70 escolares da Zona Sur inaugurarán o programa de rutas didácticas da Deputación Exploradores de Terras do Miño
– A xornada, para a que se cubriron todas as prazas dispoñibles, terá lugar o vindeiro sábado e os participantes coñecerán facendo unha xincana o nacemento do Miño en Meira, a lagoa de Cospeito e o Centro de Interpretación Terras do Miño
– O programa de rutas, dirixido ós nenos de entre 7 e 10 anos, continuará o 12 de maio, para os escolares da Montaña; o 19, para os da Chaira e Lugo; e o 26, para os da Mariña
– Os pais interesados en inscribir ós seus fillos deben enviar ó organismo provincial unha autorización que lles facilita as ANPAS
O programa de rutas didácticas para escolares organizado pola Deputación Exploradores de Terras do Miño arrancará o vindeiro sábado, 5 de maio, coa participación de 70 escolares de centros educativos da Zona Sur. Ó longo da xornada, para a que se cubriron todas as prazas dispoñibles, os rapaces coñecerán con amenos xogos e actividades o nacemento do río Miño en Meira, a lagoa de Cospeito e o Centro de Interpretación Terras do Miño, no paseo lucense do Rato. Un autobús recollerá ós participantes ás 8:00 horas xunto ó bar Quiper de Quiroga; ás 8:30 nas estacións de autobuses de Chantada e de Monforte, e ás 8:45, na estación de buses de Sarria. A media mañá tomarán un refrixerio e a comida terá lugar no hotel Villamartín de Vilalba. Para concluír a programación, ás 17:00 horas seralles entregado un diploma no Centro de Interpretación Terras do Miño, onde tamén merendarán. Os pais dos rapaces poderán compartir este momento cos seus fillos e, se o prefiren, levalos eles mesmos de volta á casa. O autobús levará ó resto dos rapaces ós puntos de partida, xa de regreso, onde estarán sobre as 19:30 horas.
O programa Exploradores de Terras do Miño continuarán os tres seguintes sábados de maio: o 12, para os rapaces da comarca da Montaña; o 19 para os da Chaira e Lugo e o 26, para os da Mariña. Os pais e nais interesados en inscribir ós seus fillos nesta actividade, dirixida a rapaces de entre 7 e 10 anos e totalmente gratuíta, deben enviar á Deputación unha autorización, ben por correo ordinario á dirección C/San Marcos, nº8 27001 Lugo, ou ben por correo electrónico a terrasdomino@deputacionlugo.org A institución luguesa fixo chegar por e-mail ás Asociacións de Nais e Pais de Alumnos (ANPAs) de tódolos colexios públicos da provincia unha carta con toda a información sobre este programa de excursións, así como a mencionada autorización, co fin de que a distribúan entre os pais, de xeito que aqueles que estean interesados a cubran e a envíen, xa a título individual, á Deputación. As prazas son limitadas -70 por xornada- e iranse cubrindo por orde de inscrición, de maneira que os interesados deberán enviar canto antes os permisos. A data límite é o día antes de cada excursión.
Nas viaxes, dun día de duración, os cativos coñecerán a fauna e a flora da Reserva da Biosfera Terras do Miño e a importancia da auga nela (fontes, cascadas…); ademais dos recursos etnográficos (muíños, batáns…) e incluso lendas típicas da zona. Tamén se lles darán nocións de como coidar o medio ambiente e conservar o ecosistema. Para elo, realizarán diversos xogos e actividades, tipo xincana, como encontrar coa axuda dunha brúxula, a través de diversas pistas e da man dos monitores, obxectos escondidos, como cámaras de fotos ou prismáticos, cos que tomarán imaxes e coñecerán os recursos da Reserva. Cada un dos pequenos exploradores elaborará un caderno coas actividades e as fotos que faga nas rutas. As imaxes tamén se colgarán na páxina web da Deputación, www.deputacionlugo.org
Os pais poderán participar
Os nenos participantes, que estarán acompañados en todo momento por monitores, serán recollidos por un autobús entre as 8:30 e as 8:45 horas, a media mañá tomarán un refrixerio e posteriormente comerán nun restaurante da zona que visiten. Ás 17:00 horas entregaráselles unha diploma e merendarán no Centro de Interpretación Terras do Miño de Lugo, en tódalas viaxes, excepto na do 26 de maio, cando este acto terá lugar na Casa da Xuventude de Mondoñedo. Os pais están convidados a compartir cos seus nenos a merenda e a entrega de diplomas, e, se o prefiren, pódenos levar eles mesmos desde este lugar de volta á casa. O autobús levará ó resto dos rapaces ós puntos de partida, xa de regreso, onde estarán sobre as 19:30 horas.
Convenio co Ministerio de Medio Ambiente
A Deputación continua co programa Exploradores de Terras do Miño a súa axenda de actos conmemorativos do 10º aniversario da Reserva, da que forman parte tamén a terceira Gala Lvcvs Moda, que terá lugar o 8 de maio no Círculo das Artes de Lugo, e varias conferencias, obradoiros e exposicións, xa celebrados, que xiraron en torno á riqueza deste entorno natural. As rutas didácticas foron incluídas á súa vez no convenio que o organismo provincial ten asinado co Ministerio de Medio Ambiente para potenciar o desenvolvemento das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses, das que é máxima responsable a institución provincial.