A portavoz de Montes, Emma Álvarez Chao, salientou que “por primera vez Galicia contará cun marco normativo propio e estable para desenvolver o sector forestal galego
O GRUPO POPULAR SINALA QUE A NOVA LEI DE MONTES DE GALICIA PRETENDE FREAR O ABANDONO DO MONTE, XERAR RENDAS E EMPREGO E FIXAR POBOACIÓN NO RURAL GALEGO
Alvarez Chao subliñou o “amplo consenso” co que chega esta norma chega ao Parlamento, que “supuxo que máis do 75% dos artigos do proxecto experimentasen algún tipo de modificación”
Esta lei “non se pensa para que sexa máis doado extinguir os incendios forestais, senón que pretende a ordenación do territorio e dos usos de xeito sostible e ordenado a fin de evitar conflitos no monte e acadar explotacións rendibles no plano económico, social e medioambiental minorando así os lumes”
Santiago, 24 de abril de 2012.- A nova Lei de Montes “pretende, por un lado, frear o abandono do monte e, por outro, mellorar o desenvolvemento socioeconómico e medioambiental sostible de Galicia xerando rendas e emprego no rural, contribuíndo así á fixación da poboación”, manifestou esta mañá a portavoz na materia do Grupo Popular, Emma Álvarez Chao, no debate de totalidade no Parlamento deste novo texto lexislativo. Así mesmo, salientou que, “por primera vez, Galicia contará cun marco normativo propio e estable para desenvolver o sector forestal galego, facendo compatible con outras actividades que se desenvolven no monte, baixo o equilibrio dos tres aspectos que marcan a importancia do noso monte: o económico, o social e o ambiental”.
Álvarez Chao subliñou o “amplo consenso” co que chega esta norma ao Parlamento, logo da celebración de máis de 30 xuntanzas coas 20 asociacións representadas no Consello Forestal de Galicia que, xunto coas achegas recollidas no período de exposición pública, “supuxo que máis do 75 por cento dos artigos do proxecto experimentasen algún tipo de modificación”.
“Estaremos abertos a incorporar melloras neste proxecto de lei e a debatelo sen escatimar esforzos para acadar un texto lexislativo final que sexa susceptible de manterse no tempo”, afirmou a portavoz popular, quen agardou que “este sexa tamén o interese dos grupos da oposición polo ben do sector”.
IMPULSA A ORGANIZACIÓN DO TERRITORIO
Emma Álvarez explicou que esta nova lei “impulsa a organización do territorio galego, equilibrando os usos do solo e permitindo un adecuado aproveitamento de recursos, racional e multifuncional, para optimizar as distintas actividades forestais sen menoscabo dos dereitos dos propietarios e os intereses colectivos da sociedade”. “É unha norma que recolle os aspectos claves para combater a excesiva fragmentación da propiedade, que é o principal impedimento para a rendibilidade económica e sostible do monte, apuntou.
A portavoz do Grupo Popular salientou que “por primeira vez nun proxecto de Lei de Montes de Galicia se aborda dunha forma tan fonda e concreta medidas dirixidas a afrontar os grandes problemas da estrutura da propiedade galega, limitando as novas parcelacións e segregacións, e fomentando e incluso obrigando á agrupación da xestión dos propietarios forestais en ditas masas arboradas”.
Así mesmo, sinalou que “preserva e fomenta a sostenibilidade do noso monte autóctono, aumentando as restricións sobre os eucaliptos, xa que se prohiben as reforestacións e as novas plantacións desta especie intercalada en zonas de bosques autóctonos e, en todo caso, tralos incendios forestais”.
“Recóllese o pastoreo como un dos principais aproveitamentos forestais e especifícase que debe ser regulado a través do instrumento de ordenación ou xestión forestal, asegurando un aproveitamento múltiple de todos os produtos e servizos do monte”, sinalou.
CAMBIOS DE USO DA SUPERFICIE
Emma Álvarez subliñou, ademais, que a nova lei “recolle unha batería de posibilidades para facilitar de xeito importante que a superficie forestal poida ter unha actividade agrícola de xeito que as explotacións poidan aumentar a súa base territorial, e a non ser que dito cambio de actividade supoña unha superficie significativa e conleve a eliminación de superficies compostas por frondosas caducifolias non será necesario unha autorización administrativa de cambio de uso”.
“En cambio, para cambiar dunha actividade agrícola a forestal esíxese a necesidade de que dita superficie estea adscrita a un banco de terras durante dous anos sen que ninguén solicite o seu interese, ademais de que dito espazo se atope nun evidente estado de abandono, linde con terreos forestais e sexa unicamente para frondosas caducifolias”, concretou a portavoz popular.
Por último, Álvarez Chao sinalou que esta lei “non se pensa unicamente para que sexa máis doado extinguir os incendios forestais, senón que pretende a ordenación do territorio e dos usos de xeito sostible e ordenado a fin de evitar conflitos no monte e acadar explotacións rendibles no plano económico, social e medioambiental minorando así os lumes”. Sen embargo, anotou que se manteñen “todos e cada un dos instrumentos e infraestruturas na loita contra os lumes, nomeadamente o Plan de Defensa contra os incendios forestais, os plans de defensa de distrito forestal, os plans municipais, as franxas libres de vexetación e as redes de xestión de biomasa”.