“É un feito inaudito que o Goberno provincial estea a amosarse abertamente disposto a incumprir unha lei vixente e aprobada no 2008 por PSOE e BNG”- asegura a portavoz popular
Candia insta a Besteiro a cumprir a lei de Servizos Sociais aprobada polo bipartito e a consignar o diñeiro que lle corresponde á Deputación para financiar a axuda no fogar
A norma legal vixente outorga competencias distintas as administracións: Mentres a Xunta financiará con ao redor de 7 millóns de euros os servizos da axuda no fogar dos concellos a Deputación debería facelo os 1,2 millóns de euros restantes
A voceira popular fai un chamamento ao presidente da Deputación para que rectifique a estratexia de confrontación mediática coa Xunta e acudan ás reunións coa Consellería de Traballo
Lugo, 8 de maio de 2012.- A voceira do Grupo Popular na Deputación de Lugo, Elena Candia, instou hoxe ao Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, a cumprir a lei de servizos sociais aprobada polo bipartito (PSOE e BNG) e, en consecuencia, a que dea as instrucións oportunas para que o ente provincial consigne -de xeito inmediato e en cantidade suficiente- o orzamento necesario para financiar a parte que lle corresponde dos servizos municipais de axuda no fogar.
A voceira popular puxo de relevo que o feito de que a Deputación fixera público a súa intención de impugnar a normativa autonómica de Servizos Sociais ante os tribunais, demostra que o propio Goberno provincial recoñece que a normativa vixente obriga á Deputación de Lugo a asumir este compromiso e insistiu en cualificar como inaudito que unha administración pública se estea a amosar abertamente disposta a incumprir a lei, e sobre todo, unha lei que eles mesmos aprobaron. Candia lembrou que é precisamente este texto legal do ano 2008 quen outorga as competencias a unha e outra administración.
A XUNTA FINANCIA MÁIS DO 90% DO CUSTE TOTAL
A voceira provincial tamén quixo insistir en que a normativa vixente establece un grado de compromiso moi diferente entre o diñeiro que tería que achegar a Deputación e a Xunta. “E pese a iso o señor Besteiro négase a axudar aos concellos e ás persoas maiores lucenses”. Mentres a Xunta por lei ten que asumir máis do 90% do gasto para financiar o servizo da axuda no fogar na provincia, achegando ao redor de 7 millóns de euros, a Deputación tan só debería facelo consignando 1,2 millóns de euros restantes, unha cantidade sensiblemente inferior pero, malia a todo, que o Goberno bipartito non está disposto a cumprir.
CONFLICTO MEDIÁTICO VS DIÁLOGO
Por outra banda lamentou que a estratexia do Goberno provincial sexa a de xerar un conflito mediático coa Xunta en vez de sentarse a dialogar coa administración autonómica. Neste senso lembrou as reiteradas negativas do vicepresidente provincial a asistir ás reunións ás que se lle citou desde a Consellería de Traballo e Benestar. “Ata en catro ocasións non se presentou nin el, nin ningún outro membro do Goberno”.
Candia fixo un chamamento a Gómez Besteiro para que “rectifique o errado proceder do seu Goberno e desautorice este comportamento de confrontación”, asumindo que en todo caso os problemas e cuestións que deban discutirse “deben facerse nos despachos, acudindo ás citas e falando coa Xunta”. De non actuar deste xeito “Gómez Besteiro estaría a antepoñer unha vez máis os intereses partidistas ao benestar dos lucenses”
Candia remata facéndose unha pregunta, que na súa opinión planea sobre toda esta polémica: “¿Gómez Besteiro pagará ou non aos concellos a parte que lle corresponde por lei para financiar os servizos de axuda no fogar? ¿A Deputación deixará ou non desamparados aos maiores lucenses? A Xunta si cumprirá co que lle corresponde.”- remata asegurando a portavoz provincial do Grupo Popular.