DIANTE DA PARÁLISE E LENTITUDE DO GOBERNO LOCAL O BNG LEVA AO PARLAMENTO OS PROBLEMAS DE VECIÑOS DE LOURENZÁ PARA SEGUIR TRABALLANDO AS SÚAS EXPLOTACIÓNS FORESTAIS.
O pleno da corporación xa aprobou fai dous meses unha iniciativa nacionalista para ofrecer unha solución que non chega mentres hai xente que xa perdeu oportunidades de venda de madeira por non poder acceder ao monte.
Os veciños solicitaron ao concello melloras no camiño de acceso aos montes de San Lourenzo que coincide co Camiño Norte de Santiago e a solución non permite o paso de maquinaria pesada para realizar labores forestais.
A Mariña, 5 de maio de 2012. O Portavoz Comarcal do BNG, Antonio Veiga, Manuel Parga, parlamentario e Cesar Docampo, portavoz municipal nacionalista no concello laurentino, reuníronse hoxe con veciños da Parroquia de San Xurxo para presentarlles un paquete de iniciativas destinadas a desbloquear a parálise do goberno local e da Xunta para arranxar os problemas de acceso e explotación forestal do monte de San Lourenzo. O problema xurdiu despois de que a Sociedade de Xestión do Xacobeo executara obras de mellora a petición do goberno local dun camiño que coincide co trazado do Camiño Norte de Santiago e que impide, despois da súa execución, o paso de maquinaria forestal pesada e por tanto a explotación forestal que os veciños facían das súas propiedades. Os nacionalistas comparten a necesidade de adecuar o trazado do Camiño Norte como ben cultural e motor económico, mais isto debe ser compatíbel co servizo que antes prestaba ese camiño para acceso ás explotacións forestais.
O BNG leva a iniciativa por segunda vez diante da parálise do goberno local para solucionar o problema.
O BNG xa levou ao pleno da corporación unha iniciativa que buscaba solucionar os problemas de explotación forestal do Monte de San Lourenzo despois das obras executadas pola Sociedade de Xestión do Xacobeo nun camiño de acceso que coincide co Camiño Norte de Santiago que impiden o paso que maquinaria forestal e por tanto a súa explotación. A pesar do acordo plenario que obrigaba ao goberno local a buscar alternativas consensuadas cos veciños para solucionar o problema van xa dous meses sen ofrecerse solucións o que obriga ao BNG a actuar de novo levando o tema ao Parlamento Galego. Neste sentido, o parlamentario nacionalista Manuel Parga, “aclarou que no BNG apoiamos a posta en valor do Camiño Norte, mais isto debe compatibilizarse cos dereitos de explotación forestal do monte e por tanto é obrigado buscar solucións con rapidez”. O nacionalista presenta unha batería de preguntas para coñecer si o goberno local fixo algunha xestión ao respecto, cal foi o custe das obras executadas pola Sociedade de Xestión do Xacobeo, cales son as solucións propostas pola Xunta e en que prazos está prevista a súa execución. Ademais mediante unha Proposición Non de Lei instase á Xunta a executar con urxencia as medidas necesarias para permitir o acceso ao monte aos veciños coa maquinaria necesaria para a súa explotación.
Antonio Veiga acusa á Xunta de Galiza de malgastar fondos públicos con actuacións que non saben compatibilizar a valorización do Camiño Norte coa explotación forestal dos propietarios.
O portavoz Comarcal nacionalista, Antonio Veiga, afirmou que “o BNG comparte a valorización do Camiño Norte como recurso cultural e económico mais aclarou que cando se executa unha obra destas características hai que ter en conta as necesidades da xente que vive na zona e explota os recursos agrícolas ou forestais”. Neste sentido preguntouse “cal foi o papel do goberno local que non definiu no seu momento coa Sociedade de Xestión do Xacobeo as características e necesidades desta actuación”. Veiga valorou o traballo do BNG local que está coa xente e cos seus problemas e aquí demóstrase unha vez mais.
Cesar Docampo agardou que isto sirva para que a Xunta e goberno local se poñan as pilas e solucionen dunha vez o problema que xa está causando prexuízos económicos á xente.
O portavoz municipal nacionalista, Cesar Docampo, “agardou que Xunta e Concello actúen con celeridade xa que este problema xa está causando prexuízos económicos aos veciños ao ter que paralizar xa varias vendas de madeira”. O nacionalista que fixo entrega de copias das iniciativas presentadas a un grupo de veciños afectados, “non comprende a lentitude e parálise do goberno local cando en teoría teñen fío directo coa Xunta e unha concelleira, en referencia a Enma álvarez Chao, é a responsábel de medio rural do grupo parlamentar do PP”. Docampo lembrou que ademais da iniciativa aprobada no concello para dar solución ao problema pediron a inclusión da obra no PEIM Rural de 2012 sen que houbera resposta por parte do concello.