O PP local impulsará a recuperación do mercado de produtos da horta en Mondoñedo
O Grupo municipal cualifica a medida de dinamizadora para a zona ao tempo que pon en valor os produtos de gran calidade da comarca
Con esta medida, unha das proposta electorais dos populares, o PP local pretende buscar oportunidades de negocio tendo en conta os puntos fortes do municipio
Mondoñedo, 12 de maio de 2012- O Grupo Municipal do Partido Popular traballa para impulsar a recuperación do mercado de produtos da horta en Mondoñedo. Unha medida cualificada polos populares de dinamizadora para a localidade, ao tempo que pon en valor produtos da horta, de gran calidade para a comarca.
A iniciativa que está a promover o Grupo Municipal do Partido Popular afianzase a raíz das conversas mantidas por membros do grupo con expositores asistentes ao mercado de produtos da horta, acollido durante o programa da feira mindoniense das Quendas. Así, a proposta conta co respaldo tanto do PP local como da administración autonómica, a través da Consellería do Medio Rural e do Mar.
En relación a este tema, o Partido Popular de Mondoñedo insiste na importancia de concretar unha folla de ruta e marcar unhas pautas a seguir para poder fomentar o mercado de produtos da horta na localidade e buscar así a revitalización dunha zona deprimida economicamente e desanimada.
Os populares defenden a necesidade de buscar oportunidades de negocio tendo como base os puntos fortes da localidade, tal e como son os produtos da horta. E a pretensión, segundo anuncian os populares, é que o mercado comece a funcionar en xullo, en datas que non coincidan con outros mercados da zona.
Coa posta en marcha desta iniciativa, o Grupo local cumpriría cun dos seus compromisos electorais, xa que, tal e como aseguran os populares, o grupo sempre valorou esta iniciativa como unha proposta interesante, non só para a posta en valor de produtos da horta, senón tamén para lograr o obxectivo de atraer xente á localidade, principalmente os días de mercado.
O PP local recorda a lamentable desaparición do mercado de gando porcino que se celebraba no campo da feira, e asegura que se debera plantexar a súa recuperación, xa que supuxo unha perdida para a zona tal e como dende o grupo aseguran que manifestan algúns hostaleiros. En resumo, dende o Grupo Popular consideran que a dinamización da localidade pasa polo fomento deste tipo de iniciativas e aseguran que toda actividade suma e máis cando se buscar reactivar un dos recursos con potencial na zona.