As obras de construción do Punto Limpo comezarán este venres e estarán rematadas na primavera
-Esta mesma semana asinarase a acta de replanteo que permite iniciar os traballos
Cervo, 20 de novembro de 2012-O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, anunciou hoxe que as obras de execución do Punto Limpo arrincarán este venres, despois da sinatura nese mesmo día da acta de replanteo. Así o asegurou tras a reunión mantida co subdirector xeral de Coordinación Ambiental, Juan Gago, con representantes da dirección de obra, Ingesyma 2006 e da construtora, Vipeca S.L., na que tamén participou a edil de Medio Ambiente, Begoña Alonso, e técnicos municipais.
Unha xuntanza de inicio de obra para analizar o proxecto con detalle e coñecelo en profundidade. Ao mesmo tempo, achegáronse ata a parcela onde se vai construír o equipamento, situada no polígono de Cuíña, para falar sobre o terreo. Un solar de titularidade municipal cunha superficie de 11.250 metros cadrados, dos cales 1.638 destinaranse a esta dotación.
Segundo as previsións que manexa a empresa adxudicataria, as obras estarán rematadas na primavera de 2013. Executados os traballos, o municipio cervense disporá dunhas instalacións que prestarán un servizo “moi necesario”, asegura Villares, como é a almacenaxe e xestión de residuos voluminosos, contaminantes ou que polas súas características non se poden depositar nos colectores de lixo tradicionais.
“Co Punto Limpo a cidadanía disporá dun lugar fixo para desfacerse deses residuos tendo a total seguridade de que recibirán o tratamento que corresponde” engade o rexedor, que ao mesmo tempo considera “imprescindible” que a veciñanza “se conciencie na súa utilización, xa que só coa colaboración da poboación esta instalación ofrecerá un servizo real”.
O Punto Limpo de Cervo foi adxudicado hai pouco menos dun mes á empresa Vipeca S.L. por un importe de 260.000 euros, que serán financiados ao 100% pola Xunta de Galicia.