A xornada formativa gratuíta Compra Pública Responsable de Produtos do Monte, organizada pola Deputación de Lugo, en colaboración con COPADE e Cova da Terra, e enmarcada dentro das accións do proxecto Madera Justa en Acción, arrinca mañá a partires das 9:30 horas no Salón de Actos do Pazo de San Marcos. O eixe desta acción formativa é a chamada “compra responsable”, consistente na adquisición de madeira e derivados por parte dos organismos públicos, atendendo a criterios de tipo ambiental e social.
As intervencións comezarán coa participación de Ana Ríquez, que presentará o proxecto europeo Linking Europe, e Alessandro Leonardi, que explicará os conceptos de madeira legal, responsable e xusta; ambos forman parte da Fundación COPADE. Tras eles, Begoña Fernández Ruíz, subdirectora xeral de Consumo, explicará os mecanismos que poden adoptar as administracións públicas para introducir os citados criterios sociais e ambientais nos procesos de compra. Durante a xornada tamén se presentará da Guía Europea de Madeira Xusta en Acción, e se analizará o impacto positivo deste xeito de compra.
Beneficios para administracións e produtores
Precisamente os beneficios que pode reportar a compra responsable, tanto para o sector forestal coma para o medio ambiente ou a economía, son os factores destacados polos expertos para avogar por este tipo de prácticas, especialmente nas administracións enmarcadas en zonas produtoras.
A provincia de Lugo é un dos principais produtores de madeira da Comunidade –conta co 35% dos máis de 2 millóns de hectáreas da superficie forestal de Galicia-, e a industria da madeira representa a segunda actividade industrial, sendo unha das tres primeiras actividades xeradoras de emprego nas zonas rurais. Así pois, o papel de grandes compradoras que exercen as administracións pode incentivar ás empresas dos sectores forestal e madereiro a adoptar boas prácticas -favorecendo a inserción laboral, a igualdade de xénero, a integración de persoas con discapacidade, e producindo de forma máis sostible e respectuosa co medio ambiente-. Ademais, a compra responsable contribúe ó mantemento das masas forestais, que inflúen decisivamente na calidade de vida das persoas que viven preto do medio forestal.