Ata o 17 de marzo os restaurantes ribadenses La Solana e San Miguel, ubicados no porto deportivo, ofrecen ós seus clientes a Quincena do Mar na que é posible saborear exquisitas racións, varias preparacións de merluza, rape e sargo e tamén un menú degustación. José Blanco, cociñeiro e propietario de La Solana, explica que “a idea xurdiu aproveitando que Ribadeo é centro gastronómico da zona”. Así, “podemos promocionar o porto como punto gastronómico de referencia dentro de Ribadeo e de toda a comarca a ambos lados da ría”, engade. Pola súa parte, José Ramón Rodríguez, cociñeiro e propietario do San Miguel, sinala que “uníronnos as ganas de facer algo importante para o porto, que a xente recorde que estamos aquí…”. Os que se acheguen ós restaurantes San Miguel e La Solana poderán desfrutar de racións degustación ó prezo de 6 euros cada unha. Ademais, José Ramón Rodríguez e José Blanco ofrecen varios pratos recomendados ós seus clientes cuns prezos que oscilan entre os 17 e os 20 euros.
