A Fundación TIC apoia as empresarias da provincia con vídeos promocionais elaborados por alumnos da Escola
– Os 43 spots difundiranse a través da plataforma de comercio electrónico da Deputación losproductosdelugo.com, as redes sociais e diversas canles de televisión
– Esta actuación é froito do convenio de colaboración entre a TIC e a asociación e súmase a outras iniciativas de apoio ó tecido empresarial da provincia como o Street Market, a Noite Aberta ou a Feira Outlet
– A TIC impulsa o labor doutras 100 asociacións e empresas tecnolóxicas mediante traballos audiovisuais nos que colaboran os estudantes e bolseiros do único centro en Lugo que imparte ensinanzas da rama audiovisual, facilitando a súa inserción laboral
A Fundación TIC presentou este luns 43 vídeos promocionais de empresas integradas na Asociación de Empresarias de Lugo (AELU) que foron elaborados por alumnos e bolseiros da Escola de Imaxe e Son (EIS), baixo a supervisión de técnicos da TIC. A iniciativa forma parte do convenio de colaboración entre a Fundación e o colectivo e ten por obxectivo poñer en valor os produtos e servizos das asociadas de AELU a través da plataforma de comercio electrónico da Deputación losproductosdelugo.com, do portal da asociación e-Deidades e as redes sociais, así como a súa emisión en diversas canles de televisión.
O Presidente da Fundación e da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, que estivo acompañado pola Presidenta de AELU, Beatriz Varela, e a Concelleira de Educación de Lugo, Esther Muñoz Mella, destacou a importancia deste tipo de iniciativas para apoiar ós autónomos e pequenos empresarios “nunha época especialmente complicada para un sector estratéxico na economía da provincia que se ve agravada coa suba do IVE”. Gómez Besteiro fizo fincapé no feito de que, ó mesmo tempo que se potencia a actividade das empresarias mediante as novas tecnoloxías, tamén se promove a formación práctica dos alumnos do único centro da provincia de Lugo que imparte ensinanzas da rama audiovisual, co obxectivo de promover a súa inserción laboral.
Promoción a través das redes
O Presidente da TIC fixo entrega a cada unha das empresarias dun DVD co spot do seu negocio, que poderán colgar nas súas respectivas webs e difundir a través das redes sociais. Ademais, Beatriz Varela recibiu un vídeo promocional de AELU, no que se dan a coñecer os servizos que presta a organización ás emprendedoras da provincia. Os produtos audiovisuais elaborados pola Fundación expoñeranse no portal da asociación: e-Deidades: Empresarias de Lugo na Rede que conta cun enlace ó centro comercial on line do organismo provincial losprodutosdelugo.com.
A Fundación TIC coa economía da provincia
A iniciativa da TIC súmase a outras de apoio ó tecido empresarial da provincia. A última de elas foi o Street Market, organizado pola Asociación de Autónomas, Empresarias e Profesionais de Lugo. Neste caso, técnicos e bolseiros da TIC fixeron unha ampla reportaxe sobre a cita para difundir en canles de televisión, cadeas radio e redes sociais, ó igual que fixeron coa Noite Aberta ou a Feira Oulet. Ademais, a Fundación TIC está a colaborar con máis de 100 asociacións e empresas tecnolóxicas a través da elaboración de produtos audiovisuais para dalas a coñecer á sociedade lucense e difundir as súas actividades. Entre as organizacións coas que colabora a TIC figuran ONG´s, asociacións culturais, deportivas e empresas que fomentan o emprego das novas tecnoloxías no tecido industrial da provincia. En todos os casos, participan alumnos e bolseiros da EIS co obxectivo de completar a súa formación de cara á súa futura inserción laboral, que é unha das prioridades da Fundación.
Máis de 20 anos de AELU
A Asociación de Empresarias de Lugo naceu en 1998 como unha organización sen ánimo de lucro que aposta polo futuro das mulleres emprendedoras da provincia e a creación dunha nova visión da empresaria dentro da sociedade lucense. Na actualidade conta con 120 socias de toda a provincia, pertencentes a diversos sectores que van dende a agricultura e a construción, pasando polo ensino, o lecer, a decoración ou o asesoramento. AELU presta as súas asociadas labores de asesoramento, xestión de documentación para solicitar axudas e subvencións, formación, ofertas ou demanda de emprego, entre outros servizos.






















O actor e humorista continuará a súa xira pola comarca e presentará esta mesma proposta en Burela o venres 27 de marzo, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura. O monólogo combina imaxes e historias, con contidos novos e outros xa coñecidos, sempre cun humor moi persoal. A función está recomendada para maiores de 14 anos e as entradas, a 5 euros, poderán adquirirse no despacho de billetes desde unha hora antes. O evento conta coa colaboración do Concello de Burela, a Xunta de Galicia, a Agadic e a Rede Galega de Teatros e Auditorios.
A Guía Repsol destaca 24 locais galegos como Soletes de primavera para gozar nesta Semana Santa. Galicia suma xa 357 establecementos recoñecidos con este distintivo, que non se renova nin se revalida, senón que se concede como categoría única. Na provincia de Lugo figuran seis Soletes: ‘Caserío Meiroi’ (Navia de Suarna), ‘Ebos’ (Vilalba), ‘Faragullas’ (Mondoñedo), ‘La Salina’ (Sarria), ‘Ramón’ (Lugo) e ‘Trespés’ (Monforte de Lemos).
López agradeceu á Academia Galega do Audiovisual por escoller Lugo e destacou a importancia do evento para visibilizar o talento local e o apoio provincial ao sector. A gala contou cunha ampla representación lucense: Nuno Pico e Xaime Miranda polo videoclip Antes fun moi malo; Fran Fórneas e Sergio Marey por Ferido do Xoán; Sabela Ramil e Andrea Mesa por Non cho podo dar; o dúo Fillas de Cassandra; e o burelés Breixo Llano, do equipo de Cos pés na terra. Ademais, a película Sirāt, do naviego Oliver Laxe, foi unha das grandes favoritas con 14
O acto institucional, celebrado este venres, contou coa participación da directora xeral de Igualdade do Principado e coa música de Clandestías.
Habilitarase o Rego das Flores. Desde o Concello recoméndase á cidadanía ter en conta esta incidencia nos seus desprazamentos mentres se manteña a restrición.
A cita celebrarase en Burela entre os días 4 e 6 de setembro, e xa están confirmadas preto dunha ducia de actuacións, entre elas as de Arume, Depedro, Éxtasis, Gara Durán, Juventude o La Milagrosa. O Goberno galego vén cooperando cos organizadores do festival, “que alcanza a súa duodécima edición consolidado como un motor de dinamización económica y cultural para a localidade”, afirmou Arias.
Será un concerto acústico e intimista, pensado para gozar da súa música nun formato próximo. Entrada libre ata completar aforo.



