estrutúrase en dous piares:
– En primeiro lugar, os beneficiarios recibirán de xeito gratuíto formación como monitores guías das Reservas Terras do Miño e Os Ancares durante 145 horas. “Para que se fagan unha idea da calidade da formación que van recibir, coméntolles que unha persoa a título individual tería que pagar por ela 900 euros”, destacou a Vicepresidenta.
– En segundo lugar, os participantes farán prácticas remuneradas durante 4 meses, entre xuño e setembro. Cada un dos bolseiros percibirá unha remuneración neta de 700 euros ó mes. Neste período, realizarán diversas actividades recreativas, culturais, divulgativas e de sensibilización no territorio das Reservas. Así mesmo, recompilarán todo tipo información de interese sobre estes espazos, que será incorporada ó navegador xeográfico www.delugo.org A Deputación puxo en marcha este Google medioambiental das Reservas da Biosfera a principios do pasado ano con fondos europeos de Lug02. O portal web permite ó usuario navegar por un mapa da provincia, obtendo información sobre que visitar, onde comer ou aloxarse e ofertas de lecer dos lugares que lle interesen. “Xa no momento da súa presentación avanzamos que este navegador xeográfico estaría en constante cambio e innovación, de xeito que ós contidos iniciais se irían sumando progresivamente outros de utilidade para o cidadán. Co programa de guías medioambientais facemos que esa continua actualización de contidos sexa posible”, indicou Lara Méndez.
Como inscribirse
O vindeiro luns, día 23, abrirase o prazo para que as persoas interesadas en participar neste novo programa se anoten, algo que poderán facer ata o domingo 29 de abril. Para elo, deben entrar na páxina web www.deputacionlugo.org onde atoparán na portada dende o mesmo luns, o día da apertura do prazo, un modelo de solicitude, que teñen que cubrir e enviar por correo electrónico á: terrasdomino@deputacionlugo.org ou ancareslucenses@deputacionlugo.org dependendo da Reserva na que desexen desenvolver estas accións formativas e prácticas. A Deputada de Medio Ambiente aclarou neste senso “que cada interesado poderá optar soamente ó proceso de selección dunha das Reservas, a que prefira”. Co modelo de solicitude deben adxuntar o currículo e méritos que consideren.
En canto ó proceso de selección, López Izquierdo explicou que os aspirantes deben contar como mínimo co certificado de escolaridade. Para a selección valorarase que o currículo se adecúe ás funcións de guía medioambiental e ó desenvolvemento das tarefas a desempeñar dentro das Reservas, así como a actitude cara o posto de traballo.
O proceso completarase cunha entrevista persoal que terá como finalidade apreciar o grao de interese, madurez e dominio dos coñecementos, ademais da formación acreditada no currículo, en relación coas prácticas a realizar.
Riqueza forestal da provincia
Por outra banda, a Deputada de Medio Ambiente realizou unha valoración do estudo elaborado polo Centro de Investigación Ecolóxica e Aplicacións Forestais (CREAF) da Universidade Autónoma de Barcelona sobre a retención de emisións de CO2 en España. “Os resultados da provincia de Lugo sobre a absorción deste gas, principal responsable do efecto invernadoiro e do cambio climático, son excelentes, debido á gran riqueza forestal coa que contamos”. López Izquierdo ofreceu dous datos “para contextualizar os resultados do informe”:
– Por un lado, os 2,5 millóns de toneladas de dióxido de carbono que reteñen os bosques lucenses supoñen o 4% de toda España.
– Por outro, esa cantidade duplica a media das provincias españolas, que se sitúa en 1,3 millóns de toneladas.
Hai que ter en conta, como lembrou a Deputada, que, segundo o Inventario Forestal Nacional (IFN), a superficie forestal ocupa un 68% do total de Lugo e desta, un 63% é monte arborizado, unhas 422.000 hectáreas, que supoñen o 35% do total galego. “Na Deputación de Lugo somos conscientes desa riqueza e impulsamos accións para potenciala, como son precisamente o programa de bolsas de emprego que hoxe presentamos ou o plan integral de desenvolvemento do sector agropecuario e forestal que demos a coñecer hai unha semana”, subliñou.




















As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
O percorrido comeza nun lugar simbólico: as pontes sobre o río Sor, que unen as provincias da Coruña e Lugo e marcan un dos vértices do territorio lucense. Con esta iniciativa, Guido Guía propón unha travesía pola diversidade paisaxística, histórica e humana da provincia, destacando a riqueza dos seus espazos naturais, monumentos e comunidades.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.
A cita será o luns 19 de outubro, ás 17:30 horas, cun punto de encontro no peirao de San Cibrao. Ademais, os diferentes edificios municipais iluminaranse de cor rosa para sensibilizar á poboación sobre a importancia da detección precoz, fundamental para mellorar o prognóstico e a supervivencia das pacientes que padecen esta enfermidade.
O domingo 20 de decembro a Praza César Chavarría acollerá de 11:00 a 20:00 horas unha nova edición do Mercadiño de Nadal organizado polo Concello de Lourenzá, “unha cita para desfrutar do ambiente destas datas e compartir unha xornada especial na nosa vila”, anuncia a alcaldesa, Rocío López. O prazo de inscrición para instalar cun posto xa está aberto e a participación é totalmente gratuíta. As solicitudes poden facerse ata o 16 de decembro nas oficinas do Concello de Lourenzá ou a través do teléfono 982.121.006.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
No encontro, abordáronse temas como a posibilidade de colaborar na mellora da formación dos traballadores, destacando a importancia que ten ese aspecto neste sector estratéxico para Galicia. Tamén se trocaron puntos de vista relativos ás condicións laborais dos profesionais do mar.



