PACHI VÁZQUEZ: “A GRAN MANIFESTACIÓN EN GALICIA DEBE SER ESTE DOMINGO NAS URNAS”
Comprométese a “saír da crise pola esquerda” e axudar aos “50.000 rapaces que temos na casa sen traballar” con 25.000 bolsas contrato
Viveiro, 18 de outubro de 12. O candidato á Xunta do PSdeG-PSOE, Pachi Vázquez, animou esta tarde en Viveiro, onde estivo xunto co presidente de Asturias, Javier Fernández, a que “a gran manifestación en Galicia sexa este domingo nas urnas”. Así o dixo logo de referirse a toda a xente que estes días está a protestar nas rúas contra os recortes da sanidade e a educación ou os problemas nas súas empresas.
O socialista prometeu traballar para “saír pola esquerda da crise”, e referiuse especialmente a “eses 50.000 rapaces que temos na casa sen traballar”, aos que se comprometeu a axudar con 25.000 bolsas contrato. Vázquez fixo ademais unha mención especial a Alcoa e deu un aviso aos traballadores que acudiron ao acto: “A dereita engana, e só estará todo arranxado cando se publique no BOE”, afirmou.
O líder dos socialistas galegos explicou que “eu xa vivín outras películas; aínda estou buscando os contratos de Pemex, o da Mitsubishi, os 14.000 empregos do eólico ou os 3.000 da acuicultura”, engadiu.
“Rajoy vén pedir un cheque en branco a Galicia a través de Feijóo, pero este domingo pola noite vai haber unha alegría, unha sorpresa moi agradable”, vaticinou Vázquez. “Cómo van gañar por maioría absoluta?”, preguntou tras referirse ás 43.000 familias afectadas polas preferentes, os 140.000 funcionarios, 730.000 pensionistas que pagan o copago e miles de pais e nais que saíron á rúa polos recortes en educación.
Sinalou que “no PP din que xa non hai que ir votar, cren que todos estes van votar o PP?”, asegurou, antes de advertir que “a semana que vén van rescatar o país, e despois dirán “eu non quería”.
O candidato socialista referiuse a Javier Fernández como un home normal, “un presidente que está na rúa e fala coa xente”, ao contrario que Feijóo. “Ao noso gústanlle os platós e coller avións, se pode ser de millonarios, e está sempre no lado oposto a onde hai un problema, el nunca ten culpa de nada”, ironizou.
Loitar contra o medo
Pola súa banda, o presidente asturiano falou do parecido entre Galicia e Asturias, e augurou que “desde o luns vanse parecer tamén politicamente”. Javier Fernández chamou a “loitar contra o medo” e indiciu en que o socialismo “é o último baluarte para resistir a política do PP” e a políticos “metidos a mengoneos con banqueiros, como Feijóo”.
Fernández avisou de que despois das eleccións irán polas pensións, “o último que lles falta por incumpiri”, e pedirán o rescate. Pediu “o voto para Pachi Vázquez” a “todos os que non queren pasar de ser pacientes a ser clientes e converter o ensino en privado para as elites e público como aparcadoiro para os adolescentes”.
Correos electrónicos en Alcoa
O alcalde de Viveiro, Melchor Roel, saudou ao presidente do comité de empresa de Alcoa, Luis Combarrro, presente no acto, e criticou que todos os traballadores da factoría “recibiron un correo electrónico dándolle as gracias ao ministro e a Feijóo” por unha “solución na que aínda non está nada asinado” para a factoría.
“Nós queremos darlles as grazas aos traballadores e aos veciños por todo este tempo, porque sen eles si que non haberá solución”, asegurou Roel, que lembrou que o único que está garantizado por agora é unha tarifa eléctrica competitiva despois dun acordo que alcanzou o goberno socialista.