O BNG DE FOZ LAMENTA QUE O PP DE FOZ NON APOIARA REUNIRSE COA CONSELLEIRA DE BENESTAR PARA FALAR DA RESIDENCIA DE FOZ E DOUTROS ASUNTOS SOCIAIS DO CONCELLO
Foz, a 31 de xaneiro de 2013.- O BNG de Foz cualifica de lamentable a actitude do alcalde de Foz, O Sr. Castiñeira, e do seu grupo de goberno votando no pleno de onte en contra de solicitar unha entrevista coa Consellaría de Benestar da Xunta de Galiza para falar dos servizos sociais do Concello. A moción da solicitude saíu adiante a pesar da oposición do PP de Foz e esperamos que a Conselleira atenda a petición da Corporación o máis pronto posible.
Nesta entrevista o BNG quere saber de primeira man cales son os plans da Consellaría en canto á construción da Residencia de Terceira Idade e do Centro Día posto que despois de máis de catro anos de goberno do PP non hai feito máis que un anteproxecto. Na entrevista tamén se lle pedirá un aumento das prazas ofertadas posto que corenta son insuficientes e que a xestión sexa totalmente pública. Outros temas a abordar son a ampliación da escola infantil “galiña azul” posto que todos os anos quedan sen praza aproximadamente 30 nenos e nenas. A solución sería habilitar o piso superior e ampliar unha unidade de infantil como se ten aprobado xa en pleno por todos os grupos.
No pleno de onte tamén saíron aprobadas, co voto en contra do PP, unha moción do BNG na que se demandaba o carácter gratuíto e universal das operacións de salvamento marítimo realizadas polo servizo de gardacostas de Galiza que o PP privatizou e garantir o envío dun buque de apoio loxístico e sanitario á flota pesqueira na costeira do bonito, que no ano 2012 o PP eliminou por primeira vez na historia e que este ano vai polo mesmo camiño.
O BNG votou en contra da pretensión de implantar un programa informático para a xestión electrónica da actividade administrativa do Concello dunha empresa privada –contratada non por un sistema negociado sen publicidade- que lles custará ao Concello 28.459 euros como mínimo. O voto en contra ven xustificado porque nos parece un despilfarro xa que existe unha ferramenta pública coas mesmas prestacións e que pon a disposición dos concellos a Deputación de Lugo de forma gratuíta.