O BNG RENOVA A SÚA DIRECCIÓN COMARCAL CO OBXECTIVO DE TRABALLAR A PROL DAS MAIORIAS SOCIAIS CASTIGADAS POLA CRISE ECONÓMICA E REFORZAR A CONCIENCIA NACIONALISTA NA MARIÑA
A FORMACION NACIONALISTA ESTENDE A SÚA APOSTA POLA RENOVACIÓN ÁS COMARCAS E CONFORMA UNHA EQUIPA SOLVENTE E RENOVADA CON PERSOAS DO ÁMBITO MUNICIPAL, DOS MOVEMENTOS SOCIAIS E SINDICAIS
MAIS DO 50% DA NOVA DIRECCIÓN COMARCAL SON CARAS NOVAS ENCABEZADAS POLA NOVA RESPONSÁBEL COMARCAL ANA ERMIDA IGREXAS
O BNG da Mariña celebrou o sábado asemblea comarcal dentro do proceso da XIV asemblea Nacional do BNG que levou a Xavier Vence Deza á portavocía nacional da formación nacionalista. No ámbito comarcal os nacionalistas apostaron por estender a renovación aprobada o pasado sábado en Compostela á Mariña, apostando por unha equipa que na Executiva supón un recambio de mais do 50% das persoas integrantes da anterior dirección a quen agradeceron o traballo realizado nos últimos anos.
Ana Ermida Igrexas, avogada e portavoz municipal en Barreiros será a nova Responsábel Comarcal xunto a unha equipa renovada e solvente con persoas do ámbito municipal, dos movementos sociais e sindicais. Márcanse como obxectivo traballar a prol das maiorías sociais castigadas pola crise económica e reforzar a conciencia nacionalista na Mariña.
Obxectivo: traballar a prol das maiorías sociais
A dirección comarcal elixida pola militancia da Mariña ten o reto de traballar a favor e da mao das maiorías sociais castigadas pola crise e o modelo económico que afoga a amplas capas da sociedade galega e da Mariña en particular, que está deixando sen emprego e sen recursos económicos a moitas familias da comarca e expulsando á emigración a centos de mozas e mozos preparados na busca dunha vida mellor que aquí se lles nega.
Na mesma dirección vincularon á obtención de maiores cotas de autogoberno e á capacidade para decidir sobre os recursos económicos propios a solución de moitos dos problemas que hoxe golpean á sociedade e nesa liña traballarán para reforzar a conciencia nacionalista da sociedade mariñá.