OS SOCIALISTAS PIDEN A COMPARENCIA DE HERNÁNDEZ PARA QUE EXPLIQUE A SUPRESIÓN DE SERVIZOS TREN FEVE ENTRE VIVEIRO E RIBADEO
Ismael Rego interésase ademais por coñecer as medidas que a Xunta ten previsto tomar para evitar a supresión deste importante servizo, empregado por moitos usuarios para o seu desprazamento ao traballo e para xestións administrativas
Santiago, 27 de xullo de 2012. O parlamentario socialista, Ismael Rego, ven de solicitar a comparecencia do Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, para que informe á Cámara sobre a posición do Goberno galego diante do anuncio da ministra de Fomento e a dirección da empresa FEVE de suprimir o servizo ferroviario existente na actualidade na Mariña luguesa entre Viveiro e Ribadeo.
Sorprende aos socialistas este anuncio de Pastor, que suporía eliminar unha conexión ferroviaria con unha importante afluencia de pasaxeiros, e que os populares querían converter en alta velocidade. Non entende Rego cómo os que hai uns días esgrimían argumentos de ocupación e servizo como para acometer a alta velocidade, agora non son capaces nin de manter o servizo de vía estreita.
O deputado socialista da Mariña interésase na súa iniciativa polas medidas que ten previsto adoptar o conselleiro de Medio Ambiente para que os cidadáns do norte de Lugo non se vexan privados deste servizo público, cada vez máis básico nesta zona, que acumula distintos enclaves urbanos ao longo dos oitenta quilómetros da costa lucense: Ribadeo, Foz, Burela, Cervo-Xove e Viveiro.
Neles concéntranse os servizos sanitarios, educativos, administrativos e os máis importantes centros de traballo, o que obriga a diario a un número considerable de desprazamentos, e que “en tempos de dificultade económica coma os que atravesamos fan que os transportes públicos para facilitar a mobilidade dos cidadáns sexan máis imprescindibles”, apunta Rego.