25 de Febreiro de 2013.- O BNG de Foz quer denunciar o incumprimento por parte do Grupo de Goberno municipal do PP dos acordos que o Pleno tomou por unanimidade o día 23 de febreiro do ano pasado en torno á figura de Rosalía de Castro.
Os acordos, tomados cos votos de todos os partidos políticos da Corporación, foron os de declarar o 24 de febreiro Día de Rosalía no noso Concello, emprender e apoiar a realización de actividades de promoción da obra da nosa escritora que impliquen ao conxunto dos veciños e veciñas do noso concello o 24 de febreiro e realizar unha lectura pública da obra rosaliana nun lugar destacado do concello na que o alumnado dos centros escolares, veciños, veciñas e persoas destacadas pola súa actividade cultural teñan o papel protagonista.
O BNG ten que denunciar que durante o día de onte non se fixera ningún tipo de acto por parte do Concello para espallar a figura da nosa escritora máis universal. Mesmo este día é unha data recollida oficialmente pola Consellaría de Cultura da Xunta de Galiza no seu Calendario do Libro e da Lectura polo en moitos concellos de Galiza se fixeron lecturas públicas da súa obra. Para o portavoz municipal, Xan Carlos González Basanta “a desidia do Goberno Municipal por Rosalía demostra unha falta de respecto pola nosa lingua, pola nosa historia, pola nosa literatura e pola democracia municipal”
Para o BNG, Rosalía de Castro é a escritora máis representativa da lingua e da literatura galegas. A publicación do seu libro Cantares Gallegos, o primeiro escrito integramente no noso idioma, desde a vontade firme e inequívoca do seu significado, sinala o inicio da restauración do uso escrito do noso idioma e o final de séculos de silencio e esquecemento.
Por estes motivos, a difusión do coñecemento da súa obra é necesaria para as galegas e os galegos, en especial para as xeracións máis novas, para fomentar neles o amor á nosa lingua e comprender a nosa identidade cultural. Lamentamos, unha vez máis, que o Día de Rosalía pasara sen pena nin gloria no noso concello pola falta de vontade do grupo de goberno por cumprir cos acordos plenarios e conmemorar o día 24 de febreiro.
O BNG insta ao Goberno Municipal a facer algunha referencia na páxina web do Concello así como algún acto sobre a figura de Rosalía nesta ou en próximas semanas, aínda que estean fóra de data, actos como a lectura pública da súa obra onde participen o maior número de persoas, asociacións e centros de ensino posibles.