O BURELA FS REGRESA CUNHA DE CAL E UNHA DE AREA NO DESPRAZAMENTO XUVENIL Á CAPITAL GALEGA
As promesas do Burela FS Pescados Rubén regresaron cunha cal e unha de area no seu desprazamento xuvenil á capital galega. A ledicia do conxunto da Liga Nacional, que se impuxo ao Santiago Futsal por un merecido 1-3, tivo como contrapunto o resultado desfavorable dos de Autonómica, que sucumbiron aos composteláns nunha cita goleadora (8-5).
Os pupilos de Iván Cao ‘Lucas’ realizaron unha gran primeira parte e souberon sufrir tras o descanso para non deixar escapar os tres puntos. Xa nos primeiros minutos, Fabio foi o encargado de abrir a lata para os mariñáns, de falta directa. O Burela Fs soubo manter a vantaxe, creándolle moitos impedimentos ao rival para a saída de balón. Antes de chegar ao ecuador, un roubo de Hélder propiciou a segunda diana de Fabio. Á volta, Carlos subiu o 0-3, nuns excelentes minutos dos laranxas, que paseniño se viron minguados polo cansazo e a intensidade do Santiago; a falta de 10 minutos para o final, Marcos reduciu as distancias. Os locais intentaron remontar co xogo de cinco dende o minuto 33, pero o Burela FS puido frear toda envestida grazas a unha excelente defensa.
O cinco inicial laranxa, con Erik, Ángel, Fabio, Hélder e Carlos, completouse con Samuel, Aitor, Rubén e Alemán. As filas santiaguesas estiveron defendidas por Alberto, Cristian, Samuel, Fran e Marcos, na saída, ademais de Iván, Adrián, Jacob e Javier.
Para os de Christian Fustes as cousas non foron tan sinxelas. Os erros laranxas marcaron o desenvolvemento dun encontro no que o Santiago Futsal si que estivo atento e soubo alimentarse de todos os desaxustes visitantes.
Do lado burelista, Marcos, Bruno, Miguel (1), Rubén e Francisco (2) compuxeron o cinco inicial; saíron despois Isaac, Aitor (2), Adrián, Giovanni, Daniel, José e Iván. Polos composteláns, participaron Felipe, Miguel (3), Daniel (1), Juan (2) e José María (1), ademais de Nicolás, Bruno (1), Jorge e Ignacio.
Liga Nacional Xuvenil
Santiago Futsal 1-3 Burela FS
Liga Autonómica Xuvenil
Santiago Futsal 8-5 Burela FS (15ª xornada)
Liga Autonómica Infantil
Os Meigallos FS 0-5 ED EON Burela FS (aprazado da 1ª xornada)
EDM Verín FS 7-1 ED EON Burela FS
Amigables
Burela FS Cadete 5-8 Burela FS Xuvenil
ACD Xove FS Cadete 1-8 Burela FS Cadete
ED EON Burela FS Alevín 10-2 Club del Mar A Mariña FS