VISTA ALEGRE XA RESPIRA A EMOCIÓN A DERBI (BURELA FS-CIDADE DE VIVEIRO, SÁBADO, 18.30 HORAS)
Vista Alegre xa respira a emoción típica dos derbis. O Burela FS Pescados Rubén B estrearase nos duelos mariñáns da Terceira División este sábado, ás 18.30 horas, coa visita do Cidade de Viveiro. Ambos os equipos chegan á cita cunha traxectoria idéntica: empatados a puntos (6) e con ansias de volver á senda da vitoria, despois de encadear as tres últimas xornadas con resultados desfavorables.
“Vai ser un encontro moi igualado, así o mostra xa a clasificación; nós sairemos ao cento por cento para gañar” asegurou unha das firmes promesas burelistas, Antón Couto Hermida (Fazouro, 1993), manifestando tamén “a especial motivación que sempre rodea os derbis”.
O novísimo ala laranxa, que xa puido debutar co equipo sénior da Primeira División esta tempada, valorou a estrea do seu conxunto en Terceira, categoría á que se está adaptando paulatinamente: “Estannos tocando os rivais máis fortes e iso nótase; aínda que estamos despregando un bo xogo, a falta de finalización custounos os últimos partidos” analizou o mariñán, que tamén se mostrou optimista as próximas citas do calendario. “Agora teremos catro partidos que parecen máis accesibles, excepto o do Leis, e temos que intentar sacar os máximos puntos para reencontrarnos cos máis experimentados sen tanta presión” dixo o focego.
Do seu periplo e da súa recente estrea en Primeira tamén falou o ala laranxa: “É unha oportunidade que teñen moi poucas persoas, nin eu mesmo o acabo de crer; estou enormente agradecido tanto a Julio Delgado coma ao club pola confianza depositada en min” expresou ilusionado o xogador, confesando ademais que “non podería ter un debut máis bonito do que foi, ante o Barcelona”.
O burelista non quixo despedirse sen animar a afección a presenciar o prometedor desafío mariñán: “Será un bo partido, con rivalidade, intensidade e moitos goles, e ademais no que imos gañar” concluíu o deportista.