Cervo acollerá este domingo a Final Provincial de Baloncesto Feminino infantil
-Catro son os equipos participantes, dous clasificados da zona da Mariña e outros dous clasificados na competición celebrada en Lugo
-Os primeiros encontros terán lugar pola mañá, mentres pola tarde disputaranse as semifinais e a final
Cervo, 19 de abril de 2012-O Pavillón da Veiga, en San Ciprián, é o escenario escollido para a celebración da Final Provincial de Baloncesto Feminino da categoría de Infantil, que disputarán catro equipos: o Colexio María Otero e o Lourenzá Mondoñedo A, os clasificados da competición da zona da Mariña; e o María Auxiliadora e o Ensino, os clasificados da competición de Lugo.
O torneo comezará ás 10:30 horas co encontro entre o Colexio Martínez Otero e o María Auxiliadora. Ás 12:00 horas será a quenda do enfrontamento entre o Ensino e o Lourenzá Mondoñedo A. Xa pola tarde disputaranse as semifinais e a final. Ás 16:00 horas decidiranse o terceiro e o cuarto posto, e ás 18:00 horas terá lugar o encontro do que sairán as campioas do torneo provincial. Ao remate entregaranse as medallas e os trofeos.
A competición foi presentada esta mañá en Cervo, nun acto no que estiveron presentes o alcalde, Alfonso Villares, o edil de Deportes, José Ramón Soto e o xefe de servizo da Secretaría Xeral para o Deporte en Lugo, José Manuel Rozas Bello.
O xefe de servizo da Secretaría Xeral para o Deporte en Lugo asegurou que a elección de Cervo para a celebración desta final responde á “moi boa disposición que demostrou sempre o Concello cervense para acoller este tipo de eventos deportivos”. Rozas lembrou a participación deste municipio no plan Galicia Saudable da Xunta de Galicia, para a promoción do exercicio físico co obxectivo de combater a obesidade.
“Para nós é unha satisfacción poder acoller un momento tan decisivo desta competición como é a Final Provincial de Baloncesto Feminino na categoría infantil” explicou o delegado de Deportes cervense, “polo que ofrecemos a nosa total colaboración á organización en todo o necesario para o desenvolvemento do torneo”, engadiu o concelleiro. O torneo está organizado polo Servizo Provincial de Deportes da Xunta en Lugo, a delegación da Federación Galega de Baloncesto de Lugo e a Agrupación Deportiva A Mariña coa colaboración do Concello de Cervo.
Remitido