Propón mobilizar terras para ampliar a superficie das explotacións e pide que se resolvan xa as axudas de 2025 para facilitar a incorporación de xente moza
Santiago de Compostela, 17 marzo 2026. A portavoz nacional, Ana Pontón, reclamou desde Mazaricos ao Goberno de Alfonso Rueda axudas directas ao sector agrogandeiro para afrontar o aumento dos custos de combustibles, fertilizantes e todo o que ten que ver coa alimentación animal, unha medida que considerou urxente dado o actual contexto inflacionista a consecuencia da guerra en Irán.
Pontón reclamou ao Executivo que deixe de “arrastrar os pés” ante un “sector estratéxico” en Galiza e comece a tomar medidas para facer fronte á escalada de prezos apoiando aos produtores e produtoras galegas, polo que, ademais das axudas directas a gandeiros e produtores, emprazou á Xunta a abrir liñas de crédito para as Pemes.
Así mesmo, avogou pola estrita aplicación da lei de cadea alimentaria para garantir un prezo xusto para que os produtores “non teñan que producir a perdas” e por que non entre en vigor un acordo con Mercosur que vai afectar a unha parte do sector galego.
Así o dixo logo de visitar en Mazaricos, xunto ao alcalde da localidade, Juan Blanco, a Granxa Pazos, unha explotación leiteira da que destacou a súa calidade -xa que ademais fai transformación do produto cunha marca de xeado propio- e na que exemplificou o bo facer do sector lácteo, que fai que Galiza produza o 42% do leite fresco de todo o Estado.
A pesar deste bo facer dos produtores e produtoras galegas, advertiu, o prezo do leite foi en 2025 o máis baixo de todo o Estado, o que considerou unha “inxustiza” ante a que non se pode permanecer impasibles.
“Como pode ser que os nosos gandeiros e gandeiras produzan un leite de primeira, pero lles estean pagando os prezos máis baixos de todo o Estado? Como é posible que ademais isto pase nun momento no que no Estado español estamos importando leite de fóra, é dicir, non hai un exceso de produción, senón que hai máis demanda que produción? E como é posible que o goberno do Partido Popular de Rueda non mova nin un só dedo para acabar con esta discriminación e con esta inxustiza?”, cuestionou.
A líder nacionalista advertiu que a situación aínda pode empeorar xa que a industria está trasladando aos produtores que a negociación dos próximos contratos será á baixa, cun recorte de até oito céntimos por litro.
Por iso, nun contexto marcado polo incremento de prezos derivado da escalada bélica e pola baixada do prezo do leite, pediu ao Executivo do PP que tome tamén medidas de carácter máis estrutural, xa que o País conta cun “enorme potencial” para producir alimentos e, sen embargo, ten “un goberno que non está á altura e non está apoiando como debera ao sector”.
Así pois, neste punto emprazou a Rueda a “poñerse á fronte” e liderar un modelo no que se lle paguen uns prezos xustos a produtores e produtoras, para o que considerou clave recuperar a Mesa do Leite, “sentar a industria cos gandeiros e que se negocie un prezo xusto para un leite de máxima calidade”, subliñou.
En segundo lugar, defendeu a proposta do BNG para mobilizar terras co obxectivo de ampliar a superficie das explotacións agrogandeiras, en total, 100.000 hectáreas de aquí ao 2030, o que melloraría dunha maneira moi importante a competitividade do sector e evitaríase ter terreos en desuso.
Por último, urxiu á Xunta a resolver “dunha vez por todas” as axudas de 2025 para a incorporación de mozos e mozas á actividade gandeira que seguen sen ser resoltas cando, por riba, en Galiza existe un problema moi grave de relevo xeracional, xa que só o 3,5% das explotacións teñen á fronte a unha persoa menor de 35 anos.
“Estas son medidas que un goberno comprometido co sector estaría tomando e o que lle pedimos ao executivo da Xunta é que deixe atrás a súa pasividade e que se poña a tomar medidas eficaces e reais para axudar ao sector”, concluíu, logo de coñecer de primeira man diferentes proxectos de dinamización económica nun concello que leva gobernado máis dunha década polo BNG e que exemplifica o modelo transformador da organización nacionalista no ámbito municipal.





















A convocatoria está fixada para as 19.30 horas no salón de sesións da Casa Consistorial. Un dos puntos da orde do día inclúe a proposta para designar as festividades locais de 2027. Tamén se presentarán dous expedientes de recoñecemento extraxudicial de crédito. Ademais, a corporación someterá a aprobación as actas das sesións celebradas os días 8 e 15 de xullo. A orde do día completarase coa parte de control, na que se dará conta das resolucións da Alcaldía e se abrirá a quenda de rogos e preguntas.
Estiveron acompañados polas técnicas de xuventude Mónica López Sanjurjo e Silvia Rodríguez Barreiro, para gozar das diferentes piscinas e tobogáns deste parque acuático. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa Verán a Tope en Xove 2026.
O prólogo é da profesora de Debuxo Camino Casabella Pumares, artista con raíces no Alfoz do Castrodouro, que participará na presentación xunto ao presidente do colectivo. Cinco dos pintores estarán presentes no acto, xa que Alaxe faleceu hai tres anos. A portada do caderno é obra do ilustrador Xosé Blanco. O evento celebrarase o sábado 8 de agosto ás 20:00 horas no castelo do Castrodouro, en Alfoz do Castrodouro.
O evento, organizado pola Asociación Cultural Xuvenil O Castelo reuniu a numerosos veciños e visitantes e celebrouse durante catro días. A programación incluíu actuacións musicais, actos relixiosos, xogos tradicionais e unha comitiva da camións, coches e motocicletas que percorreron todas as parroquias deste concello mariñán.
Villares destacou que a Administración autonómica reafirma o seu compromiso con esta cita, adicada a enxalzar a calidade deste produto do mar e a poñer en valor o esforzo dos profesionais do sector. Así mesmo, subliñou a importancia das festas gastronómicas na promoción turística e na dinamización económica da zona.
Este lume comezou o pasado mércores ás 13,35 horas e afectou finalmente unha superficie de 31,5 hectáreas de monte arborado. Para a súa extinción mobilizáronse, en total, 2 técnicos, 13 axentes, 27 brigadas, 24 motobombas, 3 pas, 3 helicópteros e 2 avións.
Félix Jorquera pasou polos micrófonos de RadioVoz no Barco Museo Boniteiro Virxe do Carme ao concelleiro de Mar, Ramiro Fernández; á presidenta de Ledicia (entidade organizadora), Rocío Rivera; ao presidente da Fedaración estatal de confraría de pescadores, Basilio Otero; ao xerente de Expomar, José Manuel González; ao membro de Fanto Fantini (entidade organizadora do Festival Osa do Mar), Diego Campo; á pregoeira Paula Jorge Hora; ao cociñeiro Bruno Pena e á alcaldesa e Presidenta da Deputación, Carmela López.



