CEA DE ANTIGOS COMPOÑENTES DE LEDICIA. 2 DE FEBREIRO DE 2013
Herminia Pernas Oroza.- Di un actor galego (Cándido Pazó) que “nos malos tempos é cando a xente está máis ávida de rir”; poida que teña razón, e sexa esta unha das causas que levou a un grupo de burelaos a organizar unha cea, cuxos comensais comparten o feito de ter pertencido, nos anos oitenta, á Sociedade Cultural Recreativa e Musical Ledicia, fundada en Burela a finais do ano 1974.
A iniciativa é de agradecer porque a maioría deses nenos e mociños dos oitenta xa estamos nunha idade na que o pasado empeza a tinguirse de nostalxia.
Non fomos a primeira xeración que pertenceu a esta sociedade, e incluso os máis vellos deste grupiño aínda non chegaban nin aos dez anos de vida no momento en que foi fundada. Non sei si recollíamos o testemuño dos maiores, pero o certo era que, naquel entón, a maior parte da xuventude de Burela formaba parte de Ledicia, asociación que calou fondo nas nosas vidas ata que chegaron os dezaoito anos, e con eles a decisión de moitos de nós de marchar fóra para estudar na Universidade, desfacéndose así o vencello que nos unía a esta entidade. Algúns seguiron algún tempo máis, outros quedaron por así dicilo, na “reserva activa” pero pouco a pouco todos fomos deixando o noso lugar a outras xeracións de rapaciños que viñan petando forte.
Mais, ¿Cómo era a Ledicia dos anos oitenta?. Había ensaio ordinario do grupo de gaitas todos os xoves baixo a batuta de César (da orquestra Los Píndaros, de Viveiro) xuntándonos co grupo de baile os sábados pola tarde, que ao son de xotas e muiñeiras practicaban o que as mestras lles tiñan ensinado: primeiro foi Rosa, logo Lui, despois Ana… Acabado o ensaio xeral, acostumábamos a ver a televisión no local social (onde hoxe está a administración de loterías) e en concreto, era moito do noso agrado a serie V. Los visitantes da que non perdiamos capítulo.
As actuacións sempre representaban un algo extraordinario e había que preparalas coidadosamente. Podiamos ir todos xuntos ou só o grupo de gaitas, e podían ser de corto ou de longo percorrido. No primeiro caso, desprazabámonos nos coches particulares dos directivos e socios que ían cargados ata a bandeira: o Citröen GS de Ángel, o CX do “Presi”, e ata un Seat panda había por alí, que tamén facía o seu servizo, e máis que se quixeran apuntar.
Pero o maior entusiasmo era cando íamos actuar lonxe: Asturias, conca mineira de León, Madrid ou mesmo sen saír de Galicia, non importaba o lugar, abondaba con ir e pasalo ben. Si as viaxes acontecían durante o curso escolar, tiñamos permiso para poder faltar, e si era no verán, o contento era aínda máis grande porque, cumprido o traballo, podiamos disfrutar da verbena, festa ou da cidade en cuestión.
Naquel entón, as oportunidades de viaxar non eran moitas e os rapaces non estabamos tan sacados como os de agora. No colexio e instituto as viaxes culturais apenas existían e as que se facían coa familia tampouco sobraban, así que aí estaba Ledicia para suplir ese baleiro, e proporcionarnos aventuras que contar. No recordo de todos aínda permanece a calor abafante de Portomarín un domingo de agosto, só sufocada polos baños na piscina, así como as abundantes racións de polbo con que nos obsequiaron despois da actuación (ata lle fixemos unha canción a este rico manxar), tampouco esqueceremos os estreitos escenarios dos cines Mon e Avenida, os bailes en campos de fútbol onde se enterraban os zapatos ou descalzos no asfalto, o banco que rompemos nunha trasnada de rapaces en Matarrrosa del Sil, onde sempre despois de comer tiñamos que tocar e bailar para a señora da pensión…
E aínda había máis, no outono, antes de que empezase o novo curso adoitábamos facer unha pequena viaxe artístico-cultural, segundo fosen as posibilidades económicas da asociación: ás Rías Baixas (o hotel Cendón de Vigo tampouco escapou das nosas coplas en honor a unhas gambas moi peculiares que nos serviron), a Madrid-Segovia, Oviedo-Covadonga, etc. Unha destas viaxes coincidiu coas eleccións xerais de 1982, das que Carlos, o chapista vaticinou cando estabamos metendo as maletas no autobús: “dáme a min que estas eleccións van traer un cambio” e así foi. A excursión a Oviedo acontecera no outono de 1984 e cantamos ata a saciedade un tema que facía furor nese momento: yo no te pido la luna de Daniela Romo.
Anécdotas semellantes han saír a moreas nesta cea, e dende aquí quero das as grazas aos directivos e socios que formaban parte da sociedade nese momento, e que nos ensinaron a sentir a nosa cultura e a pasalo ben mentres a aprendíamos: Ángel, o “presi”, que transmitía unha doce autoridade, o outro Ángel, eterno bule-bule, Manuel, o “reporter”, nunca sen a súa cámara, José, o barbeiro, cun sorriso permanente nos seus beizos, e a sempre elegante Áurea entre outros moitos, e por suposto, o noso flamante chofer, Juan, “o Barbas”.
Grazas Ledicia por estar aí e continuar na brecha. Que non decaia!
Herminia Pernas Oroza