A Deputación aproba un Orzamento “progresista” que incrementa nun 63% os fondos para fomento de emprego
– Este compromiso contrasta coa “tormenta perfecta de recortes” do PP: “recortaron un 57% os fondos para políticas activas de emprego; un 50% as axudas a emprendedores e un 65% as achegas ós Concellos para axentes de emprego”, subliñou a Deputada de Economía
– Na área de Servizos Sociais destaca o incremento dun 100% na aportación provincial para o Servizo de Axuda no Fogar -pasa de 600.000 a 1,1 millóns de euros-. A provisión para teleasistencia mantense, “mentres Rajoy a elimina”
– “Cumprindo coa palabra dada”, afirmou García Porto, “disolvemos o INLUDES para reforzar a Cooperación cos Concellos. Nós non desmantelamos institucións, destruíndo emprego, como a dereita, senón que acadamos unha administración máis útil para os veciños”
– A delegada de Economía recalcou que estes Orzamentos, a pesar da aposta decidida polo emprego, están elaborados “coa limitación de gasto da Lei de Estabilidade Orzamentaria, e só nos permite investir un millón de euros máis que o ano pasado”
A Corporación provincial aprobou no Pleno ordinario deste martes, cos votos en contra do PP, o Orzamento da Deputación de Lugo para o ano 2013, un Presuposto de 89,4 millóns de euros, “progresista e comprometido”, que incrementa nun 63% os fondos para fomento do emprego e un 12% para Servizos Sociais, mantendo ó mesmo tempo unhas contas “totalmente saneadas e estables”. Así o explicou a Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, tamén vicevoceira do grupo provincial socialista, quen defendeu as contra provinciais na sesión plenaria.
García Porto destacou neste senso que o forte compromiso do Goberno provincial coas políticas para manter e abrir novas oportunidades laborais contrasta coa “tormenta perfecta de recortes” que practica o PP. “Vostedes non poden dicir que fixemos uns bos orzamentos para o emprego, porque se falamos de emprego, a vostedes sáltanlles os colores. Mentres a Deputación, sen ter as competencias directas na materia, destina 4 millóns de euros en 2013 a fomentalo emprego e soamente dos programas de inserción laboral que temos a día de hoxe en marcha se benefician 1.300 persoas; Feijóo e Rajoy, que son os que teñen as competencias: recortaron un 57% os fondos destinados este ano en Galicia a Políticas Activas de Emprego, e para o ano que vén os Presupostos do Estado contemplan outro brutal tixereitazo dun 34,6%; recortaron un 40% o orzamento destinado a cursos para desempregados na comunidade galega; recortaron un 50% as axudas a emprendedores en Galicia; e recortaron un 65% as axudas da Xunta ós Concellos para contratar axentes de emprego. Iso si, nisto non todos somos iguais. Apoiar, apoian a quen queren: dos 21 Concellos que terán un obradoiro de emprego en 2013, todos son do PP menos un. Está Lourenzá, Barreiros, Guitiriz, Begonte, Xermade, Cospeito, Castro de Rei… Menos mal que está os fondos europeos, porque, se contamos coa axuda da Xunta e do Goberno de Rajoy, levamos que esperar”.
Con respecto á área de Servizos Sociais, destaca o incremento dun 100% nos fondos para o Servizo de Axuda no Fogar, que pasa de 600.000 a 1,1 millóns de euros. “Feijóo decidiu dun día para outro que non poñía máis cartos para Axuda no Fogar, que a pague outro…”, explicou García Porto, quen contrapuxo esta actitude austérica do Presidente da Xunta co reforzo do Benestar Social que fai a Deputación, co aumento dos fondos para axuda no fogar, pero mantendo tamén a achega do 35% para financiar a teleasistencia domiciliaria, “mentres Rajoy a elimina, negándose a exercer as súas competencias, co que pon en perigo a atención a milleiros de lucenses e os centos de postos de traballo que se manteñen con este servizo”.
Medio ambiente e novas tecnoloxías
Xunto a emprego e benestar social, no Orzamento de 2013 destacan tamén os 2,3 millóns de euros do programa Lug02 para seguir impulsando a economía da provincia; os 5,3 millóns do Innova-TE para promover as novas tecnoloxías como catalizador do desenvolvemento; o mantemento de 3 millóns de euros para levar a cabo, só coa colaboración dos Concellos, o Plan de Obras e Servizos; 2 millóns para o Plan de Comunidades Veciñais; medio millón de euros para axudas ó sector gandeiro, agrícola e pesqueiro; o aumento de 260.000 euros (un 40%) para promoción turística; o aumento ata o millón de euros para o Plan URBAN; e o aumento en 1 millón de euros para accións de protección e mellora do medio ambiente.
“Temos as mans atadas no investimento”
A Deputada de Economía lembrou que o descenso dun 4,73% no Orzamento 2013 da Deputación débese a que desaparece a achega do Estado de case 3 millóns de euros para o Plan de Obras e Servizos, “é dicir, obras que benefician a todos os Concellos da provincia”, e porque baixan as partidas correspondentes ós programas europeos “debido á distribución anual dos fondos que temos establecidas”. Deste xeito, as provisións dos programas comunitarios pasa dos 14,4 millóns de euros en 2012 ós 8,5 millóns en 2013.
Neste punto, tamén quixo deixar claro que estes Orzamentos están elaborados “coa limitación de gasto que impón a Lei de Estabilidade Orzamentaria aprobada polo Goberno de Mariano Rajoy. Este límite de gasto, ou regra de gasto, só nos permite investir un millón de euros máis que o ano pasado. Temos as mans atadas. Se non fose por esa limitación, a Deputación de Lugo podería facer un maior investimento en tódolos eidos, dada a súa boa situación económica, froito dunha xestión responsable e eficiente dos recursos públicos. Insisto, temos as mans atadas por unha política económica cun forte compoñente ideolóxico, que nos está levando por un camiño sen saída”.
O PP “non é de fiar”: a débeda dos hospitais segue pendente
Por outra banda, e referencia ós ingresos, o Goberno provincial confía en que as previsións das achegas do Estado, que son de 68,5 millóns de euros, se cumpran. “Nós comprometémonos a xestionar eses cartos de forma responsable e eficiente, como sempre facemos para crear emprego e actividade económica na provincia, pero esperamos tamén que as estimacións do que nos vai ingresar o Estado estean ben feitas, e logo non nos veñan con rebaixas nin devolucións. Porque vostedes non son moito de fiar, e ós feitos me remito. Tamén se comprometeron a pagarnos a débeda pola transferencia dos hospitais, e este ano aínda estamos esperando. Adebédanlle a tódolos lucenses 3 millóns de euros, estanos privando de 3 millóns de euros. É iso que o seu xefe, Feijóo o austérico, presume de pagar a 45 días, por certo, presume de saltarse a Lei, porque a Lei obriga a pagar en 40 días, e a Xunta está pagando en 45”, asegurou a Deputada.
Neste senso, Porto considerou importante saber “se os seus xefes da Xunta teñen pensado pagar ou, como fixeron na Axuda do Fogar, decidiron dun día para outro que non pagan máis. É Importante sabelo: nós para facelos presupostos, pero sobre todo, é importante que o saiban os lucenses”.
“Donde dixen digo, digo Diego: ese é Mariano Rajoy”
A Vicevoceira socialista indicou así mesmo que “nesto dos incumprimentos vostedes teñen un gran mestre: Mariano Rajoy: “Donde dixen digo, digo Diego”, ese é Mariano Rajoy. Dixo que ía baixar o imposto da renda, subiuno; dixo que non ía subir o IVE, pois subiu o IVE 234 días despois de chegar ó Goberno; dixo que estaba en contra do abaratamento do despido e aprobou a reforma laboral que más dereitos recorta ós traballadores de todas as aprobadas na historia da Democracia; dixo que non ía reducir as prestacións por desemprego, e baixounas; dixo que non ía implantar o repago sanitario, e implantouno; non tocar a Educación e a Sanidade, foi o primeiro que recortaron; que a amnistía fiscal era una barbaridade, e faltoulles tempo para premiar ós defraudadores cunha amnistía fiscal; que España non ía ser rescatada, e foi rescatada”.
“Cumprimos cos nosos compromisos”
Fronte a estes incumprimentos, a Deputada destacou que no organismo provincial “cumprimos cos nosos compromisos, como demostramos coa disolución do INLUDES para reforzar a Cooperación e Asistencia ós Concellos”. “Despois de disolver a Fundación Tor; despois de transferir os hospitais ó SERGAS –deixando de ser a única Deputación de España con competencias en materia sanitaria- agora, cumprindo coa palabra dada, disolvemos o INLUDES, o terceiro gran paso na racionalización da estrutura administrativa da Deputación. Nós non desmantelamos institucións, como fai a dereita, destruíndo sen máis postos de traballo, nós, coa disolución do INLUDES, optimizamos recursos e traballamos por unha administración máis eficiente e útil para os veciños”.
A débeda baixa en 48,7 millóns dende 2007
A aposta polas políticas sociais “é totalmente compatible con unha boa xestión económica”, recalcou García Porto, pois, ó pechar o 2013, este Equipo de Goberno levará rebaixado en 48,7 millóns de euros a débeda financeira da Deputación dende a súa chegada ó Executivo, ne 2007. “Somos a Deputación de Galicia con menos débeda viva, e a sexta de toda España, segundo o Ministerio de Facenda. As contas de 2013 permitirán manter e mesmo mellorar esta situación, pois o vindeiro ano baixaremos inicialmente a débeda noutros 10 millóns de euros. Digo inicialmente porque neste ano 2012 tiñamos previsto baixala 4,6 millóns de euros, e fomos capaces de reducila finalmente en 11,5, é dicir, en case 7 millóns de euros máis que o previsto no Orzamento”.
Unha administración “rigorosa e seria”
A Deputada recalcou que estes son os terceiros orzamentos que se aproban en novembro, “un mes antes do que tradicionalmente se fixo en anos anteriores, para cooperar cos Concellos dende o minuto cero”. “Esta é unha Administración seria e rigorosa. Iso significa que pechamos os exercicio presupostario o 31 de decembro e empezamos a aplicar o Orzamento o 1 de xaneiro. Todo o contrario do que fai Feijóo, que se levanta un bo día e decide que non paga máis o Servizo de Axuda no Fogar; pecha o exercicio orzamentario en setembro e apraza dun ano para outro o pago de 411 millóns de euros en facturas para que lle cadren as contas e cumprir co déficit; duplica o paro; duplica a débeda pública da Xunta…”, asegurou a Vicevoceira, quen advertiu ós populares que “iso de botarlle a culpa de todo á herdanza socialista xa non vale. Vaian pensando noutro comodín, no da chamada, por exemplo! porque este desmorónase”.
1 millón de euros para o centro de recría
Na mesma sesión plenaria, a Corporación aprobou unha modificación do Orzamento do INLUDES deste 2012 co fin de incorporar unha partida de 1 millóns de euros para continuar coa execución do primeiro centro público de recría en España na Granxa Gayoso Castro. Esta partida súmase ós 350.000 euros previstos no Orzamento de 2013. A primeira fase, dotada con 6 millóns de euros e consistente no movemento de terras e a construción de 13 naves, está rematada.
Por Alimentos Lácteos, Tablicia e Cosmos
Ante a presenza dun grupo de gandeiros da provincia, que acudiron ó Pleno tal e como xa tiñan anunciado, a Corporación aprobou por unanimidade unha proposta do Equipo de Goberno na que, ante a crítica situación que atravesan as Empresas Alimentos Lácteos, Tablicia e Cementos Cosmos, insta á Xunta a levar a cabo as medidas necesarias para reflotar estas firmas, favorecendo a recuperación da actividade empresarial e comercial precisa para facer viable a súa capacidade produtiva, garantir o mantemento e defensa dos postos de traballo e asegurar a transformación e comercialización da produción láctea, madeireira e de cemento da provincia.
A Corporación aprobou, cos votos en contra do PP, outra proposta na que insta á Consellería de Industria a establecer medidas de compensación dos sobrecustes nas facturas eléctricas de milleiros de fogares provocados pola liberalización do mercado eléctrico, esixíndolle tamén á Xunta “as xestións oportunas para que as empresas subministradoras non efectúen cortes ata que se resolva o procedemento, obrigándolles a verificar que se cumpren os requisitos obrigatorios antes de ordenar a interrupción eléctrica.
























A mostra sobre Mimina, que repasa a súa traxectoria vital e artística e o seu papel esencial na creación de Sargadelos como empresa cultural, amplía o seu período de apertura até o 12 de agosto grazas á cesión das instalacións por parte do Concello de Cervo. A exposición poderá visitarse todos os días de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, e tamén se poden concertar visitas noutros horarios ou para grupos chamando ao 636020514 (Lucía).
Durante tres días desfrutan dun programa intenso de actividades na natureza: montaxe e desmontaxe do campamento, surf en Esteiro, tiro con arco, xincana e diversos xogos. A iniciativa está promovida polas Concellerías de Xuventude e Deporte xunto coa Oficina de Información Xuvenil.
Olimpia López, supervisou hoxe en Cospeito un control da campaña de velocidade da DGT, que busca previr sinistros nun verán de maior tráfico. Lembrou que a velocidade inadecuada está presente no 22 % dos accidentes mortais e apelou á responsabilidade dos condutores: cada km/h conta para salvar vidas.
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.
Estiveron acompañados polas técnicas de xuventude Mónica López Sanjurjo e Silvia Rodríguez Barreiro, para gozar das diferentes piscinas e tobogáns deste parque acuático. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa Verán a Tope en Xove 2026.
O prólogo é da profesora de Debuxo Camino Casabella Pumares, artista con raíces no Alfoz do Castrodouro, que participará na presentación xunto ao presidente do colectivo. Cinco dos pintores estarán presentes no acto, xa que Alaxe faleceu hai tres anos. A portada do caderno é obra do ilustrador Xosé Blanco. O evento celebrarase o sábado 8 de agosto ás 20:00 horas no castelo do Castrodouro, en Alfoz do Castrodouro.
O evento, organizado pola Asociación Cultural Xuvenil O Castelo reuniu a numerosos veciños e visitantes e celebrouse durante catro días. A programación incluíu actuacións musicais, actos relixiosos, xogos tradicionais e unha comitiva da camións, coches e motocicletas que percorreron todas as parroquias deste concello mariñán.



