O PP pretende retrasar a idade de xubilación e abaratar as pensións en vez de crear emprego e financialas de forma máis xusta.
Foz, 25 de marzo de 2013.- O BNG de Foz levará a pleno unha moción para opoñerse ao decreto lei aprobado polo PP baixo o enganoso nome de “RD para favorecer a continuidade da vida laboral dos traballadores de maior idade e promover o envellecemento activo”.
Este decreto, en realidade, consiste nun conxunto de medidas impostas polo goberno de Mariano Rajoy, máis unha vez, eludindo o trámite parlamentario, e que significa un novo ataque aos dereitos da clase traballadora e, sobre todo, aos dereitos dos sectores máis desfavorecidos.
O PP quere que haxa pensionistas que traballen
Para o BNG, o que é especialmente preocupante é que nunha situación de paro alarmante (que alcanza o 50% na mocidade), na que hai grande dificultade de acceso ao mercado laboral por parte da xente nova, cando no noso país estamos de novo asistindo a un proceso de emigración realmente importante (o ano pasado, 25.472 mozos e mozas de entre 20 e 34 anos abandonaron Galiza, 2.122 ao mes, preto de 70 cada día), o goberno do PP, en vez de facer políticas para crear emprego, poñen en marcha medidas para alongar a permanencia no posto de traballo das persoas que chegan á idade de xubilación, o que vai dificultar aínda máis o acceso de mozos/as ao emprego.
Dentro destas medidas hai algo inaudito: créase a figura do “pensionista activo”, mediante a cal as persoas con dereito a cobrar unha pensión coa base reguladora do 100% poderán cobrar unha pensión do 50% e seguir traballando a tempo parcial ou completo. Esta medida so pretende retrasar a xubilación das persoas sen pensar en que estás deixando de crear un posto de traballo novo.
Para o BNG tamén son preocupantes as medidas dirixidas a dificultar o acceso a unha xubilación anticipada ou á xubilación parcial. “Atrásase a idade á que podes acollerte a eses dereitos e polo tanto vai polo mesmo camiño das reformas anteriores”. Tanto o PP coma o PSOE, levan anos querendo reformar de xeito brutal o sistema público de pensións, por mandato da banca e da troika europea, co fin de privatizalo e convertelo nun gran negocio . O BNG defende as pensións como o que son: un dereito fundamental do Estado de Benestar que entre todos e todas pagamos e sostemos (menos algúns sen vergoña) e que polo tanto debe continuar a ser público e accesible a todo traballador/a.
O PP quere acabar co subsidio de desemprego
Con todo, para o BNG aínda é máis alarmante o intento de dificultar o acceso ao subsidio de desemprego aos maiores de 55 anos posto que é un colectivo especialmente sensíbel porque neste momento é o que corre máis perigo de perder o seu posto de traballo e o que ten máis dificultades para acceder de novo ao mercado laboral. Por iso entendemos que é dunha “enorme hipocrisía” que se xustifique esta medida so pretexto de que o goberno fará especiais esforzos por pór en marcha políticas activas dirixidas a este colectivo.
Do mesmo xeito denunciamos desde o BNG que se precarizan as condicións familiares ao facer depender o subsidio dos ingresos das persoas que convivan na unidade familiar. O PP parte da base de que non son dereitos do traballador senón concesións do Estado aos traballadores cando quedan no desemprego, cando iso non é así, é un dereito que teñen en función de que durante os anos que estiveron traballando cotizaron, entre outras cousas, tamén para o desemprego.
Así, atopamos medidas como a de reducir a un 50% a prestación por desemprego ás persoas desempregadas que leven máis de 6 meses no paro, ou a de pór dificultades para acceder á axuda de 426 € ás persoas que quedaron sen ningún tipo de prestación que só pretenden castigar e cebarse cun dos colectivos que máis axuda e apoio precisa nestes momentos e seguir responsabilizando da actual situación ás traballadoras e traballadores, que son quen máis están padecendo as consecuencias da crise.
As pensións non están en perigo: asegúranse con políticas que cren postos de traballo e financiándoas de forma máis xusta
Desde o Goberno do Estado, amplificado por distintos medios de comunicación de masas, queren facer cre que o sistema actual de pensións corre perigo e que non é sostible, argumentando que dentro de 40 anos non haberá suficientes traballadores para soster as pensións e que gastaremos o 15% do PIB en pensións cando hoxe gastamos o 8%. En realidade estes son argumentos utilizados de forma enganosa porque non teñen en conta o aumento da produtividade, pois o máis probable é que un traballador producirá case o dobre en 2050 que agora, co cal podería manter case ao dobre de pensionistas.
O BNG xa ten denunciado, de forma reiterada, que o problema da sostibilidade do sistema público de pensións vén derivado da falta de cotizantes e que cunha política de creación de emprego adecuada o sistema no tería problema ningún. Estando de acordo co que algúns economistas aconsellan, as solucións pasan por aumentar a porcentaxe de emprego público que existe (o 10%, un dos máis baixos da UE-15, cuxa media é do 15%) e a ocupación das mulleres no mundo laboral (se tiveramos a porcentaxe de Suecia por exemplo, habería 2,8 millóns máis de traballadoras pagando impostos e cotizacións sociais). Ao mesmo tempo, habería que baixar a taxa de temporalidade dos empregos (mentres a media Europea non chega ao 17%, no Estado está preto do 40%).
Outra das solucións é corrixir o desigual financiamento das pensións. É inxusto que un dos banqueiros máis importantes do Estado pague á Seguridade Social unha porcentaxe moita menor que un empregado do seu banco. Como tamén é inxusto que unha persoa traballadora non cualificada (que vive 10 anos menos que unha persoa con renda dez veces superior) teña agora que traballar dous anos máis para pagarlle as pensións á persoa que lle sobrevivirá 10 anos.
Por todo isto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal instar ao Goberno do Estado a retirar o denominado “decreto para favorecer a continuidade da vida laboral dos traballadores de maior idade e promover o envellecemento activo” e poñer en marcha políticas reais de creación de emprego estable e de calidade.