HOSTALEIROS DE FOZ OFRECERÁN O MENÚ DA FESTA DO MARISCO NOS SEUS ESTABLECIMENTOS RESERVÁNDOO DE XEITO ANTICIPADO.
Foz, 10 de agosto de 2012. A Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Foz traballa en todas as actividades que se desenvolverán na vila ao longo dos vindeiros días. ACIA colabora coa III Festa do Marisco, que organiza El Progreso e que se celebrará o vindeiro 18 de agosto nunha carpa instalada no paseo da Ribeira.
O presidente de ACIA Foz, José Carlos Paleo, subliña que “moitos locais da nosa hostalería ofrecerán tamén o mesmo menú que a carpa da Festa do Marisco. O único que teñen que facer os que desexen degustalo nos bares, restaurantes e mesóns de Foz é reservalo de xeito anticipado nos establecimentos participantes”. Paleo indica que “será o mesmo menú e ao mesmo prezo que o que se servirá no paseo da Ribeira. O único que teñen que facer é fixarse nos carteis identificativos que lucirán os nosos locais hostaleiros e facer as reservas”.
Menú normando
Agosto é un mes cargado de festas e propostas en Foz. A Asociación de Comerciantes ultiman tamén os detalles da súa participación na festa normanda que terá lugar a última fin de semana de agosto. A hostalería focense ofrecerá os días 24, 25 e 26 de agosto menús normandos a 15 euros. José Carlos Paleo engade que “tamén estamos a colaborar nas tarefas de preparación de dúas embarcacións que participarán no desembarco desta festa normanda”.