Nunha sesión do Pleno Municipal de Viveiro, de data 31 de marzo de 2000, a proposta do Señor Alcalde naquel momento, e tan só cos votos a favor do Grupo Municipal do Partido Popular, grupo que naquel momento contaba con maioría absoluta, foi nomeado, D. Rodrigo Rato y Figaredo como FILLO ADOPTIVO DE VIVEIRO. Semellante distinción foille entregada no Salón de Plenos do Consistorio con data 6 de decembro de 2000. O Portavoz Municipal do Bloque Nacionalista Galego, argumentaba no pleno da proposta, tal e como consta na acta, o seguinte: “Ademais de considerar que non é o mesmo un outorgamento desta clase ó final da vida dunha persoa, que no caso do proposto, que aínda non se sabe como vai transcorri-la súa actuación no que resta da súa existencia” para expresar o seu rexeitamento a este nomeamento.
O transcorrer vital de Rodrigo Rato y Figaredo, está completamente afastado de Viveiro, xa non acude a Viveiro en época estival dende fai anos e incluso desapareceron os seus vínculos afectivos e familiares cara a nosa Cidade. Non cumpre polo tanto un dos requisitos básicos para unha distinción tan importante na nosa Cidade, que é o de promocionar, divulgar e defender os intereses de Viveiro. Rodrigo Rato y Figaredo non é polo tanto “un nuevo embajador, cuyo prestigio es ampliamente reconocido” como afirmou o Alcalde de Viveiro no momento da entrega do Título.
O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego, considera, que Rodrigo Rato y Figaredo, non merece ser Fillo Adoptivo de Viveiro, ademais, pola súa xestión ao fronte do Fondo Monetario Internacional, e ultimamente á fronte de Bankia, onde ademais de levar á entidade a quebra, o que provocou que houbese que destinar á entidade máis de 50.000 millóns de euros de diñeiro público, foron miles de persoas as estafadas polas participacións preferentes, persoas ás que se lles roubaron os seus aforros. A maiores, como máximo responsable da entidade, tolerou que o groso do equipo directivo saíse desta con indemnizacións millonarias que chocan con miles de traballadores de Bankia e que remataron no paro. Estes motivos fan que sexa un dos rostros do engano a miles de persoas, do desastre económico do Estado Español, e da profunda crise e recesión económica que estamos a sufrir a nivel internacional.
Señores coma Rato, son os culpables con nomes e apelidos, da crise económica, da posta en valor dos grandes capitais financeiros transnacionais, fronte ás persoas.
Ante o engano xeral a milleiros de persoas, as políticas económicas dirixidas cara os grandes capitais e non cara as maiorías sociais, a desvinculación con Viveiro, provocan que Rodrigo Rato y Figaredo, non sexa para nós, exemplo para ser “embaixador” e e polo tanto Fillo Adoptivo de Viveiro.
Polo tanto, o BNG de Viveiro instamos ao Pleno da Corporación Municipal de Viveiro, a adoptar o acordo de retirar a Rodrigo Rato y Figaredo o Título de Fillo Adoptivo de Viveiro.