A xunta de goberno autorizou investimentos para varios servizos e accións no eido social, como un obradoiro comunitario en Ribeira de Piquín, equipamentos nas residencias de maiores e a Milla Internacional do Cantábrico de Viveiro
Lugo, 9 de outubro de 2026. A xunta de goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres novos convenios de colaboración por case 140.000 euros para apoiar a reapertura do Punto de Atención á Infancia (PAI) de Trabada e para reconverter un inmoble en Ribeira de Piquín nun local comunitario para uso de veciños e emprendedores. Así o detallou a voceira socialista do goberno na rolda de prensa posterior á reunión semanal que tivo lugar no Pazo de San Marcos.
Reapertura do PAI de Trabada
O órgano provincial deu luz verde a un acordo de case 40.000 euros co Concello de Trabada para colaborar coa posta en marcha do Punto de Atención á Infancia (PAI) deste municipio. O servizo, que permanecía pechado desde había dous anos por falta de nenos e nenas inscritos, retomou a súa actividade a mediados do mes de setembro deste ano e este convenio fai posible a contratación dun mestre e dun técnico de Educación Infantil.
García Porto avanzou que “o PAI de Trabada atende a 5 cativos e cativas de forma totalmente gratuíta, ofrecendo ás familias do municipio un recurso público que facilita a conciliación da vida persoal, familiar e laboral”. Ademais, está previsto que nos próximos meses se incorporen outros tres cativos e cativas, o que permitirá ampliar o número de familias beneficiarias deste servizo.
Obradoiro comunitario en Ribeira de Piquín
A institución provincial aprobou tamén un convenio de 200.000 euros coa Fundación Terreo de Ribeira de Piquín —100.000 euros achegados pola Deputación e outros 100.000 euros pola Fundación— para poñer en marcha un obradoiro comunitario nun inmoble situado no lugar de Montefurado. Esta achega permitirá adquirir o edificio, que conta cunha superficie total de 275 metros cadrados, distribuídos nunha única planta, con 204 metros cadrados destinados ao uso principal e outros 71 metros cadrados de almacén, así como dotar as instalacións do equipamento necesario para o seu funcionamento.
O obxectivo é crear unha infraestrutura de apoio á actividade agroalimentaria local, que poida ser empregada pola veciñanza, pequenas explotacións agrarias, persoas produtoras e empresas da contorna que precisen dun espazo axeitado para conservar e manipular os seus produtos. Para iso, o proxecto contempla a adquisición de equipamento específico para o interior do inmoble, como unha cámara frigorífica, sistemas de climatización, equipamentos de aceiro inoxidable e sistemas de pesaxe, entre outros elementos necesarios para o desenvolvemento da actividade.
Esta iniciativa permitirá aos usuarios compartir instalacións, reducir custos e facilitar a transformación e comercialización dos produtos locais, mediante a elaboración de conservas, marmeladas, zumes, preparados hortícolas, mel envasado e outras elaboracións artesanais. A previsión é que esta infraestrutura estea lista para o seu uso o vindeiro ano.
Máis garantías para os Centros de Atención a Maiores
Outro dos acordos adoptados no eido social foi adxudicar por un importe de máis de 230.000 euros á empresa VEOLIA SERVICIOS NORTE SAU a instalación de grupos electróxenos nos centros de atención ás persoas maiores que a Deputación ten en Meira, Pol, Castroverde, A Fonsagrada, Ribas de Sil e Pedrafita do Cebreiro. A finalidade é incrementar a súa capacidade de resposta ante posibles incidencias no subministro eléctrico e garantir así os servizos básicos e a atención aos usuarios.
Deporte e solidariedade: apoio á primeira Milla Internacional do Cantábrico
A reunión deste venres tamén aprobou unha subvención excepcional por 30.000 euros para apoiar a primeira Milla Internacional do Cantábrico que se vai celebrar a vindeira fin de semana no municipio mariñán de Viveiro. Esta cita inclúe diversas probas e modalidades de participación, entre elas unha proba inclusiva na que participarán entidades como ASPANANE Viveiro, Fundación EU Son de Burela ou Down Lugo.
O evento conta con case 400 persoas anotadas e as inscricións continúan abertas, polo que se espera unha importante participación. A cita contará tamén coa presenza de atletas de alto nivel, así como do deportista viveirense e embaixador do evento, Adrián Ben.
Adxudicada a redacción do proxecto da Ponte sobre o río Navia
A xunta de goberno deu luz verde tamén a varias accións no eido da mobilidade. Adxudicou redacción do proxecto para construír a nova ponte sobre o Río Navia, nun tramo da estrada LU-P-3501, en Navia de Suarna.
O proxecto, que se adxudicou por case 80.000 euros a Noega Ingenieros SL, servirá para recuperar unha conexión que permanece interrompida desde o pasado mes de xaneiro, cando as fortes precipitacións provocaron o derrubamento da ponte, deixando sen tráfico este acceso. Aínda que esta vía continúa cortada, a mobilidade está garantida a través doutro acceso alternativo, que permite manter a comunicación na zona.
A redacción do proxecto conta cun prazo de execución de 8 meses, xa que será necesario facer estruturais, hidráulicos, xeotécnicos e ambientais.
Mellora de cinco estradas na Ulloa, na Montaña e na Mariña
A xunta de goberno acordou investimentos por máis de 600.000 euros para mellorar cinco estradas nos concellos de Monterroso, As Nogais e O Valadouro.
Nese sentido, licitáronse dous novos proxectos por máis de 370.000 euros para acondicionar catro estradas da comarca da Ulloa e da Montaña.
En Monterroso, a actuación aprobada permitirá rehabilitar case 4 quilómetros da LU-P-3301, a vía que vai desde este concello ata a Nacional 547 á altura do Marco; e tamén se arranxará a totalidade da LU-P-3306, que une a parroquia de Leborei coa de Tarrio. O orzamento é de case 150.000 euros e os traballos consistirán na reapertura de cunetas, pavimentación, sinalización e balizamento.
Así mesmo, aprobáronse máis de 230.000 euros para acondicionar dúas vías das Nogais.
Por unha banda, arranxarase un treito de algo máis dun quilómetro da LU-P-0707, que une Armesto con este municipio; e, pola outra, acondicionarase un tramo de dous quilómetros da LU-P-3702, que conecta As Nogais con Lamas. Os traballos consistirán na reapertura de cunetas, pavimentación e sinalización horizontal.
No Valadouro, adxudicouse por máis de 250.000 euros a mellora da totalidade da estrada LU-P-6305, a vía que conecta a LU-P-0101, á altura da Capela de Santa Filomena do Cadramón, co reemisor de RTVE desta mesma parroquia. As obras, que vai realizar MANTENIMIENTO FORESTAL MG, consistirán na reapertura de cunetas, reparación de danos, repavimentación e renovación da sinalización vertical. O proxecto para reparar esta vía conta cun prazo de execución de 4 meses.





















Dez minutos antes das 21:30 horas do xoves, o 112 Galicia foi informado polo persoal de Adif dun tren detido no medio dun túnel en Mogor, Mañón, debido a unha chapa metálica no medio da vía. Así, aínda que as doce persoas que viaxaban a bordo estaban ilesas, precisaban medios de rescate para baixalas do convoi e desprazalas ata o apeadeiro máis próximo. Nestas tarefas colaboraron a Garda Civil, os Bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira e os voluntarios de Protección Civil de Mañón. Finalmente, as persoas foron rescatadas e evacuadas a outro tren, que as levou ata o apeadeiro sen maiores complicacións. Desde alí, continuaron a súa viaxe en taxi.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.
A viaxe, enmarcada no proxecto «Relevo Xeracional: O Futuro do Mar» e organizada en colaboración co GALP Itsas Garapen Elkartea, permitiu achegarse a iniciativas como Kofradia Basque Seafood, a Escola de Pesca de Ondarroa, AZTI, Albaola ou o Itsas Museo de Donosti, así como a proxectos vinculados directamente á actividade pesqueira e á divulgación, incluíndo o uso de realidade virtual. O intercambio con Euskadi permitiu coñecer modelos que combinan formación, investigación, transmisión do coñecemento e modernización do sector, contribuíndo a identificar novas vías para facilitar a incorporación da mocidade á actividade pesqueira e garantir a continuidade das comunidades costeiras galegas.



