A porteira coruñesa Patricia Otero, nova xogadora do Burela FS Feminino
O vicepresidente do club, Manuel Blanco, presentou na sede social á porteira coruñesa Patricia Otero de Oliveira como nova xogadora do equipo feminino. Patricia, que procede do Deportivo Córdoba Cajasur, ten 29 anos de idade e ampla experiencia na máxima categoría.
Blanco destacou a “solvencia e competitividade” que aportará Patricia “nun posto sempre crítico e de máxima importancia para o conxunto”. A porteira non dubidou en sinalar “as boas referencias que teño do club a todos os niveis” como principal razón para optar pola fichaxe. Segundo Patricia “o Burela FS leva xa anos en Primeira e ten obxectivos ambiciosos, o que sempre é un aliciente máis”.
A xogadora coruñesa levaba oito anos en terras andaluzas, “e ter a oportunidade de volver a Galicia e estar un pouco máis cerca dos meus sempre é bonito”. A nivel deportivo considera que o equipo de Javier Pardeiro “pode optar a todo, logo de gañarse un nome na máxima categoría” e advirte que “haberá loxicamente moita competencia e sempre aparece algún equipo sorpresa”.
En canto aos logros de carácter persoal, “gustaríame gañar a Copa de España, xa que é o trofeo que me falta”. Entre outros éxitos acadados, Patricia foi campioa de Liga co equipo Cordobés.