A Deputación de Lugo acolle o vindeiro día 19 de marzo o recital que ofrecerán os alumnos de Grao Superior do Conservatorio Superior de Música da Coruña, dando deste xeito a oportunidade de amosar ós lucenses o seu talento. 30 destes alumnos interpretarán un variado repertorio de música barroca, entre o que se inclúen 5 cantatas do compositor alemán Johann Sebastian Bach, dirixidos pola batuta do músico profesional e profesor Abraham Cupeiro. Este tipo de composicións vocais soen ser interpretadas con instrumentos de vento e corda.
Estes 30 alumnos do Conservatorio coruñés ofrecerán este concerto coma peche da visita que farán á Colección de Instrumentos Musicais e Obxectos Sonoros que a Deputación mantén en exposición permanente do Centro de Artesanía e Deseño. O interese desta é indubidable tanto para os músicos profesionais coma para o público en xeral. De feito, a Colección foi declarada Visitable pola Xunta de Galicia no ano 2008 e forma parte do Rexistro de Museos e Coleccións de Galicia (MUGA). Do mesmo xeito, e pola importancia e sona que este tan acadado fóra da Comunidade, o Ministerio de Cultura incluíuna no Directorio de Museos e Coleccións do Estado.
O concerto celebrarase na Sala de Exposicións do Centro de Artesanía e Deseño, ubicada no pavillón central, a partires das 21:00 horas. A entrada é totalmente gratuíta e o aforo estará unicamente limitado pola capacidade do recinto.