Xornada de recoñecemento ao Reino da Galiza: Recuperar a historia para conquistar o futuro!
Galiza Nova desenvolverá un acto de carácter nacional de recoñecemento e lembranza do Reino da Galiza neste domingo 16 de decembro na comarca da Mariña. Tratarase dunha xornada formativa e cultural co obxectivo de recuperar etapas da nosa historia nacional deturpadas ou ocultadas pola historiografía oficial española.
Os actos comezarán ás 11.30h cun roteiro que rematará cun izado de bandeiras no Alto da Frouseira, lugar onde o Marechal Pardo de Cela fixo fronte ao ataque do exército dos Reis Católicos. Posteriormente, ás 13.30h, Galiza Nova realizará a xa tradicional homenaxe á figura de Pardo de Cela na Praza da Catedral de Mondoñedo, coa intervención do Secretario Xeral de Galiza Nova, Alberte Mera.
Con estas actividades Galiza Nova pretende dar a coñecer entre a mocidade personaxes e feitos da nosa historia indispensábeis para entender a nosa evolución como País, lembrando unha data ineludíbel no noso calendario nacional como son a execución do Marechal Pardo de Cela por orde dos Reis Católicos, e a doma e castración do Reino da Galiza, orixe da actual dependencia económica, cultural e política do pobo galego.