Burela, 20 de marzo de 2013. Satisfacción dos alcaldes do PP tras o encontro mantido esta mañá en Santiago coa conselleira de Sanidade para falar do futuro do Hospital da Costa. O rexedor de Burela, José Mª González Barcia, subliñou que “o hospital terá autonomía, manterá orzamento propio e o seu xerente terá maior ámbito de competencia ao integrar a Atención Primaria”. O obxectivo da Xunta pasa por “reducir os desprazamentos de doentes a Lugo, así coma incrementar os servizos que se prestan en Burela”, segundo asegurou o alcalde.
González Barcia dixo que “os alcaldes do PP saímos satisfeitos da xuntanza coa conselleira de Sanidade porque nos explicou polo miúdo o que se quere facer desde a Xunta de Galicia a través das estruturas de xestión e tamén nos explicou os pasos para ampliación do Hospital da Costa”.
O rexedor de Burela indicou que “a nova estrutura de xestión permitirá menos desprazamentos de doentes a Lugo, permitirá prestar máis servizos no hospital e unha coordinación absoluta entre atención primaria e atención hospitalaria. Mantéñense as áreas sanitarias, non desaparece a área sanitaria da Mariña, como algúns pretenden dicir, o xerente será xerente executivo con maior capacidade de decisión da que ten agora porque terá tamén responsabilidades sobre atención primaria e seguirá manexando o seu propio presuposto, tal e como ocorre por exemplo co Hospital do Salnés ou co Hospital de Valdeorras. Un e outro pertencen a áreas sanitarias similares ás que se van poñer en marcha agora, eles manexan os seus propios presupostos como se pode constatar nos orzamentos da Xunta”.
Para o alcalde “o que se pretende é priorizar a atención ao doente, que o doente teña máis e mellores servizos cerca do seu domicilio e que teña que facer os mínimos desprazamentos posibles”.
Ampliación
José Mª González Barcia tamén se referiu á ampliación do Hospital da Costa: “nunca antes se iniciara a elaboración dun plan director tal e como se fixo agora. E a través do devandito plan fixaranse as necesidades, sempre de acordo co persoal do hospital, da ampliación, pero barállanse coma prioritarios: mellorar a diálise, fomentar a cirurxía maior ambulatoria e o hospital de día oncolóxico”.
O rexedor burelés sinalou que “en todo momento a conselleira de Sanidade contestou punto por punto a todas as preguntas que lle realizamos todos os alcaldes, dun ou doutro signo. Os do PP saímos satisfeitos do encontro porque se nos disiparon as posibles dúbidas que puidéramos ter e é de agradecer que a conselleira de xeito reiterado manifestase a capacidade de xestión do Hospital de Burela e a capacidade resolutiva dos seus profesionais”.